Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

Campo da Feira gana na Feira das Nenas. Xan Rodiño gana en Absoluta e Lu en feminina.

Na Feira das Nenas da Silva o equipo multicampión, Campo da Feira de Paiosaco, seguiu a súa xeira de vitorias. Houbo 51 participantes, dos cales 10 foron mulleres. Semella que as cousas continúan igual que temporadas pasadas en canto ao título, pois FEI non ten rival, polo momento. Onde cambiou a situación é nas outras dúas posicións de podio. Se historicamente xogábanse esas dúas prazas APB e COQ, esta temporada, Filloas conformou un equipo de presente e de futuro, baseado nun sexteto temible, que forman Fran, Gándara, Miranda, Josecho, Lóis Fontán e Pedre. Así, igualouse o nivel dos que compiten pola segunda praza.

Campo da Feira de Paiosaco continúa ganando xornadas sen despeitearse, vaia, tampouco teñen moito onde peitear. Segundo foi Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Filloas de Sangue da Coruña, equipo que se reforzou moito e ben esta temporada e xa está recollendo os froitos. Pedre entrou na final a catro por vez primeira. Ademais, na xeral están a tan só 12 ptos da segunda posición de APB e manteñen a moita distancia a Cochiqueiros da Billarda.

En Individual Absoluta ganou Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Collazo de Campo da Feira e terceiro foi Juan Carlos do mesmo equipo de Paiosaco. En Femenina foi primeira Lu de Lúa de Forza, segunda Marisa do mesmo equipo e terceira Isa de Campo da Feira. En Infantil ganou Kevin de APB A Laracha, segundo foi Óscar García de Cochiqueiros e terceiro foi Roy de APB.

A xornada da Silva serviu para presentar a nova equipaxe deportiva dos xuíces de billarda. Unha prenda clásica e cómoda, sobria e sen alardes, unisex e en algodón. Medias, pantalón curto e parte superior, todo en cor negra. Moi boa transpiración e, sobre todo, resiste de maneira excelente as manchas.

Unha orquestra de 51 músicos animaron a mañá na Silva co seu concerto para instrumentos de madeira. Entre os sonoros golpes na billarda tamén houbo algúns silencios, os que se producían cando o palán cortaba o aire con violencia e determinación. Un asubío case inaudible soaba cando a billarda non recibía o seu. Unha mañá solleira e sen vento, unha superficie dura e resistente, foron o escenario e as actrices e os actores deron espectáculo do bo. Para mostra aquí quedan algunhas imaxes.

A VINDEIRA XORNADA SERÁ O 28 NOVEMBRO EN PASTORIZA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *