Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeConferencia Norleste

As TROITAS comen allo, por se falla Navallo

Foi en xaneiro do 2011 cando, Regueiro, o redentor, coñeceu esta aventura marabillosa chamada LNB, en Castro Ribeiras de Lea. Pois ben, esa mesma noite, despois de volver á Pastoriza, tivo un soño e nese soño contemplou un prado idílico á beira dun río. Nese prado veu vacas e tamén a unhas persoas xogando á billarda. Ao erguerse das brumas oníricas púxose en contacto coa única persoa capaz de salvar as tardes de sábado na Pontenova sen billarda, Noé. Non podía continuar o lecer consumista e sen arraigo sociocultural. Había que salvar a todos eses seres vivos do diluvio tecnolóxico e que mellor que construír unha arca… digo, un equipo de billarda. Este foi o nacemento de TROITAS BRAVAS.

Despois de consultar a información dos arquivos de BIGAL, podemos confirmar que TRA é o equipo da Conferencia que máis xogador@s movilizou ao longo da súa existencia. Os outros grandes equipos, por historial, BMU, CHA e CAR andan cerca, pero non alcanzan as 44 persoas. Pensamos que é adecuado lembrar de cando en vez e deixares escrito, este traballo de difusión da práctica da billarda nun boca a orella persistente quen fan os equipos. Sen esta auga continua o muíño da LNB non moería. Ás portas do noveno Aberto do Ferro, queremos agradecer a Troitas Bravas o seu compromiso e entusiasmo cun deporte tradicional que axuda a facer comunidade.

 

 

En canto ao de manter o liderado de equipos… vai depender da varita do Mago de Castropol e da muleta do eivado da Pontenova. Ademais, ao xogar na casa, van contar con elementos claves que descansaron na cita de Castroverde, como Manolo, Carme, Maricarmen, Ramón e Chinita. Estas grandes xogadoras e xogadores non foron utilizados, pois saían dun verán agotador e Guti preferiu deixalos descansar. Agora xa teñen a alta competitiva. Por outra beira, esta semana, Noé, con moi bo criterio, non permitiu que ningún dos seus compañeiros e compañeiras usara vehículo de dúas rodas para desprazarse… xa que, está aberta a investigación sobre unha posible sabotaxe das motos de Sachas e Guti. Os dous tiveron un accidente o mesmo día… curioso !

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *