Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

Lúa de Forza gana en Cangas sen remangar as mangas

A tarde solleira non impediu que a temperatura fora baixa e que as persoas máis lixeiras de equipaxe vestiran roupa acoirazada. Certo que ás catro da tarde, hora de comezo, a epiderme dalgún que outro brazo resplandecía e incluso lucía. Si, as dúas grandes xogadoras que levan ese nome propio tiñan a pel das extremidades superiores libre de roupa. A herba do Estadio de Atletismo de Cangas estaba vigorosa e húmida, robusta e primorosa. Algo branda, para o gusto dalgunha palanadora.

 

Os equipos tiñan ás súas grandes figuras e aos seus grandes corpos atléticos sobre o campo e prevíase igualdade entre as tres escuadras que loitan o título. Corredoiras Bueu xogaba na súa comarca do Morrazo e partía cun lixeiro favoritismo por mimetismo xeográfico e paisaxístico. Gharaboto chegaba como líder sólido e cun colchón importante de puntos sobre os seus perseguidores. Lúa de Forza Sanxenxo, pois, ao axexo para aproveitar calquera debilidade deses dous equipos. Valpaços Terra Quente de Vigo tiña unha nova fichaxe e continúa na súa liña de incorporacións. Algo que se está notando nas súas actuacións que cada vez están máis próximas ás dos 3 grandes equipos. Armadiña de Combarro chegou moi desarmado a Cangas e con tan só 4 xogador@s fixo o que puido que foi bastante e consolida a terceira posición na Categoría Equipos F. Rinoceronte cos seus 3 tenores estivo aceptable.

Ben, os bos golpes comezaban a ser escasos e antollábase unha xornada de carencias. Así foi, os puntos non abondaron e só un intrépico, afouto e irreductible palanador foi quen de achegarse á vintena de puntos. O Fari con 21 puntos foi o máis produtivo da xornada. Todos os demais quedaron por debaixo dese límite que normalmente marca unha xornada excelente dunha moi boa xornada. O outro lindeiro que separa unha moi boa xornada dunha mediana actuación é o dos 15 puntos. Así, por enriba desta zona quedaron Xan con 19 ptos, Tania, Juanchi e Ricardo Lois con 17 ptos. Con 16 ptos quedaron Álvaro, Charri e Carolo. Finalmente, Xián, Chicho e Anxo chegaron aos 15 ptos.

Esta xornada foi a menos produtiva de todas as disputadas ata o momento. O claro exemplo é a puntuación do equipo vencedor, Lúa de Forza Sanxenxo, con tan só 67 ptos. Outros datos curiosos, a media de puntos por xogador/a foi de 11 ptos e a media de puntos por equipo foi de 51 ptos. Cifras que indican a dificultade deste terreo de xogo. Ademais, coincidiu co parón competitivo da época de Nadal. Época de inactividade que engade un factor máis de dificultade para acadar puntos.

Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo foi o ganador da xornada, por diante de Fari de Corredoiras Bueu e terceiro foi Malvido do mesmo equipo. En Categoría F a vencedora foi Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo, segunda Lu de Lúa de Forza e terceira Antía de Gharaboto de Marín. En Categoría Infantil o ganador foi Xián de Lúa de Forza e segundo Gael de Armadiña de Combarro. En Categoría Equipos A venceu Lúa de Forza, segundo foi Corredoiras e terceiro Gharaboto. En Categoría Equipos F, venceu Valpaços F, segundo foi Gharaboto F e terceiro Lúa F.

Actas

 

Nas clasificacións individuais os líderes manteñen a súa posición. Así, en Categoría Individual A Xan (170 ptos) distanciouse un pouquiño de Xián (161 ptos) e de Piru (156 ptos). Ademais, Álvaro (155 ptos), o subcampión da temporada, pasada xa está ao axexo das prazas de podio. Por detrás, Ricardo Lois (139 ptos) encabeza o grupo de perseguidor@s dese cuarteto que se distanciou un anaco e que o forman Albino Veiga (134 ptos), Bego (131 ptos), Chicho (128 ptos) e Charri (125 ptos).

Na Categoría Individual F, Bego (131 ptos) continúa co seu dominio, aínda que nesta xornada Lu (123 ptos) volve a situaerse a 8 ptos da supercampioa de Bueu. Tania (115 ptos) non está lonxe e completa o podio. Antía con 104 ptos, Belmira con 100 ptos e Elena con 97 ptos parecen as candidatas a disputar esas prazas de podio. A realidade confirma que hai unha gran favorita ao título e varias candidatas que poden dar emoción ao desenlace. Acercarse cada vez máis á inalcanzable xogadora de Corredoiras será a súa misión case… imposible ?

Na Categoría Individual Infantil o Raio Verde continúa co seu paso firme cara a un novo título. Antía é a única que pode competirlle os podios de cada xornada e ben que o fai. A xogadora de Gharaboto ten unha mecánica de golpe fabulosa e cada vez está máis cerca dunha regularidade que a convertirá nunha das referencias femininas da billarda galega. Salientar o debut do infantil Gael co equipo celeste de Combarro.

 

Na Categoría de Equipos A, Gharaboto mantén o liderado, agora con 4 ptos de distancia sobre Lúa e 29 sobre Corredoiras. Nesta xornada as diferenzas de puntos foron escasas. Así, o equipo verde de Sanxenxo ganou cunha marxe de 3 ptos sobre Corredoiras e de 5 sobre Gharaboto. Aínda que Corredoiras está a bastante distancia dos dous primeiros clasificados, ninguén dubida que o tricampión Galego estará pronto ameazando o liderado. Por iso, tanto Gharaboto como Lúa deben aproveitar nestes momentos de debilidade do equipo de Bueu. Deben almacenar nesta época de inverno na que os pavillóns poden converterse en piornos de puntos que hai que debullar durante a primavera. Valpaços ocupa con contundencia a cuarta posición e nas próximas xornadas de inverno veremos se o equipo de Vigo pode mirar cara arriba, cara a esa terceira posición de podio. Armadiña mellorou o rendemento da temporada pasada e ocupa a quinta posición, o talento mozo de Marcos e Ainhoa foi un pulo extraordinario. Rinoceronte mantén o tipo co trío de tenores, José Manuel, Gonzalo e Lola.

En Categoría Equipos F, Gharaboto ten 24 ptos máis que Valpaços e nesta xornada xó cedeu 1 ptos co poderoso equipo morado de Vigo. Antóllase demasiada distancia, mais con Valpaços pódese esperar a remontada. Difícil vemos que o equipo F de Marín poida ceder, non obstante, veremos. A terceira praza de podio que ocupa Armadiña F está consolidade e Lúa F vai ter que mellorar moito se quere acercarse á posibilidade de ter opcións. Actualmente a distancia entre ambos é de 25 ptos. Corredoiras F busca reforzarse, pois só con Bego e Chefa non lles dá para acceder ao podio da competición.

Fotos

VINDEIRA XORNADA

3 FEBREIRO

MOAÑA

2 comentarios en «Lúa de Forza gana en Cangas sen remangar as mangas»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *