Venres, Abril 26, 2024
Sin categoría

FALTA UN DÍA

O lema xa se escoita en todas as escolas e colexios da nosa terra

“ARMAGEDÓN”: termo de orixe cristiano que varias relixións e culturas o empregan para referirse ao fin do mundo ou ao fin do tempo mediante catástrofesPois, este sábado en Poio producirase o Armadiñedón, ou sexa, a fin dun mundo que esquece de onde vén o ser humano, e o comezo doutro novo mundo, que fiel ás nosas raíces telúricas, renacerá das entrañas da terra para transformarse en campo de billarda para todas e todos.                   Que magnífica metáfora sobre a humanidade!
  Estamos a 28 horas do
acontecemento que indicará, na historia de Galicia, o lugar no cal a
billarda se transformou. Como se dun rito de iniciación se tratase,
a billarda, que xa ten un lugar na historia do noso patrimonio
lúdico, quere facerse adulta e converterse en deporte no século
XXI. O primeiro paso darase este vindeiro sábado 8 de abril. Este
paso será imitado por moitos outros concellos. Ou isto é o que
afirma Don Sartal: “Espazos que noutra
época pertencían á comunidade e eran utilizados para xogar foron
cubertos por cemento e asfalto e dedicados a outros usos. Esixencias
dunha sociedade que se convertía en urbana a demasiada velocidade.
Enseguida, despois da batalla contra a natureza, comezará o regreso
a Ítaca. Recuperaranse lugares que foron testemuñas dos xogos
infantís dos nosos devanceiros, das nosas devanceiras, e volverán
ao seu uso pretérito. A billarda recuperará terroeiras, pedregais,
tomadas, soutos e prados. O que foi un xogo será un deporte que
practicarán nenas e nenos, adultos, maiores de todo o país”.
Despois
desta profecía de Don Sartal só queda conservar estas palabras no
cerebro e na memoria das células, ademais de gardar estas letras nun
arquivo de audio.
   Si,
o equipo de Poio conta coa axuda dun Xamán Mexicano que visitou o
Reiboa Billarda Estadio para purificar e sandar o lugar. Don Sartal é
o derradeiro Xamán da súa estirpe e está neste concello das Rías
Baixas para morrer, pois un soño indicoulle que este era o lugar
elixido para a súa metamorfose. Aproveitando estes seus últimos
días, Armadiña pediulle que utilizase os seus poderes para
converter o Billarda Estadio da Reiboa en inexpugnable para os
equipos rivais. O vello home de poder aceptou cunha condición, que
ningunha imaxe atrapase o seu rostro.
   Nas
fotos de abaixo vemos parte do ritual xamánico de Don Sartal.
Tivemos acceso ao informe “Xamán Don Sartal” que Armadiña
elaborou para ver se poden concederlles algunha subvención, e tamén,
para presentar na súa Asemblea Xeral Ordinaria, xa que este equipo é
un exemplo de honestidade e honradez á hora de xustificar ante
asociados e asociadas e ante as administración competentes calquera
actuación realizada. Diciamos que nese ritual o Vello Don Sartal
depositou nos buracos onde van situados os varais malva de Raxó,
romeu de Samieira, herba luísa de Combarro, codeso de Poio Grande e
fiuncho de Poio Pequeno.   
  
Vemos a sombra do Xamán mentres se conecta co universo

A man e o pé do Xamán é todo simbolismo, un paso pequeno para o ser humano e unha enorme alancada para a Billarda.

Don Sartal afirma ter 127 anos, aínda que o seu aspecto xuvenil e atlético puidese indicar outra cousa, mais sabemos que os estados alterados de consciencia e o contacto cos espíritos rexuvenece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *