Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

NOVA XORNADA DA LIGA FEDERADA DE BILLARDA… ou como as hidroeléctricas se cruzan no camiño da Billarda… resistiremos!

Os medios deportivos reflicten o acontecido en Cabanas o pasado domingo pola mañá. Tanto, bisbarra en xogo na súa web e no seu facebook como Diario de A Laracha na súa web e no seu facebook son notarios do alí sucedido.

En papel, foron Nós Diario e tamén  DxT Campeón os que informaron da xornada de Cabanas.

Tamén, todas as fins de semana Galicia en Goles informa dos resultados da Liga Federada de Billarda. Aquí queda o audio e tamén un vídeo de como anunciaron esta fin de semana pasada a programación da tarde do domingo a través de Twiter.

De todos os xeitos, os medios de comunicación non chegan a ser notarios de todo o acontecido e vivido nun campo de billarda. Situacións e detalles pouco usuais ou inéditos e que deixan pegada na memoria colectiva. De novo o grande EGASA a pé de campo soubo recoller o que o xornalismo non vé. O reporteiro que mellor se manexa coas redes, por algo é alcumado Araña, captou un suceso paranormal. Ben, sabemos que os campos de billarda son escasos no noso país, polo momento. Pois ben, moitas veces hai que adaptar terreos para a práctica da billarda e estes terreos teñen unha orografía e topografía particular e propia. Esta vez foi nun antigo campo de fútbol en Cabanas a carón do piñeiral da Madalena e da praia que leva o mesmo nome. Os protagonistas foron un poste de madeira, xa retirado da súa función de sustentar os cables eléctricos, e o Araña de Peisaco, Edu García. Ben, presentados os protagonistas e descrito o escenario, só queda madurar o argumento desde o seu inicio ata o desenlace final. A trama comeza cun golpe fabuloso de Araña que acada os corenta metros e deixa a billarda, practicamente na entrada no varal. Claro está que non contaba o bo de Edu con que a súa caprichosa billarda fora a situarse xusto detrás do poste que decoraba o campo. Edu esbozaba un sorriso, pois sabía que o seu golpe fora moi bo. Mais cando se acercou ao lugar da aterraxe e mirou que o poste se interpoñía na traxectoria, acordouse de FENOSA e das compañías eléctricas. O resto mellor que o vexades neste vídeo que será inesquecible para as xeracións vindeiras.

Para saber como finalizou o reto case imposible de Araña teredes que ollar estas imaxes de abaixo, arrepiantes, pavorosas, terroríficas, perversas e demoníacas. A Carapuchiña Araña contra o lobby hidroeléctrico… unha loita desigual, non obstante, de imprevisibles consecuencias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *