Reflexións sobre a Xornada das Encrobas
As consecuencias da xornada 10 da LNB NOR non se fixeron esperar máis de 72 horas. Xa temos as manifestacións do capitán e adestrador de Filloas sobre o acto de indisciplina de Landras. “A liberdade e a innovación nunca deben ser penadas. Filloas é un equipo aberto e con futuro, por iso os grandes xogadores coma Landras se senten tan ben para desenvolver todas as súas potencialidades“, respondeu Lois Fontan ás críticas que os medios deportivos publicaron sobre a actuación de Landras, que lle supuxo ao equipo rematar último na xornada do pasado domingo 26 de xaneiro.
Que sucedeu con Landras? Pois, moi simple, o anárquico e xenial Landras tiña un golpe de desempate con Araña para pasar terceiro de grupo ou quedarse a velas vir. Ao visionario Landras non se lle ocurriu outra cousa que situar a billarda coa punta mirando para oriente no canto de poñela na súa posición natural coa punta mirando cara ao varal. Segundo os seus miolos, dese xeito, a billarda rotaría sobre o seu eixe, situado en perpendicular ao meridiano 8, e permitiría ofrecer unha superficie maior de impacto á súa vista algo cansada de tanta lectura esotérica. Resultado: na adega dos seus fracasos había lugar para unha barril máis. Landras volveu a desafiar á realidade empírica e perdeu 2 ptos para o seu equipo, xa que, no caso de ganarlle a Araña debería enfrontarse a Andrade no cruce de cuartos e, pasase quen pasase dos dous, era 1 pto máis para o equipo. Cousa que lles daría 44 e evitarían a última praza.
Tamén, temos imaxes da estratexia que o equipo herculino tivo a ben empregar na última xornada para debilitar aos equipos rivais. O plan ideado por Filloas consistía na sementeira de amuletos “anacaroretiños” sobre o terreo de xogo das Encrobas. Non deu os resultados agardados. Despois do visto e oído, deberían devolver os amuletos e pedir o reintegro dos 66 euros que pagaron por eles. Están en garantía e comprobouse que non teñen as propiedades alucinóxenas anunciadas no prospecto.

Por outra beira, de novo Ladito, un adiantado ao seu tempo no mundo do calzado deportivo para xogar billarda, presentou o novo modelo zapatolandra. Este calzado xunta certas características que o fan ideal para competir no ciclo de outono-inverno na LNB. Así, ten unhas acanaladuras na sola que fan contacto co chan e axudan a manter a tracción, ao mesmo tempo, o molde do zapato proporciona espazo cómodo para que as dedas nos estean atofegadas. A súa estética lembra moito a froito do Carballo, Aciñeira e Sobreira. En tono verde landra e rematado nunha punta marrón carapucho foi a sensación das Encrobas. Bravo Eladio, ninguén coma ti sabe tratar os pés.
Aquí quedan algúns golpes sensacionais, outros estupendos e pouquiños, unicamente correctos.
Agora as clasificacións xerais quedan do xeito seguinte.
Para rematar, dicir que os números, as marcas, os títulos e as proezas deportivas ademais de motivar a alegría e satisfacción de quen foi protagonista deles, serven para debuxar un horizonte cromático atractivo e motivante, que nos move a observalo e a camiñar cara a el. Campo da Feira está a unha xornada de igualar unha marca histórica que ten Corredoiras. Esta marca ten que ver co número de xornadas consecutivas e ininterrumpidas que leva de líder na LNB NOR. Nada máis e nada menos que desde a temporada 2016-2017. O equipo de Paiosaco tamén ten a marca LNB de xornadas ganadas de xeito consecutivo, establecido en 27 xornadas.