Xornada de Po(d)io para GHARABOTO
O pavillón do IES de Poio foi escenario dunha nova xornada da LAB Rías Baixas. O tempo inestable con chuvascos indiscriminados aconsellou levar as billardas a cuberto. No momento da inscrición xa se presaxiaba que Gharaboto ía dominar os puntos e os podios. Certo, os podios estiveron cheos do azul Gharaboto, pois de 9 prazas (3 absoluta, 3 feminina e 3 infantil), o equipo de Marín ocupou 6 prazas. En canto aos ptos, a cousa estivo máis igualada nas 3 primeiras posicións de podio. Así, Gharaboto e Lúa de Forza empataron a 98 ptos e Valpaços Terra Quente con 95 ptos foi a agradable sorpresa da xornada. Os demais equipos quedaron algo lonxe, Corredoiras 82 ptos, Armadiña 67 ptos e Rinoceronte 36 ptos.
A final a 6 tiña a 4 xogadoras/es de Gharaboto, Lita, Álvaro, Piru e Hugo, unha xogadora de Valpaços, Tania e outro de Lúa, Martín Caneda. Claro está, os resultados foron os que tiñan que ser. O dominio estatístico de Gharaboto afirmou o podio para tres dos seus integrantes.
Nada máis entrar no pavillón a superficie de cemento pulido e as billardas comezaron a facerse as beiras. Deste cortexo público non podía saír outra cousa que un romance dos bos. Así, cada vez que unha billarda acariciaba a faciana de cemento do pavillón este estremecíase de paixón. Esta atracción irresistible tivo como froito o empacho de puntos. Desta maneira, máxima puntuación na categoría de Equipos de toda a temporada, tanto Equipos Absolutos 98 ptos, como Equipos F, 89 ptos.
Outra referencia salientable é que 25 persoas conseguiron 20 ptos ou máis, algo que non sucedera nunca antes. O 42% de toda a participación chegou á vintena de ptos, impresionante! En definitiva, que bo que a alegría e o entusiasmo encontren acubillo nestas superficies. A alegría de quen pide xogar e concédeselle. Esa electricidade que avanza polas células humanas a paso de boi e acende a luz do entusiasmo. Que satisfacción cando se progresa montando nas alas dunha billarda camiño do infinito varal. En fin, o 87% da participación na xornada logrou entrar nunha ou en máis carreiras. Fantástico!
O ganador da xornada foi Piru, segundo foi Álvaro e terceiro Hugo, todos de Gharaboto de Marín. En Categoría Feminina, ganou Tania de Valpaços de Vigo, segunda foi Lita e terceira Aldara, as dúas de Gharaboto. En Categoría Infantil, venceu o Raio Xián de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda foi Antía de Gharaboto e terceira Mateo de Armadiña de Combarro. En Equipos ganou Gharaboto, segundo foi Lúa e terceiro Valpaços. En Equipos Femininos, foi primeiro Gharaboto, segundo Valpaços e terceiro Armadiña.
Sumados os ptos as Clasificacións Xerais, as prazas de podio quedan con Xián (264 ptos) dominando a Individual Infantil e co título no peto, pois Antía (186 ptos), Aldara (97 ptos) e Sofía (86 ptos) só poden loitar polas dúas prazas de podio. Na Individual Feminina a cousa apértase, pois Lu (222 ptos) percibe como Tania se lle acerca (219 ptos) e ademais, achéganse a esas posicións Elena (195 ptos), Antía (186 ptos), Mónica Padín (186 ptos) e Bego (182 ptos). Na Individual Absoluta, Xan (292 ptos) ten unha cómoda vantaxe sobre o trío perseguidor, Álvaro (267 ptos), Xián (264 ptos) e Piru (257 ptos).
Nas Categorías de Equipos as cousas continúan igual nos Equipos Absolutos, xa que, na xornada houbo empate entre Gharaboto e Lúa. Así mantén 11 ptos de vantaxe o equipo de Marín sobre o de Sanxenxo. Corredoiras queda a 65 ptos da segunda posición de Lúa. Por detrás, ninguén ameaza a posición de podio do equipo de Bueu. Valpaços afianza a cuarta posición e Armadiña a quinta. Rinoceronte cerra a cancela da clasificación. En Equipos F, Gharaboto F non ten rival que lle siga o ritmo e o título está decidido ao seu favor. Agora só pode poñerse como reto ganar todas as xornadas de aquí a final de temporada. Valpaços F ten a segunda posición garantida, igual que Armadiña F a terceira.
Durante este ano 2024 haberá 3 eventos de billarda retransmitidos pola TVG2. No mes de abril celebrarase o primeiro que será a SUPER COPA DE BILLARDA 2024. Disputarase o 27 de abril pola tarde na Coruña. Participarán 16 xogadores/as. Os criterios de clasificación para estes eventos son os que aparecen no documento de aquí abaixo.
Ben, para a SUPER COPA DE BILLARDA 2024 xa están clasificados/as estes xogadores/as: Noroeste, Collazo, Merche, Valentín. Rías Baixas, Xan Rodiño, Bego, Xián. Os demais clasificados e clasificadas sairán das xornadas 14 Noroeste que se xogará en Cerceda o 14 abril e da xornada 14 Rías Baixas que se xogará en Bueu o 20 de abril.
FOTOS
VÍDEOS
BRAIS Valpaços Terra Quente
MARISA Lúa de Forza
PENA Corredoiras
MARÍA CARIDE Gharaboto
MATEO Armadiña
LOLA Rinoceronte