A Gran Final 2021 da Liga Atlántica de Billarda Xogáronse só as finais da mañá INFANTIL-VARADOS-EQUIPOS
A mañá estaba gris e indecisa. O campo de Billarda de Nantes en Sanxenxo presentaba un aspecto fabuloso para a práctica da billarda, nin frío, nin calor. As 11 da mañá comezou a disputarse a categoría Infantil. 13 participantes que se preparaban para xogar co entusiasmo contaxioso que existe nesta etapa da vida. Os adultos que contemplaron este marabilloso espectáculo tamén gozaron dese entusiasmo infantil como se esa época xa pasada das súas vidas regresara por uns instantes. A cousa foi que había nenas e nenos de distintas idades, entre os 5 anos e os 14. As nenas máis cativas fixeron o que puideron, os nenos máis cativos divertíronse entre risas e algo de concentración e distracción. Sobre todo, mostraron un grande interese e un comportamento excelente, cousa que espertou aplausos e palabras de ánimo e admiración por parte de familiares, achegados e outros seres do bosque e do ceo.
No aspecto competitivo, despois da fase de grupos, na que se disputaron 4 carreiras en dous grupos, Hugo de Gharaboto Marín pasou como primeiro do grupo A e Aroa de Billardeiros Musicais Ribadeo como segunda. No grupo B foi primeiro Óscar García de Cochiqueiros Cerceda e segundo Xián de Lúa de Forza Sanxenxo. Desta fase dicir que pasaron todos os favoritos menos Abel Ponte, un dos talentos infantís de Campo da Feira Paiosaco, que non tivo boas sensacións durante esa hora de xogo. Despois xa se foi entoando conforme avanzou a xornada, pois na final por equipos xa comezou a afinar o seu golpeo estratosférico.
Chegou a fase definitiva con 4 finalistas que xogaron 4 carreiras. Pois ben, Hugo, Óscar García e Aroa partían con certo favoritismo para ocupar as prazas de podio, por idade e porque son moi bos. O Raio Verde con 8 anos tamén tiña algunhas opcións, pois sábese que ten unhas calidades innatas para xogar billarda. Non obstante, houbo que esperar a ver as 4 carreiras da final para decatarnos que algo máxico estaba a piques de suceder. Lembrar que as dimensións do Campo de Billarda de Nantes son de 50 metros de longo por 15 de ancho. Entón, golpe tras golpe o espectáculo ía en aumento. Na primeira carreira entrou Xián no segundo golpe e ninguén máis puido entrar. Na segunda carreira entrou Hugo no segundo golpe e Xián no cuarto golpe. Na terceira carreira é onde se produciu o intre no que o misterio e as enerxías telúricas inundaron a todas as persoas presentes. Certo que será difícil de entender, pero moi doado de explicar. A Carreira Máxica, como será lembrada polos presentes e narrada ás xeracións vindeiras. O Xián golpeou co músculo do bosque e a billarda voou tal cal paxaro impulsado polas alas da humanidade… voou, voou e voou, para acabar tomando terra a poucos metros da entrada do varal e coa forza da inercia entrar no varal como un Raio. Simplemente… Sublime!
Pero, non quedou aquí a cousa, a maxia continuaba, Óscar entrou no segundo golpe, Aroa no terceiro e Hugo no cuarto, impresionante. Porque dicimos impresionante momento de maxia, porque xa veremos máis abaixo as actas da competición por equipos. Só nunha carreira das 24 que se xogaron entre os 6 grupos da final por equipos todos os xogadores foron quen de entrar e, polo tanto, de puntuar. E outra cousa sorprendente, Xián conseguiu 10 ptos no total das 4 carreiras. Se botamos os dous ollos ás actas da categoría por equipos, vemos que ninguén chegou a esa cantidade, nin el mesmo, que tamén formaba parte do equipo de Lúa de Forza Sanxenxo. En fin, na billarda faise maxia, mais non todos os días, só nalgún intre especial, único e irrepetible. Quedará para sempre na memoria colectiva do deporte galego e nas memorias das persoas que presenciaron ese instante.
OS FINALISTAS
PODIO INFANTIL
Despois disputouse a categoría Varados, tamén chamada Categoría de Golpeo. No primeiro golpeo colocouse Juan Carlos primeiro, Daniel segundo e Óscar Ponte terceiro. Despois do segundo golpeo, mantívose Juancar primeiro, Che avanzou ata a segunda posición e Juanchi ata a terceira. Na terceira quenda de golpeo Juanchi xa se situou primeiro, praza que non abandonaría ata o final. Abel situouse segundo e Juancar pasou á terceira posición. Cuarto golpeo e as posicións non cambian. Quinto e penúltimo golpeo, Óscar Ponte supera a Abel e colócase segundo. Último golpeo, Juancar recupera a segunda posición e Che sitúase terceiro. As medicións foron moi precisas e centimétricas, cando non milimétricas. Juanchi chegou coa súa billarda a 3, 72 m da entrada do varal, Juancar a 4,60m e Che a 5,38. Óscar o xogador que se clasificara para esta final por 3 cm, quedouse fóra do podio por 61 cm.
Na categoría por equipos, Campo da Feira como campión da Conferencia Noroeste e Lúa de Forza como campión da Conferencia Rías Baixas partían con certo favoritismo, segundo todas as persoas expertas en billarda. Pois, desta vez as previsións cumpríronse e ata o penúltimo golpe da última carreira do último grupo a vitoria estivo incerta. Xogaban a última quenda os grupos 5 (campo 1) e 6 (campo 2). Chegaban os equipos con estas puntuacións, Gharaboto Marín con 11 ptos, APB A Laracha con 19 ptos, Rinoceronte Pontevedra con 22 ptos, Campo da Feira Paiosaco con 26 ptos e Lúa de Forza con 27 ptos. Ou sexa, estaba definida a quinta posición para GHA. Para o título estaban loitando FEI e LÚA e para a terceira praza de poido, RIN e APB. O primeiro que rematou foi o grupo 5, no cal Charli entrou no segundo golpe con 3 ptos, Xián tamén en dous golpes con 3 ptos, cousa que mantiña a distancia de un punto a favor de LÚA. Pois ben, nin Cris entrou en catro golpes, nin Merche entrou en catro golpes co cal a cousa quedaba coa mesma distancia a favor de RIN de 3 ptos.
Polo tanto, a emoción e o desenlace final quedaba no campo 2 co grupo 6. Competían Óscar Ponte por FEI e Juanchi por LÚA. Óscar fixo un golpe inicial magnífico e quedouse a 10-12 metros aproximadamente do varal. Juanchi no seu primeiro golpe dá aire. Segundo golpe de Óscar, fenomenal golpeo, mais a dirección non é correcta e a billarda sae de fondo pegada a unha das varas do varal. Segundo golpe de Juanchi e a billarda xa se sitúa uns 5 metros detrás da de Óscar. Terceiro golpe de Óscar, outro magnífico golpeo e desta vez a billarda caprichosa golpea na outra vara do varal e vaise fóra de fondo. Terceiro golpe de Juanchi, golpe descomunal, pero a billarda sae de fondo por enriba dos eucaliptos. En fin, xa quedaba o último golpe e tiña que meter Óscar para conseguir un pto e empatar con LÚA. Despois, rezar para que Juanchi non entrara. Ben, Óscar golpea a billarda mordida e avanza uns metros, co cal non puntúa. A vitoria xa estaba asegurada para LÚA. Golpea Juanchi relaxado e non entra.
Agora, tiña que decidirse a terceira praza de poido entre APB e RIN. Non pintaba ben para APB, pois Bieito debería entrar cun varado para superar a puntuación de RIN e esperar que Lola non puntuase. Non foi dun varado pero Bieito entrou no segundo golpe e con 3 ptos a cousa estaba empatada. Lola non entrou en catro golpes e non puntuou. Daquela, empataban a ptos APB e RIN para a terceira praza. O desempate fíxose a unha carreira nun enfrontamento por parellas, os números 1 de cada equipo entre si, os números 2 entre sí, e así ata completar os 6 xogadores de cada equipo. De novo, sucedeu a situación máis emocionante que se podía esperar, despois de acabar 5 emparellamentos había empate. O último enfrontamento que faltaba por rematar era o dos números 1 Daniel de RIN e Cotelo de APB. Daniel entrou no terceiro golpe e debía golpear o raposo da Laracha tamén o seu terceiro golpe. O desenlace, mellor que o vexades reflectido nas actas, porque de momento non publicaremos o vídeo que temos deste momento de máxima tensión competitiva e de como a máis simple das accións realizada miles de veces con éxito, ás veces resulta imposible repetila cando se necesita de maneira imperiosa.
As finais programadas para a tarde foron adiadas para o domingo 5 de setembro, no mesmo lugar e mesma hora, 16 horas Individual Feminina e 17:30 horas Individual Absoluta. Tamén, decidiuse que participaran as mesmas persoas que estaban inscritas para xogar o 1 de agosto. Na Categoría Feminina xa estaban sorteados os grupos e manteranse eses grupos para o 5 de setembro. Tempo suficiente para que cada xogadora estude, analice e valore ás súas rivais de grupo. Así mesmo, os xuíces de campo e de varal terán tempo para preparase a fondo.