Martes, Marzo 19, 2024
ActualidadeXornada

COLLAZO, saboreou un RIVEIRO con ganas e venceu en… Cabanas. Isa sorprende a todas e lévase a vitoria. Abel Ponte dominou a categoría Infantil. Campo da Feira ganou en Equipos.

No antigo campo de fútbol do piñeiral da Madalena, en Cabanas, disputouse a segunda xornada da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Noroeste. Agradecer a colaboración do Concello de Cabanas por permitirnos xogar neste espazo paisaxístico e de recreo estupendo. A herba foi cortada convenientemente polos operarios do concello de Cabanas. Contamos tamén coa presenza do Alcalde Carlos Ladra na entrega de trofeos. As 11 é un horario ideal para a práctica deportiva. 51 persoas de 6 clubs de billarda, entre elas, 13 mulleres e 4 participantes en idade infantil, presentáronse para este gran desafío de percorrer os 50 metros do campo de billarda. Semella doado, dito desta maneira. Non obstante, hai que engadir que ese percorrido hai que facelo a pé e sempre detrás dunha billarda que para avanzar por terra, herba ou aire precisa ser golpeada. Son catro golpes e moitos os atrancos que hai que superar. Daquela, xa non parece tan simple. De todas as maneiras, podemos dicir que o 71% das persoas participantes conseguiron entrar coas súas billardas en algunha das 4 carreiras. Fantástico! A xornada anterior fora o 69%. Ademais, foron 3 xogadores, Marc, Lito e Xan, os que entraron nas 4 carreiras da fase de grupos, a xornada pasada foran 4 xogadores.

O triunfador da xornada foi Collazo de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Riveiro de APB da Laracha e terceiro o incombustible Eladio de Campo da Feira. En categoría Feminina ganou Isa de Campo da Feira, seguida de Marisa de Lúa de Forza Sanxenxo e terceira foi Delia de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei. En Infantil ganou Abel Ponte de Campo da Feira, segundo foi Kevin de APB A Laracha e terceira Noa de Filloas de Sangue da Coruña. En categoría de Equipos ganou Campo da Feira, segundo foi APB e terceiro Filloas de Sangue.

Campo da Feira continúa co seu dominio e non se albisca no horizonte quen poida vencelo, pois ademais de ter calidade no seu cadro de xogadoras e xogadores, ten cantidade.

ACTAS

Collazo dominou a xornada con brazo de ferro. O gran palanador de FEI rematou a final como se merecía e como cobiza calquera xogador, cun varado alucinante e que deixou mudos aos seus contrincantes e ao público asistente.

Riveiro foi o infiltrado na final, pois non lembramos, nin fixemos ningún esforzo de documentación para encontrar o dato de cando subiu Riveiro por última vez a un podio de xornada. O certo é que o de APB estivo acertado no momento xusto e só a actuación prodixiosa de Collazo na final, entrou en 2 golpes na primeira carreira desta final e fixo un varado na segunda carreira, deixou ao único Riveiro que compite de ti a ti co Albariño a un chanzo da gloria.

O xogador que máis ptos achegou ao equipo de Filloas de Sangue foi Miranda con 13 ptos e en Cochiqueiros destacou Marco con 11 ptos. No equipo da Chaira salientar a presenza de Pepe Vidal, que fixo o que puido, mais a inactividade notóuselle e, sobre todo, que non se afai ao vento mareiro e ese olor a salitre.

O equipo Lúa de Forza presentou en Cabanas ao seu novo xogador Martín Caneda. Unha das fichaxes da LÚA para consolidar o equipo con experiencia e vigor nesta nova temporada e por que non, pensar en revalidar o título.

Na imaxe de abaixo comparamos varias cifras interesantes sobre número de xogad. que presentou cada equipo, idade media deses xogad. e ptos conseguidos na xornada. Que cada quen faga a súa análise e valoración.

Unha vez sumados os ptos, as clasificacións xa comezan a marcar tendencias. Así, na clasificación de equipos, Campo da Feira inicia o seu obxectivo de volver conquistar o título e facelo ganando todas as 16 xornadas. A loita polo podio este ano vai estar máis cerrada, xa que, Filloas deu un salto de calidade e cantidade e converteuse nun serio candidato a ese segundo lugar que historicamente lle correspondeu a APB. Cochiqueiros está sufrindo a ausencia dos xogadores que máis puntos proporcionan ao equipo de Cerceda, Berdi e Viqueira. Tócalle remontar nas vindeiras xornadas e non dubidamos que estarán preto de APB e FIL. Despois, tanto Lúa como Chaínzos-Cadaval van depender do número de xogad. que poidan presentar en cada xornada.

EQUIPOSLOCALIDADEptos
CAMPO DA FEIRAPAIOSACO132
FILLOAS DE SANGUEA CORUÑA103
APBA LARACHA102
COCHIQUEIROSCERCEDA61
LÚA DE FORZASANXENXO58
CHAÍNZOS CADAVALCASTRO DE REI51

En Categoría Feminina, esta temporada pensamos que o título vai estar entre Irene, Isa e Delia, sempre que acudan a todas as xornadas, sen descartar ás sempre presentes Silvia, Sonia, Raquel, Mercedes e Auri. O aumento da participación feminina está repercutindo moi positivamente no espectáculo e na alegría que se vive en cada xornada.

FÉMINASEQUPTOS
ISAFEI12
IRENECOQ11
DELIACHA11
SILVIACOQ8
SONIACOQ8
MERCEDESFEI8
MARISALÚA8
AURIFEI8
RAQUELCOQ8
IRIAAPB6
MERCHEAPB4
LULÚA4
ÁNGELESFIL4
NOAFIL4
MARICARMENFIL4

Na categoría Absoluta, xa se comeza a situar un grupo de xogadores que van loitar polo título e que xa superan os 30 ptos en dúas xornadas, ou sexa, aquelas persoas que teñan unha media de 15 ou máis ptos por xornada van estar con opcións de podio. Quen queira o título vai ter que navegar no mar dos 20 ptos ou moi pretiño del. Outro grupo vaise acomodar na zona do abismo, entre ser finalista e non selo. Este grupo corresponderá a quen teña unha media por xornada entre 10 e 15 ptos.

De momento, podemos observar que hai 3 xogadores que están moi por debaixo das súas prestacións da temporada pasada. Referímonos a Xulio, Cotelo e Roi. O caso do baixo rendemento de Cotelo está fundamentado no trauma que pasou na Final LAB de Sanxenxo cun Rinoceronte. Aínda está tratándose nunha clínica de terapias alternativas para superar as secuelas daquel traumatismo psicolóxico. Ánimo Cotelo, ti podes. Nas outras dúas situacións, Xulio e Roi, puxemos en mans dun experto analista os resultados destes dous grandes palanadores nesta xornada. Xulio comezou moi ben, entrando en 3 e 4 golpes nas dúas primeiras carreiras, pois mantiña o efecto efervescente de acudir a unha voda o día anterior, efecto que foi desaparecendo nas dúas últimas carreiras nas que non entrou, e efecto que desapareceu por completo no desempate a un golpe que tivo que facer con outros 3 palanadores para 3 prazas. Foi Xulio o que quedou fóra. A actuación de Roi, pois, o analista non encontrou causa nin razón a que non dera entrado en ningunha das 4 carreiras, polo tanto, puxemos en mans de Iker Jimenez as actas do grupo de Roi.

Pola contra, Marc e Eladio, os Varela 4.0 e 2.0, están na zona dos mellores da clasificación. O máis novo da saga, Marc, está a tan só 5 ptos do liderado e golpeando de xeito bestial. Eladio, o de Eladio é talento puro, o patriarca dos Varela é quen de golpear a billarda a 3 cm do chan e avanzar 30 ou 40 metros como quen asubía.

ABSOLUTAEQUPTOS
XAN RODIÑOLÚA37
COLLAZOFEI36
MARC FEI32
JUAN CARLOSFEI31
LITO PENAAPB30
ELADIOFEI28
GÁNDARAFIL28
EDUARDOFEI25
CHARLY VARELAFEI25
RIVEIROAPB25
ABEL INFFEI24
MIRANDAFIL23
RICARDOAPB23
OSCAR PONTEFEI22
JOSECHOFIL22
BONXECHA21
ABEL REGUEIROCOQ20
JESUS INSUAFIL19
FRAN CEREIJOFIL18
LOIS FONTÁNFIL18
CHACHOFEI17
ENRIQUEFEI17
COTELOAPB16
ROI APB15
ALBERTECOQ15
XULIOFEI15
MARCO ANTONIOCOQ15

FOTEGASA

VINDEIRA CITA

3ª XORNADA

PAIOSACO 10 OUTUBRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *