Sábado, Abril 27, 2024
Actualidade

ECOS DA FINAL DA LIGA ATLÁNTICA DE BILLARDA ou FÁBULA DO RAPOSO E O RINOCERONTE

Hoxe publicamos dous documentais diferentes, mais os dous están preñados da épica da billarda. Cada un deles encerra un fábula asombrosa e educativa. O primeiro documental ten como protagonistas a catro intrépidos palanadores que tiveron que afrontar o reto de decidir cos seus ptos o Título por equipos, xa que a falta das últimas carreiras no grupo 5 e 6, os seus equipos estaban distanciados por só 1 pto. A final por equipos xuntou aos 5 mellores equipos de billarda de Galicia, Campo da Feira Paiosaco, APB A Laracha, Lúa de Forza Sanxenxo, Gharaboto Marín e Rinoceronte Pontevedra. 6 xogador@s de cada equipo competían para ver cal deles era o mellor desta temporada de billarda. 4 carreiras para conseguir ptos e 4 golpes en cada unha desas carreiras. En total, cada xogador e xogadora deu 16 golpes, ou sexa, o total dos 30 participantes deron 120 golpes. Pois ben, o desenlace foi propio dunha serie de suspense.

Como introdución dicir que CharLi Varela de Campo da Feira xogaba no grupo 5 xunto con Raio Verde Xián de Lúa de Forza. No grupo 6 xogaba Óscar Ponte do equipo de Paiosaco xunto con Juanchi do equipo de Sanxenxo. A orde de lanzamento decidiu que nesta última carreira golpearan os xogadores de FEI antes que os de LÚA. Así, o drama estaba servido e as imaxes son claras e meridianas do que sucedeu, de todas as maneiras imos explicar como foron os feitos. Antes destas dúas carreiras, LÚA tiña 27 ptos e FEI 26. No grupo 5 Charli entra en dous golpes e o Raio Verde fai o mesmo. Deste xeito, LÚA poñíase con 30 ptos e FEI con 29. No grupo 6 Óscar golpea por segunda vez para conseguir practicamente o Título ou asegurarse o empate a ptos con LÚA, posto que Juanchi fallou o primeiro golpe e xa tiña moi complicado entrar con 3 ptos. O demais forma parte da historia da billarda e queda recollido neste audiovisual titulado Fábula da Lúa no Campo da Feira.

Sen máis preámbulos mirade o segundo documento audiovisual alucinante, asombroso, arrepiante e atávico, aterrador e abominable, que foi gravado o domingo 1 de agosto no Campo de Billarda de Nantes, no concello de Sanxenxo. Unha vez decidido campión e sub-campión debía decidirse a última praza de podio. Remataron empatados a ptos APB e RINOCERONTE, daquela debían ir ao desempate. 6 enfrontamentos individuais entre os 6 integrantes de cada equipo. O drama estaba servido para ser mastigado. No enfrontamento entre os números 1 de cada equipo, Daniel o Rino e o Raposo da Laracha Cotelo, decidíase a sorte desa terceira praza de podio. Daniel entrou no terceiro golpe e Cotelo tiña que entrar nese terceiro golpe para forzar outro desempate. Ben, aquí queda o audiovisual coa Fábula do Raposo e o Rinoceronte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *