Crónica social da xornada 8 LNB NORLESTE Meira domingo 2 febreiro
O Aberto do Lacón reuniu a 80 persoas baixo o teito do pavillón de Meira. Esta circunstancia eleva a 74 a media de participación total nestas 8 primeiras xornadas. A media queda en 68, se contamos só xogador@s adscrit@s á LNB NOL. Estas son cifras magníficas e que representan o estado de saúde da práctica deportiva da billarda na provincia de Lugo. Moitas cousas se están facendo ben no colectivo billardeiro NOL. Pensamos que entre estas moitas cousas hai tres que son moi significativas para explicar o aumento de practicantes. A difusión e divulgación da billarda durante os concertos, festas, festexos e celebracións múltiples do verán e nos medios de comunicación e redes sociais. O compromiso cultural e comunitario de moitas Asociacións e colectivos. Este ano podemos poñer o exemplo de Castiñeiro Milenario e Madia Leva. E, por suposto, o esforzo continuado e a dedicación sen piedade dos equipos LNB para conquistar as vontades e mentes de persoas que non coñecían a billarda ou non encontraban un oco na súa axenda vital para xogar billarda.
O pavillón de Meira ten unha superficie na que as billardas non voan senón escorregan camiño do varal. Daquela, rara foi a carreira na que non entrou alguén no primeiro golpe, co cal a carreira ía a 5 golpes máximo. Circunstancia que reduciu a duración da xornada. A pesar de todo, a xente precisaba sentar para non consumir calorías sen sentido
Antes do comezo había caras de preocupación en Sachas e Navallo. Era de esperar despois da desfeita do equipo das Troitas na pasada xornada de Castro de Ribeiras de Lea, na cal O EQUIPO perdeu a posición de finalista LNB. Ademais, Sachas estaba realmente responsabilizado da situación, pois non asistiu a aquela xornada por estar de viaxe de ocio polo Levante español, cousa que non sentou ben a X.L. Gutierrez, presidente do consello de administración do equipo.
Pois ben, quen faltou a esta xornada foi precisamente Guti e… ben que o notou o equipo. Troitas ganou a xornada con enorme comodidade, fundamentada esta vitoria na perfecta actuación de NOÉ (25 ptos), Navallo (22), Regueiro (22) e Toño (21). A análise e valoración deste importante triunfo de Troitas non pode afirmar con contundencia cal foi a súa causa. Quizais, podemos combinar varios factores. Primeiro o impecable golpeo de Noé durante toda a tarde, segundo a presenza de Sachas como conselleiro espiritual e terceiro a ausencia de Guti que sempre esixe demasiado ao equipo e este sae con moitos nervios e tensión.
O Aberto serviu para a lembranza do noso compañeiro Xosé da Flor durante a entrega de premios. Tamén, houbo tempo para destripar o MURIMAR. O marcador ideado e construído polo Da Vinci de Tapia, Muriego, descubríunos o secreto da súa procedencia. A Reciclaxe e a Reutilización son os dous cornos que leva na fronte Muri. Así, o marco do MURIMAR é o da foto do seu esposorio ou casamento. Desexamos que con esta información a compañeira sentimental e de convivencia de Muri non siga preguntando máis “Muri, sabes onde estará o marco da nosa voda? Ao mesmo tempo, Muri non terá que seguir ocultando a cruel realidade con evasivas que poden desgastar a inquebrantable firmeza das súas relacións sexuais, cando non amor. Vaia, tampouco é asunto noso… ou si, pois a saúde física, sensual e mental é clave para golpear ben a billarda. O exemplo máis claro e evidente tivémolo en Noé. O troiteiro fixo voto de castidade hai unha semana e… aí están os resultados.
Ao finalizar o Aberto do Lacón as nosas cámaras captaron unha imaxe inquietante, preocupante e desacougante. CHA, un dos equipos sobranceiros da Terra Chá estreou en Meira unha equipación cun sistema revolucionario de transpiración que mantén a musculatura a unha temperatura ideal para a práctica da billarda. Ben, pois na foto de abaixo vemos a Cortón e Iker nun dos vehículos oficiais de Chaínzos-Cadaval. Vós mesmas, vós mesmos podedes tirar conclusións ou incógnitas. Que está facendo Cortón lendo o libro de instrucións da nova equipación do equipo? Ou, simplemente, que fai Cortón lendo?
Vindeira xornada en Riotorto, 15 febreiro. Primeira vez que se xogará en Riotorto. Sachas está preparando o terreo a conciencia… a pouca conciencia, vaia, a que ten o formidable palanador de Troitas.