Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

ABEL REGUEIRO gana no Pontoxo, seica… cunha billarda de toxo

As Encrobas foi escenario, un ano máis, dun sentido homenaxe a Moncho Valcarce como se merece, xogando billarda e compartindo sentimentos, emocións, cultura, deporte e gastronomía. Todo transcorría con normalidade no espazo do Pontoxo e ás billardas custáballes non saírse dos límites dos campos de xogo, bastante estreitos e cunha elevación do terreo nos metros finais de chegada aos varais. 40 participantes e 6 equipos en competición. O de sempre, os favoritos e favoritas axustaban os seus golpes ás dimensións dos campos e as cousas semellaban estar destinadas ao dominio dos grandes do Noroeste. Non obstante, un feito particular e a todas luces novo foi o que desencadeou o final inesperado e imprevisible. Si, desta vez o equipo organizador, Cochiqueiros da Billarda de Cerceda, tivo a ben achegar como premios unhas marabillosas e nutritivas empanadas de nécoras. Pois ben, a empanada exerceu de efecto engaiolante e impulso arrebatador sobre un dos palanadores do equipo que nunca tivera un rendemento tan asombroso e brillante. Imparable, soberbio, extraordinario e inigualable son algúns cualificativos descritivos para acercarse ás accións do camaleónico Abel Regueiro sobre a pista mixta do Pontoxo. Mellor algunhas imaxes para que as vosas retinas, nervios ópticos e neuronas aprecien e valoren a proeza cochiqueira de acertar, por fin, coa ferramenta de motivación para os seus xogadores e xogadoras, algo decaídos nas últimas xornadas polos resultados mediocres da franquía de Cerceda. O Abel Regueiro voou sobre as baldosas do Pontoxo e non é un recurso literario (ollade estas dúas fotos de abaixo).

O Aberto ganouno Abel Regueiro de Cochiqueiros da Billarda de Cerceda, segundo foi Óscar Ponte e terceiro Collazo, os dous de Campo da Feira de Paiosaco. En categoría feminina foi primeira Marisa de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda Isa e terceira Auri, as dúas de Campo da Feira. En categoría infantil, ganou Abel Ponte de Campo da Feira, segundo foi Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceiro Kevin de APB A Laracha.

Todo parece indicar que o Amado Líder de Cochiqueiros deu coa fórmula máxica, coa apócema, co elixir da vitoria e non desbota que o equipo da cochica se acerque aos postos de privilexio do Noroeste.

“Xa non descartamos optar ao título de Conferencia, iso si, imos ter que gastar por enriba do orzamentado se queremos ter empanadas en todas as xornadas de liga que faltan”

Berdi facía estas declaracións ao rematar o torneo de billarda. Desde logo, todo é posible e nada é inimaxinable. Veremos se na seguinte xornada a empanada de nécoras mantén o seu efecto vitorioso. Por suposto, nalgún medio deportivo xa se publicou a imaxe do bravo palanador de Cochiqueiros.

Tamén estivo presente o mellor xogador de billarda canario, Luis Tomás, o Moreno de Tahíche. A súa progresión é meteórica. Neste torneo xa avanzou ata os cuartos de final. Certo que ten o asesoramento físico-técnico do Araña e iso permitiulle dar un chimpo de calidade importante. Entre os cativos, destacar o crecemento deportivo de Valentín, unha das últimas fichaxes de Filloas. O neno de 12 anos que debutou hai un mes xa mostra unha clase excepcional e un interese por evolucionar fóra do común. Gústalle o deporte e nótase. O mesmo que os dous nenos de APB, Kevin e Roi, que sementan os campos de xogo coa súa alegría espontánea e vitalidade xenuína. Neste torneo participaron as novas adquisicións de COQ, Aleixo e Lucas, dous cativos máis para o Noroeste. Xenial!

FOTEGASA

PRÓXIMA CITA

13 febreiro

OLEIROS

9ª XORNADA

LIGA ATLÁNTICA DE BILLARDA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *