CRÓNICA Aberto de Manzaneda 22 agosto
Despois dos últimos Abertos por terras de Trives e Caldelas, as conclusións son claras e concisas, a billarda ten practicantes na provincia de Ourense, e a necesidade de crear unha Conferencia LNB é meridiana. Ademais, estes practicantes son de diferentes idades e condicións, o que fala en voz alta, do arraigo deste deporte tradicional nestas comarcas e en toda a provincia.
O Aberto de Manzaneda contou coa actuación estelar de Lito Prado, un educador social que leva moitos anos traballando como técnico de cultura no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e que podemos considerar e consideramos como o maior experto mundial no eido da divulgación e ensino do patrimonio lúdico da provincia ourensá, Pois ben, Lito, educador, divulgador, investigador e barriés de nacemento, está sendo profeta na súa terra, e debería ser candidato a patrimonio da humanidade no apartado de Lingua e Cultura de Ourense. Participou no Aberto de Manzaneda con moi boa técnica, pero con pouca eficacia. Ao quedar eliminado na primeira fase, tivo tempo para reflexionar sobre a vida e as castañas, sobre o cooperativismo e a amizade, sobre a billarda e a porca… En fin, aínda non regresou a Ourense desde o xoves pasado, seica se liou nun par ou máis de tabernas de Manzaneda e …
O Aberto tivo competidores de moita calidade… humana, da outra… pssssse, psssse… o equipo da Marea Verde de Manzaneda, con Roi como ganador e Pablo como segundo clasificado, mostrou o seu poderío e confirma que están preparadas e preparados para afrontar o reto de competir na futura Conferencia LNB Ribaira Sacra e representar a Ourense na FinaLNB 2020. Estas fotos e o audiovisual dan mostra destas afirmación.