Venres, Setembro 20, 2024
ActualidadeXornada

CAMPO DA FEIRA vence en Folgueira. Xulio Ponte gana a xornada con grandeza e sen desguedellarse. Delia gana a categoría Feminina. Abel Ponte máis pequena é primeiro en Infantil.

A xornada programada para xogar en Arteixo tivo que disputarse en Folgueira, Castelo, Culleredo, pois o día amenceu con choiva, vento e frío norte. Entón, a pista cuberta de Folgueira é un escenario perfecto para xogar billarda sen mollarse. Así, a complexidade organizativa foi resulta coa incondicional colaboración dos concellos de Arteixo que achegou os trofeos e do concello de Culleredo que facilitou o uso das instalacións de Folgueira.

Ganou a xornada un intratable Xulio Ponte de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Bonxe de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei e terceiro Roi de APB da Laracha. En Feminina, ganou a sorprendente Delia de Chaínzos-Cadaval, segunda foi Lu de Lúa de Forza Sanxenxo e terceira Isa de Campo da Feira. En Infantil, foi primeiro Abel Ponte de Campo da Feira, segundo Óscar García de Cochiqueiros de Cerceda e terceiro Kevin de APB. En equipos, como non, ganou Campo da Feira, segundo foi Filloas de Sangue e terceiro APB.

Esta xornada era unha cita perigosa, sobre todo para APB, que se presentou sen dous dos seus máis representativos valores, o Tornado da Laracha, Añón, e o subcampión galego Iván, ademais do resto da sección Trasancos. Ocasión propicia para que o reforzado Filloas dera unha alancada importante nas súas intencións de achegarse ao segundo posto da xeral. Sucedeu que dos 4 xogadores que presentou APB ningún fallou e desta maneira púxolle as cousas difíciles a Filloas. Aínda así, o equipo da Coruña estivo 2 por enriba do da Laracha e agora a distancia na xeral é tan só de 10 ptos. Nas dúas últimas xornadas o equipo herculino estivo por diante do equipo larachés, cousa que fai comprimirse a clasificación. Por suposto, Campo da Feira, xoga noutra liga como se acostuma dicir cando se quere expresar o dominio deportivo dalgún equipo. E iso que lle deron descanso a varios xogadores consagrados, pero moi cargados de partidas de billarda, como Charli, Marc e Araña Edu. As rotacións tamén son necesarias na billarda? Ben, pola súa beira, Cochiqueiros de Cerceda fixo unha aposta moi arriscada e non lle saíu ben de todo, nin lle saíu algo ben. O amado líder deixou sen convocar a Viqueira, en clara crise de resultados, e deulle a oportunidade a un sempre dinámico e explosivo Boquete. Pois ben, o equipo non estivo ao nivel que se esperaba desta escuadra histórica que fixo unha aposta económica moi importante a principio de temporada. Ata seis patrocinadores entraron no financiamento da roupa deportiva do equipo e asumiron as dietas de desprazamento e manutención, que como podedes imaxinarvos non son cifras insignificantes, máis ben, son números de catro cifras, no escenario máis barato posible.

Encargouse da entrega de premios o vicepresidente da Modalidade de Billarda da Federación Galega de Deporte Autóctono, Lois Fontán. Trofeos e agasallos que proporcionou o Concello de Arteixo, moi implicado na divulgación e promoción deste deporte marabilloso da Billarda.

A clasificación xeral mostra unha disposición de dúas zonas ben definidas ou vai camiño diso. A zona na que hai palanadores, de momento 4, que se van disputar o título e as prazas de podio. Serán os tres grandes de Campo da Feira, Collazo, Juan Carlos e Óscar Ponte e o Dalai das Rías Baixas, Xan Rodiño. Despois, aparece a zona dos postos que darán dereito a participar nas finais de xuño, e que está encabezada por un Riveiro espectacular, seguido do mestre Gándara e dun emerxente Fran Cereijo. Despois, xa asoman as uñas Xulio e Roi, no oitavo e noveno postos. Detrás xa comeza a lea polas últimas prazas de finalista con moitos implicados.

Cada equipo ten os seus xogadores franquía que sempre suman o maior número de ptos para o equipo. Ben, en Campo da Feira, non hai cambios relevantes e son os de sempre Collazo, Juan Carlos, Óscar Ponte e Xulio. En APB, aos clásicos Roi e Cotelo, uníuselles esta temporada un mellorado Riveiro e un bestial Ricardo, ademais do subcampión galego, Iván. Filloas é o equipo que máis xente nova meteu nese papel de ser os xogadores referencia e aos clásicos e seguros Gándara, Miranda e Lois Fontán, este ano Fran Cereijo e Josecho déronlle outra dimensión ao equipo decano da Conferencia. E ollo con Pedre cando encontre continuidade nas súas aparicións. Cochiqueiros é a excepción aos demais e esta temporada as referencias cambiaron totalmente. Os clásicos Berdillo e Viqueira, semella que perderon protagonismo en favor de Abel Regueiro e Alberte, veremos se este asalto do poder dentro do equipo da cochica non ten consecuencias negativas, pois sabemos que hai certo malestar por parte dos xogadores sagrados. Para empezar, nesta xornada Viqueira xa non foi convocado. Esperemos que o amado líder saiba xestionar os egos das súas figuras.

XAN RODIÑOLÚA125
COLLAZOFEI114
JUAN CARLOSFEI103
OSCAR PONTEFEI97
RIVEIROAPB83
GÁNDARAFIL83
FRAN CEREIJOFIL82
XULIOFEI80
ROI APB77
ABEL INFFEI73
MIRANDAFIL73
RICARDOAPB70
COTELOAPB70
ELADIOFEI68
IVÁNAPB67
MARC FEI64
ABEL REGUEIROCOQ64
JOSECHOFIL64
EDUARDOFEI63
ALBERTECOQ60
LOIS FONTÁNFIL60
BERDILLOCOQ60
LITO PENAAPB59
ENRIQUEFEI59
CHARLY VARELAFEI55

Para consultar as demais clasificacións picar enriba de clasificacións.

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *