X TORNEO ABERTO DE BILLARDA MONCHO VALCARCE (AS ENCROBAS-PONTOXO-CERCEDA)
O X Torneo Aberto de Billarda Moncho Valcarce contou cun cento de persoas que chegaron de todo o país. Máis de medio cento delas aproveitaron a boa temperatura para xuntarse a xogar billarda nun dos lugar emblemático da billarda, a carón do busto en granito de Moncho Valcarce.
O resto de persoas contemplaron o espectaculo das billardas voando sobre As Encrobas. Desde hai 10 anos, o equipo de Cerceda, Cochiqueiros da Billarda, organiza este Torneo de Billarda, coa colaboración da AC LUCERNA e a IRMANDADE MONCHO VALCARCE.
“Moncho Valcarce dedicou a súa vida á defensa dos máis necesitados, situándose sempre ao seu carón. Resulta difícil atopar un enfrontamento no campo, na época da transición, na que os labregos non o chamaran para apoialos, xa fose contra o caciquismo ou contra unha administración aínda con reminiscencias franquistas, ou contra a construción de encoros ou contra a usurpación dos montes veciñais, etc. De tal xeito, Moncho convertiuse, por méritos propios, no referente carismático daquelas loitas agrarias -das que expoñemos aquí as máis emblemáticas- sufrindo por iso detencións malos tratos, multas e marxinación eclesiástica.” (Irmandade Moncho Valcarce).
Durante a entrega de trofeos houbo un acto de homenaxe diante do busto de Moncho Valcarce ao que asistiron todas as persoas tanto as que xogaron como os demais espectadores. O acto foi presidido polos representantes da Irmandade Moncho Valcarce e un representante do equipo Cochiqueiros. Pronunciou unhas sentidas palabras Xácome Santos, presidente da Irmandade, sobre a figura de Moncho lembrando as súas accións e as súas obras para que a memoria colectiva non se esqueza nunca. Por parte do equipo de billarda local falou Berdillo. Para finalizar o acto soou por megafonía a Cantiga das Encrobas de Fuxan os Ventos.
Os podios do Torneo foron, na Categoría Absoluta, foi primeiro Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo Ricardo Torres de APB A Laracha e terceiro Xosé Collazo do mesmo equipo. En Categoría Feminina, quedou primeira Sonia de Cochiqueiros de Cerceda, segunda Rosi de APB e terceira Silvia de Cochiqueiros. En Categoría Infantil, venceu Valentín de Filloas da Coruña, segundo Kevin Torres e terceiro Roy Torres os dous de APB.
Ao finalizar os actos de homenaxe todas as persoas participantes tiveron ocasión de degustar uns petiscos no local social de Pontoxo grazas ao equipo local Cochiqueiros. De novo unha grande organización por parte das panteiras de Cerceda, tal foi a cousa que houbo que desaloxar o local, pois estaban dando as 15:30 h. e a xente non se marchaba para casa. “Que só eran petiscos, que a comida forte tendes que facela nas vosas casas“, berraba Abel Regueiro, mentres Sergio Boquete comezou a pasar a vasoira polo chan. Vaia, a xente interpretou o acto de Boquete de maneira correcta e comezou a desfilar.
ACTAS
FOTOS