Luns, Outubro 7, 2024
Actualidade

FIN DE SEMANA DE BILLARDA FEDERADA

Outro intento máis nas Rías Baixas para inaugurar oficialmente o CABI (Campo de Billarda) de Nantes. A xornada terceira da LAB Conferencia Rías Baixas celebrarase o sábado 22 maio, se a climatoloxía o permite e semella que o vai permitir, aínda que o ceo non se mostrará azul de maneira rotunda. Será ás 5 da tarde. Charri continúa de líder desde o mes de outubro de 2020. 8 meses de fama para o mexicano de Bueu. Agora deberá demostrar se realmente merece subir ao Olimpo das estrelas da Billarda. Por diante, 8 xornadas de liga ata o 31 de xullo. Tamén, estará en xogo o liderado de equipos, xa que, Lúa de Forza avantaxa nun único pto a Corredoiras. Estes dous equipos non descoidaron a preparación durante o descanso forzado e sabemos de boa fonte, que tanto a Estacada como o CABI de Nantes foron os lugares habituais dos seus adestramentos. Dos demais equipos non podemos dicir o mesmo, nin parecido. Apenas, algúns xogadores de Laxe de Rons acercáronse ao CABI a adestrar esporadicamente e outros poucos de Valpaços, algúns Rinoceronte da reserva de Sanxenxo. Armadiña, nin colleron o palán na man, nin saben onde os deixaron gardados. Veremos como lle apuntan ao pau o sábado. Non esperedes milagres. Haberá moitos ceros, tendo en conta que o CABI Nantes é de dimensións olímpicas, 50m de lonxitude e un terreo de terra-herba que complica o salto da billarda.

 

 

 

 

Na Conferencia Noroeste, disputarase a 4ª xornada na contorna paradisíaca do MELGA. Ponteceso, na desembocadura do Anllóns foi o lugar elixido pola Federación DEPAU para disputar unha xornada máis da Liga e poñer a proba tanto talento que hai na billarda, pois o campo do MELGA é un dos máis esixentes da competición. Ademais dun terreo de xogo mixto de cemento, herba e terra, contempla unha zona de vexetación agreste detrás dos varais, onde as silvas ventureiras, estrugas salvaxinas e xestas caprichosas forman unha muralla verde que mete medo ás billardas e ás xogadoras e xogadores. Así, antes de perder todas as billardas, algún palanador prefire quedarse sen entrar no varal despois de 4 golpes. Veleidades da condición humana.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *