CRÓNICA 12 XOR LNB RÍAS BAIXAS MEIS
Esta ben seguro que en época de filloas necesítase auga e fariña. Meu dito meu feito, o sábado en Meis, xuntáronse os dous ingredientes e o resultado foi o triunfo de Fariña, o Fari. Esta temporada na LNB RIAS BAIXAS é temporada de Fariñas, pois, entre Manolo Fariña e Javier P. Fariña (Fari) xa levan no peto 5 xornadas das 12 disputadas.
Desde logo, o sábado, no pavillón de Mosteiro, Fari deu un paso fundamental para consolidar a súa carreira como actor. Despois, de facer unha aparición nunha serie de tv os medios de comunicación fixáronse nel e foi obxecto dunha entrevista en exclusiva sobre a súa vida deportiva. Ademais, sabemos de boas fontes que unha importante cadea de tv, Lúpulo 5, quere contar a súa vida nunha serie de 7 capítulos, co título “Pazos Fariña, todo fibra… óptica“.
Gharaboto ganou nas dúas categorías de Equipos. En Individuais, Fari de Corredoiras, María Caride de Gharaboto e Hugo de Gharaboto ganaron nas súas categorías. A xornada de Meis estivo a piques de converterse nun monólogo de Gharaboto. Só na Categoría Absoluta non tiveron a ningún representante no podio. Despois de 12 xornadas, a xeral de equipos féminas ten un claro e incontestable líder en Gharaboto Féminas. O interese vai estar na segunda praza do podio. Corredoiras Féminas recortoulle 29 ptos a Valpaços Terra Quente Féminas nas últimas 3 xornadas e xa se sitúa a 7 ptos do equipo de Vigo. As demais posicións están ben definidas e non cremos que haxa cambios de aquí ao final de temporada.
En equipos, Corredoiras está decidido a non ceder ante o empuxe do actual Campión Nacional Gharaboto, que continúa coa súa cruzada para intentar que o equipo de Bueu non o teña tan doado como nas últimas 4 temporadas. Os equipos do Salnés continúan terceiro e cuarto. Lúa moi afianzado na terceira posición e Laxe está aproveitando o bo momento dos seus xogadores para coller vantaxe sobre o quinto clasificado, Rinoceronte. Agora, o equipo do Grove está 16 ptos por enriba do equipo da capital da provincia. Sexto está Armadiña, quen está perdendo alento e ten o equipo pontevedrés 17 ptos por enriba. Valpaços é sétimo e aí quedará, xa que, está a máis de 60 ptos da sexta praza.
Nas clasificacións individuais, semella que os títulos están decididos para Ricar, en Absoluta, e para Bego, en Feminina, pois, levan 59 e 54 ptos de distancia sobre a segunda praza, respectivamente. A emoción estará nos postos de podio. As prazas que dan dereito a ser finalista LNB 2020 van ter loita ata o final.
Outro dato relevante é o número de xogador@s por equipo que compiten cada xornada. O equipo co cadro de xogador@s máis extenso é Armadiña, non obstante, cae ata a terceira posición en media de xogador@s que presenta cada xornada. Gharaboto é o equipo con máis xogador@s no campo de xogo cada xornada. Un dato positivo é que todos os equipos teñen unha media por enriba de 4 xogador@s por xornada. Rinoceronte e Laxe de Rons son as franquías con menos cantidade de xogador@s.