Domingo, Maio 19, 2024
Sin categoría

MEDALLEIRO DO PLAY OFF 2016

    Os números son interpretables sempre, mais se a interpretación se basea en criterios cualitativos podemos dicir que a CONFERENCIA NORLESTE foi a triunfadora neste PLAY OFF 2016, xa que conseguiron 3 títulos dos 5 en xogo ademais de dúas segundas prazas nos podios.
    O campión absoluto e COROCEIRO NACIONAL 2016 foi Victor Chousa de Remourelle Bulls. Clasificado a través do ALL STARS e sen entrar entre os candidatos ao título tivo unha tarde espléndida, quedando primeiro do seu grupo e ganando todas as carreiras ata semifinais. Na categoría feminina Geni de Billardeiros Musicais non dou opción ás outras competidoras xa que ganou todas as carreiras de cruces e no seu grupo quedou primeira. Na categoría de Equipos, os Billardeiros Musicais de Ribadeo rivalidaron o título conseguido o ano pasado. Se no 2015 empataron a puntos con Gharaboto e tiveron que ir ao desempate para obter o título, este ano ganaron máis folgadamente “por un punto de diferenza” sobre Corredoiras Rías.
    
Se o criterio empregado é cuantitativo podemos dicir que a CONFERENCIA RÍAS BAIXAS foi a triunfadora, xa que obtiveron en total 8 prazas nos podios polas 5 da Conferencia Norleste e as 2 da Noroeste. Esta conferencia obtivo os títulos: Infantil por medio de Juanma de Lúa de Forza de Sanxenxo, e varados por mediación de Che de Rinoceronte de Pontevedra. Despois conseguíu dous segundos postos e catro terceiros nos podios. Este criterio afirma que a Conferencia Rías Baixas estivo presente nos podios das 5 categorías, mentres a Conferencia Norleste faltou ao podio da categoría de Varados. 
    En definitiva, o PLAY OFF desenvolveuse cun grande ambiente nas bancadas e no terreo de xogo. Unha oportunidade para o encontro e reencontro de persoas que viven en lugares tan afastados de Galicia como poden ser Vigo e Ribadeo, a Terra Chá e o Salnés, A Laracha e A Pontenova, Cerceda e Muimenta. Ao fin unha ocasión para compartir palabras e sentimentos, para acariciarnos coas mans e coas miradas, para observarnos, para intercambiar xeitos diferentes de entender a convivencia humana e de enraizarnos nunha cultura e unha terra que tivemos a fortuna de herdar. 
    Que este xogo deportivo e tradicional nos axude a ser felices e gozar do que temos e ás veces nos pasa desapercibido que é, entre moitas outras cousas, a terra, o corpo, a palabra, a emoción e as árbores que nos dan a madeira para facer BILLARDAS e PALÁNS. Conservemos todo isto!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *