NOVIDADES nos Equipos de Billarda antes da fin de semana de competición
Na previa da sexta xornada da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Rías Baixas, temos información polo miúdo dos últimos movementos dos equipos. Así, Armadiña move o mercado e incorpora a Papi como reforzo de outono. Visto o que lle sucedeu ao equipo de Combarro na pasada xornada decidiron reforzar o equipo, xa que, a ausencia de Rodri nas dúas últimas xornadas notouse máis do necesario e cando algún dos 4 tenores, Cho, Manu, Peque e Diego non ten unha boa tarde o equipo nótao, pois, son 4 puntuacións as que se suman para o cómputo da clasificación de Equipos. En Moscoso tivo mala xornada Diego e Armadiña caeu ata o cuarto posto da xeral.
Pola súa banda, no Noroeste as novas están relacionadas coa praga de lesións que o equipo da Laracha, APB, ten que afrontar con paciencia e espírito de superación. Tres dos seus bois sagrados están afectados na complexa articulación do ombreiro e semella que vai para longo. Tanto, Añón, Cotelo como Lito teñen coraxe a proba de dores e sufrimentos, vaia, algún máis coraxe que outros. En efecto, na Laracha non é considerada unha casualidade esta confluencia de desgrazas e ben que xa se están investigando as causas deste misterioso caso APBendaxe. De momento, o que podemos afirmar é que os tres palanadores deféndese desas molestias con substancias químicas e psicótropas que lles axudan a calmar as dores e desta maneira competir cada domingo con normalidade. Mais, só eles saben o calvario que están sufrindo en silencio.