Xoves, Outubro 3, 2024
ActualidadeConferencia NoroesteLiga Nacional de Billarda

A BILLARDA deporte xa… axiña! Previa da xornada das Encrobas LNB NOR

Na previa da xornada LNB NOR das Encrobas estamos perto de conseguir un dos obxectivos que tiña na súa orixe esta aventura marabillosa chamada LNB, que a billarda fose recoñecida como deporte de seu. Pois ben, o camiño iniciouse no 2005 coa creación da ACD O Varal para dar forma xurídica a este movemento de recuperación da práctica da billarda en todo o territorio galego. Desde aquela, ademais de difundir a práctica da billarda ao abeiro do modelo LNB cunha liga anual e con TABs (Torneo Aberto de Billarda) en época estival por todo curruncho, festival, concerto, feira e mercado popular, houbo outro tipo de accións ante as institucións coa intención de dar un paso definitivo para que a billarda perviva para sempre e se practique no noso país. Estes movementos chegaron a unha meta decisiva e esencial, o recoñecemento da billarda como modalidade deportiva. A finais do 2018 comezouse un proceso que desembocará nun par de semanas cunha reunión coa Secretaría Xeral para o Deporte en Compostela de representantes das 3 conferencias LNB. Nesta reunión a SXD explicará como vai realizar o procedemento de recoñecemento da billarda como deporte e a súa idea da futura Federación de Deportes Autóctonos.

Os feitos foron deste xeito. A finais de 2018 a LNB presenta envía un escrito a todos os grupos parlamentarios solicitando unha xuntanza.

En febreiro do 2019 esa xuntanza ten lugar, primeiro cos grupos parlamentarios da oposición, PSOE, EN MAREA e BNG, e despois co grupo parlamentario do PP. En abril, o BNG presenta 1 Proposición non de Lei en Pleno (PNP), 1 Proposición non de Lei en Comisión (PNP) e 1 Pregunta Oral en Comisión POC. En xuño, esas proposicións e esa pregunta son tratadas. O grupo parlamentario do PP achega emendas a esa proposición. Finalmente, é aprobado un texto transaccionado (ou sexa que inclúe a proposta inicial e máis as emendas achegadas) por unanimidade. Este texto insta á Xunta de Galicia a tomar en consideración esta proposta aprobada en Comisión 1 do Parlamento de Galicia. Abaixo aparecen os documentos oficiais.

Pois ben, a Xunta fixo os primeiros movementos para cumplir o texto desta proposición non de lei. En decembro do 2019 modifica algúns artigos da Lei do Deporte de Galicia para poder crear esa futura Federación de Deportes Autóctonos.

E agora, dá o segundo. Desde a Secretaría Xeral para o Deporte van convocar unha reunión coa LNB para falar sobre as súas intencións para cumprir o que o Parlamento lle propuxo.

 

Non queremos esquecer a actualidade da LNB. Esta actualidade pasa pola cita das Encrobas da Conferencia Noroeste. O lugar emblemático das Encrobas (Pontoxo-Cerceda) está sendo lugar dos adestramentos previos dos equipos do NOR. Chegáronnos imaxes dunha sesión de FEI. Vemos como os de Paiosaco usan técnicas de adestramento medievais que Guillermo Tell puxera en práctica. Este personaxe lendario da independencia suiza (s. XIV) adestraba a súa puntería lanzando frechas contra unha mazá colocada na cabeza dun cativo. Campo da Feira coloca unha billarda Tarántula na cabeza de Edu e deste xeito practica puntería Collazo. Ademais, teñen unha serie de amuletos e talismáns polas paredes do centro cultural das Encrobas para que espante os malos aires. Cada xogador vai levar no peto do chandal un fetiche defertilidade, o anacoretiño, Con estas sofisticadas técnicas de adestramento e estes obxectos de poder e maxia non poden fallar o domingo.

ANACORETIÑO
COLLAZO adestrando sobre o terreo das Encrobas

 

Por outra beira, chegounos algún dos vídeos intimidatorios elaborados por Filloas e de Campo da Feira para meter medo aos rivais. No primeiro, Gándara ameaza con volver escachar e esnaquizar o palán contra o chan se a súa billarda non entra no varal. Incluso, podería escachalo contra a cabeza dalgún de Campo da Feira ou de Lúa de Forza. Mete medo o mestre Gándara, estará tomando a medicación axeitada?

 

Campo da Feira enviounos as imaxes de Abelrratatatata. O maior fende paláns da Comarca de Bergantiños. Promete arremeter contra quen se atreva a desafialo. Tamén, mete medo, vaia, menos medo que Gándara, pero… en fin, “familia de Abel, a ver se o retedes este domingo con algunha obrigación dominical ineludible“, isto manifestou Óscar García, que vai xogar de local e quere dedicar o seu triunfo a Berdillo, axente e adestrador persoal do talentoso xogador infantil de MAC.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *