Xoves, Outubro 3, 2024
Sin categoría

LNB: O QUE NON SE VE

   A LNB conta co seu primeiro santuario da Billarda.  Reiboa Billarda Area Estadio. Poio. 
Virán máis!… Por primavera!
   As dúas persoas que no 2012 iniciaron a aventura de organizar o primeiro TAB (Torneo Aberto de Billarda) en Poio foron Luís Camiña e Marga Caldas (Concelleira de Deportes de Poio). Despois de 5 anos todo rematou na construción do primeiro campo de Billarda do Mundo. Grazas!
LUÍS CAMIÑA e MARGA CALDAS
    Despois do acontecemento planetario da inauguración do primeiro campo dedicado exclusivamente a xogar á billarda (8 de abril de 2017. Poio) , imos facer unha recapitulación do que a LNB está significando para a recuperación da práctica deste xogo tradicional, deste deporte tradicional. Os números son os que son. Ben certo que permiten interpretacións e a nosa é a seguinte. 
   Antes da creación da LNB (2005) a billarda era un xogo que se practicaba ocasionalmente en manifestacións culturais e festivas de ámbito local. Había asociacións que mantiñan vivo o xogo deste xeito puntual. Non existía unha práctica regular da billarda. Por suposto, non había unha organización territorial que promocionara a práctica de maneira continuada. 
   No 2005 créase a estrutura LNB. Durante dous anos a liga regular desenvólvese no territorio da Mariña Lucense e na Terra Chá. No 2007 créase a Conferencia Noroeste. A partir deste momento a LNB empeza a conquistar todo o territorio galego. A día de hoxe hai 3 Conferencias, unha en Lugo, outra na Coruña e a terceira en Pontevedra.  
   A Conferencia Mai mantén unha tendencia constante de participación durante esta temporada. Isto significa que hai un grupo de equipos e xogadoras/es fieis á competición. A pesar das distancias que separan aos equipos da Mariña dos equipos da Terra Chá palanadores e palanadoras acuden á cita mensual con ledicia e compromiso. Hai unha media de asistencia de 56 persoas.

   A segunda das Conferencias por antigüidade é a Noroeste. Esta temporada mantén unha tendencia á alza na participación. Isto é un sinal inequívoco de que están facendo ben as cousas. A asistencia media é de 28 persoas. Este dato é moi alentador, pois esta Conferencia foi históricamente a menos numerosa e mesmo pasou por momentos difíciles nos que se temeu pola súa continuidade.  

   A Conferencia máis nova é a Rías Baixas. Creada no 2011, desde aquel momento non fixo máis que medrar. A participación media de participación está en 81 persoas. O que sucede é que a tendencia de participación segue sendo á alza. Ata onde pode chegar saberemolo nestes dous meses que faltan de competición. Nas dúas últimas xornadas superáronse as 90 persoas. Certo que coincidiu bo tempo.

      A tendencia marca claramente o ceo como lugar ao que chegar coa participación. Vemos como o número máis elevado de participantes alcanzouse cando había 6 Conferencias. A día de hoxe, con só 3 Conferencias a participación está por enriba do ano pasado e acercándose a anos cando houbo máis Conferencias. Isto xa é imparable!, escóitase entre a xente da LNB. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *