Sábado, Abril 27, 2024
ActualidadeConferencia Norleste

CHAÍNZOS pescou en río… de Troitas

Xa temos as imaxes enviadas polo noso equipo de filmación do centro territorial da Mariña Oriental ubicado na Pontenova. Temos que advertir que as imaxes poden ferir a sensibilidade de certos equipos, pois, semella que só xogaron palanadoras e palanadores do equipo local Troitas. Temos que desculpar esta excesiva exaltación do produto local, pero, como dicía Noé, “hai que aproveitar agora, que cando chegue o inverno cos seus pavillóns inmisericordes teremos que despertar deste soño”. 

Todo estaba preparado para a vitoria do equipo local. Incluso, este ano desprazaron o lugar de xogo ata o campo de herba artificial da Mina para xogar nun terreo favorable aos intereses do equipo Pontenovés. Pois ben, como sucede en algunhas ocasións especiais, algún augafestas chegou da Chaira para esnaquizar todos os actos que estaban preparados para a celebración desta anunciada vitoria troiteira. Si, Chaínzos-Cadaval ganou por equipos e Pepe de Outeiro levou a navalla na man e deixou a Navallo na man… de Sandra.

O equipo co teito salarial máis elevado da LNB, CHA, está xustificando a súa decisión de reforzar o equipo para esta temporada, sen medir gastos. Foi tal a desilusión de Troitas que na foto de abaixo, onde aparece o equipo ganador da xornada, hai dous Troitas infiltrados, que non se resignaron a non aparecer no podio. Tamén, xúrdennos unha interrogante ao contemplar a equipación anárquica e desconxuntada de Chaínzos-Cadaval, que pasa cos chandals e camisetas das novas incorporacións? Tampouco queremos deixar pasar a ocasión para manifestar a nosa solidaridade con Rubén e enviarlle unha mensaxe a Kiko. Sabemos que Rubén fixo un rosco, pero, é motivo suficiente para non poder saír na foto máis que un ollo do rapaz?

 

Ao finalizar a xornada puidemos recoller as impresións de varios dos protagonistas nunha conexión vía internet. Empezamos polo director deportivo de Troitas, Guti. Este afirma que non foi tan mala xornada para a franquicia Pontenovesa. “Facer un segundo posto individual e un segundo por equipos non é facil e máis co nivel dos demais. Os novos veñen fortes. Creo que cumprimos nun céspede que non é o máis axeitado para a práctica da billarda, e ademais, vendo como rivais do nivel de Daniel, Chousa, Albariño, Isma, etc. facían uns números moi discretos, creo que aparte do Reo de Castropol, con 22 ptos, os demais estiveron aí. Tanto Regueiro como Sachas e Manolo fixeron uns números aceptables. Por outro lado, fallounos o Salmón de Xudán, Noé. Non se sabe por que circunstancias non rendiu ao seu nivel. Pode ser que estea nervioso por casar seu irmán. As mulleres, salvo Carme, non rendiron a grande altura, pero xogar na casa pesa e o traballo de facer eses postres tan ricos tamén merma facultades. Así que, seguimos aí, nos primeiros postos. Forza Troitas Bravas”.

Por outra beria, conseguimos as primeiras palabras de Noé, que xustifica o seu baixo rendemento dun xeito bastante convincente. “Este ano cambiei a estratexia. Estou empezando relaxado, pois despois de ir a clases de ioga durante o verán, vin a luz. Amais, recoñezo que non estou ao nivel dos tres tenores do equipo, Sachas, Navallo e Regueiro. Vou esperar a Xaneiro para iniciar a remontada na clasificación”.

Pola súa parte, a sinceridade de Navallo é inagotable. “A varita estaba funcionando perfectamente e a súa maxia era irresistible, pero, na terceira carreira, acerqueime a beber nos labios de Sandra e saín embriagado. Fixen 2 ptos e aí escapouseme a vitoria”. O Mago de Castropol quedou segundo con 22 ptos, un menos que o vencedor, Pepe Outeiro.

O máis directo e preciso na súa análise foi Sachas, “Fallei eu con ese puto cero na cuarta carreira, senón outro galo cantaría. Quedoume na esquina e non din feito, pois intentei metela directa. Aprendín, non creo que me pase outra vez”.

Non ganaron a xornada nin mantiveron o lederado, pero algo máxico sucedeu co equipo troiteiro

 

 

Pola súa beira, o equipo de Castro de Rei deu un golpe de palán enriba da mesa, mellor dito, enriba da herba artificial do campo da mina. Ganou a xornada e situouse líder da xeral. “Despois da regular campaña que fixemos o ano pasado, onde non puidemos entrar nos tres primeiros postos que dan acceso ás finais de Compostela decidimos tirar de talonario e dar frescura ao equipo con xente implicada. Creo que o conseguimos. Intentaremos dar guerra e pelexar por todo. Ilusión non nos falta. Forza equipo!”, estas foron as palabras de Pepe Vidal.

É ben sabido que Kiko, o mecenas e filántropo chairego, solicitou un crédito para reforzar o equipo. Todo indica que foi acertada esta decisión. “Os cartos están ben investidos”, indicaba Kiko. Ademais, o equipo xa está notando os efectos da nova técnica de golpeo S-Ciancazo, técnica de golpeo importada de Verona polo patrón dos Chaínzos-Cadaval.

Kiko, antes de comezar ensinando ao equipo a realizar correctamente o S-CIANCAZO

 

Tonecho, un dos mellor árbitro de campo da LNB e primeiro candidato a arbitrar a FinaLNB 2020, confirmaba que “a xornada foi moi boa para o noso equipo. Os novos compañeiros e compañeiras demostraron ter un xogo caralludo. A organización foi moi boa”.

Non podiamos deixar de falar con dúas das incorporacións relumbrantes de CHA para esta temporada. Primeiro, conseguimos as opinións de Bonxe, palanador procedente do circuito de Abertos de Verán. Tivo varias oferta. Finalmente, aceptou as mellores condicións económicas do equipo chairego. Como incorporación estrela do equipo está cumprindo con nota e xa está situado no grupo dos dez primeiros na xeral. “O de fichaxe estrela non o consideraría así, temos un equipo con moita experiencia que nos aconsellan aos que chegamos recentemente a este espectacular mundo da billarda, díxonos Bonxe. En canto a ser o mellor pagado do equipo, imos esperar ao próximo mes, pois, de momento, a miña conta segue igual. Creo sinceramente que imos estar na loita polo título. Os rivais son duros, pero con tantos adestramentos e cos grandes terceiros tempos ou sexta carreira que facemos, vai ser difícil que nos arrebaten o primeiro posto. A clave na vitoria da Pontenova foi a churrascada que nos levou Pepe de Outeiro e Cortón aos novos na previa da xornada, cousa que nos encheu de moral e tamén de viño”.

Outra das fichaxes relumbrantes é a de Delia, que subiu ao podio feminino na Pontenova. “Despois da primeira experiencia en Castroverde, que non resultou moi positiva, Kiko e os veteranos do equipo esixíronme que sacara o xenio que levo dentro, e fíxenlles caso”, isto reflexionaba Delia sobre a súa enorme actuación na Pontenova. Preguntada polas súas sensacións ao estar no podio ao lado da máis grande xogadora da historia da LNB, Geni, a de CHA mostrábase natural, humilde e sincera, “a miña meta é aprender algo máis deste deporte e, sobre todo, pasalo ben. Animo ás mulleres galegas a participar máis e adentrarse neste mundo, onde a maioría son homes”. Ao mesmo tempo, deixounos mostra da súa ambición, “a Geni quero dicirlle que vailla mercando unhas caixas de tila… que igual pasa algunhas noites sen durmir”. Este novo Chaínzos-Cadaval ten moi boa pinta. Veremos cando cheguen as choivas a calidade da proteína de churrasco lles dará para manterse no máis alto.

O resto dos equipos están á espera de mellor ocasión. Billardeiros mantéñense acubillados na terceira posición e só están a 8 ptos da primeira praza. Carabullo estivo mellor que na primeira xornada e está a 16 ptos do podio. Billarda Verde e Remourelle tiveron boas actuacións cun cadro de xogadores moi curto. A pesar de todo non están lonxe dos catro grandes da Categoría. Madia Leva segue soportado polos ptos de Xan Bagaria. O resto do equipo da capital é moi novo e cun futuro prometedor. Castiñeiro Milenario mellorou moitísimo coa incorporación de Pablo, un diamante en bruto, ou mellor dito, unha árbore en crecemento. O equipo de Begonte notou a ausencia de Vanesa, a pesar de todo, pasou dos 8 ptos conseguidos en Castroverde aos 31 da Pontenova. Con esta progresión, cantos fará en Trabada?

Esta claro que os resultados están moi relacionados co número de xogadores que cada equipo presenta. Os equipos con maior fondo de armario son os que encabezan a xeral. Nesta xornada Chaínzos presentou 15 xogador@s e Troitas 14. Billardeiros foron 10. Todos os demais equipos estiveron por debaixo da decena de membros.

SEXTA CARREIRA

Despois do Aberto, Troitas celebrou a súa última cea. Ben, curiosamente faltan dous apóstolos e o Messías. Sabedes onde apareceron estes elementos que faltaban?  Contemplade a foto de máis abaixo…

 

Aquí estaban… o Miliossías axeonllado e levantando o caliz de lúpulo dourado, ante a santa mirada de Muri e Villarino. 

 

Se por algo destaca o equipo troiteiro é por ser invencible nesa chamada sexta carreira. Ese tempo que vén despois de finalizar calquera Aberto. Aproveitaron a xornada local para presentar en sociedade a  fantástica Troirta de Licor Café. Se a semana pasada foran os compañeir@s das Rías Baixas quen levaron a famosa empanada de nécoras ata a Conferencia Noroeste, desta vez foi a Conferencia Norleste a que sacou ao relucir a calidade organoléptica deste máxico produto.

O MURIMARCADOR

 

Finalmente, aquí tendes o audiovisual da Pontenova

 

 

Se queredes podedes acceder a outra visión do acontecido na Pontenova, por suposto, non tan neutral, seria e aséptica como a liña editorial de BIGAL.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *