Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

TORNEO DE BILLARDA FIN DE ANO DE PAIOSACO.

O último torneo de billarda de cada ano ten lugar en Paiosaco, A Laracha. Un ano máis, o tempo permitiu xogar en exterior. Deste xeito, foi no terreo asfaltado e embaldosado do Campo da Feira de Paiosao onde se xuntaron 40 persoas para despedir o ano xogando billarda. Ademais de xogadores habituais acudiron novos valores que probaron o sabor doce e recibiron a enerxía magnética deste deporte marabilloso. Foron 2 nenas, Xulia e Olivia e 2 nenos, Guillermo e Valentín, ademais dun adulto, José Castro. Pois ben, destas 5 persoas, polo menos 4 xa están confirmadas como fichaxes de Filloas e Campo da Feira. Estas incorporacións son unha fantástica nova para a billarda.

Tamén, hai que dicir que o torneo deixou unha final sen ningún xogador de FEI, cousa que non lembramos na historia recente do Noroeste. Este acontecemento acelerou as negociacións do equipo de Paiosaco con José Castro. Finalmente, nun comunicado oficial de FEI, o equipo feirante confirma a fichaxe do seu primeiro reforzo do mercado de inverno. Non queren que nada se torza e con Castro poden fortificar o territorio de Paiosaco ante o avance inesperado das forzas de APB A Laracha. Si, de 3 xogadores que presentou o equipo hemorráxico, 2 deles estiveron na final. Lito ganou o Torneo e Roi quedou cuarto.

Os medios de comunicación en papel, La Voz de Galicia, Carballo, DxT Campeón e el Ideal publicaron información sobre o torneo, tanto na previa como nos días seguinte.

En dixital, podemos mencionar aos medios que seguen as competicións de Billarda na Provincia da Coruña e que narran o acontecido no Torneo Fin de Ano. Foron La Voz de Galicia, edición Carballo,  Que pasa na costa e Bisbarra en xogo. E no número 10 da revista en papel deste último medio tan influente volve haber un oco para a billarda do Noroeste.

Lito Pena de APB A Laracha foi primeiro, segundo foi Miranda de Filloas de Sangue da Coruña e terceiro Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo. En feminina ganou Mercedes de Campo da Feira de Paiosaco, segunda Marisa de Lúa de Forza e terceira Ángeles de Filloas. En Infantil, foi primeiro Abel Ponte, segundo Lucas, os dous de Campo da Feira e terceiro foi Guillermo de Filloas.

Imos incidir un pouco máis no acontecido sobre o terreo mixto, asfalto e o cemento, do Campo da Feira. As cousas non funcionaron ben para o poderoso equipo de Paiosaco, entón, nunha reunión de urxencia a dirección deportiva decidiu empregar os cartos que lles tocou na Lotería de Nadal en fichar ao tridente que tanto desexaban. Veremos se este tridente se adapta ou non á Comarca de Bergantiños.

Ao mesmo tempo, o equipo feirante comunicou que varios dos seus xogadores máis novos e prometedores xa están fortalecendo os seus corpos. Van pasar un mes practicando unha modalidade deportiva que lles vai servir para ganar eses músculos e esa precisión que tanto precisan.

FOTEGASA

Próximo torneo de billarda domingo 9 xaneiro en Labañou , A Coruña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *