Primeiros informes periciais sobre o acontecido na FinaLNB 2019
Aquí aparecen os fríos e crueis números que non coñecen sentimentalismo nin compaixón… Non obstante, podemos disfrazar algo a realidade, sobre todo, para que non sufran demasiado aquelas persoas da franxa Atlántica que se acercaron ata Compostela en busca da gloria. En fin, a Conferencia Mai veu polo aire e, como cousa de encantamento, volveu polo vento levándose 3 dos 5 títulos en xogo.
Xa haberá tempo a sintetizar e analizar estes resultados. Os Podios de cada categoría están reflectidos nesta táboa de abaixo. Tirade as vosas conclusións. Pensamos que cando nos cheguen os documentos audiovisuais e fotográficos poderemos diseccionar máis polo miúdo o que sucedeu no asadeiro brillante do Castiñeiriño. Polo momento, dicir que o Noroeste dominou a Categoría Infantil con Abel Ponte como Campión LNB e con Migui Cancela no terceiro chanzo do podio. Óscar Caldas foi segundo. En Varados, LNB Norleste dominou con Charly. En Equipos foi Gharaboto, da LNB Rías Baixas, quen se fixo co título, seguido dos dous equipos do NOL, Carabullo e Billardeiros Musicais. En Feminina, Geni converteusa na primeira palanadora tricampioa LNB. Estivo secundada por Adriana e Irea. En Absoluta, Daniel Rodríguez vestiu a Coroza por segunda vez, xa o fixera no 2013. Lito foi segundo e Salva terceiro.
Daniel Rodríguez Saavedra (Billardeiros Musicais-Ribadeo) COROCEIRO NACIONAL 2019 |
2º-LITO 1º-DANIEL 3º-SALVA |
3ª-IREA 1ª-GENI 2ª-ADRIANA |
3º-MIGUI CANCELA 1º-ABEL PONTE 2º-ÓSCAR CALDAS |
CAMPIÓN VARADOS CHARLY |
CAMPIÓN EQUIPOS GHARABOTO (Marín) |
O ambiente da FinaLNB foi magnífico. E pensamos que este é o momento para valorar o que supón movilizar os recursos loxísticos e humanos que se precisan para armar a estrutura organizativa desta aventura marabillosa chamada LNB que comeza en setembro e remata o último domingo de maio. Son 9 meses de dedicación por parte dun grupo de persoas estusiastas que cre nesta forma autóctona de cultura e deporte. ACD O Varal, ACD Billarda de Toxo e ACD Billarda Rías Baixas son os paraugas baixo os que se planea cada temporada de billarda. Grazas a estas asociacións e aos socios e socias que colaboran con elas é posible manter viva a práctica da billarda en Galicia. Como en todo colectivo, hai un grupo de persoas sobre o que recaen as maiores responsabilidades desta organización e debemos ser agradecidas e agradecidos con este grupo. Valorar o seu esforzo moitas veces non supón máis que mostrarlle o noso afecto e estima cun simple sorriso, unha aperta, un apretón de mans, unha mirada cómplice, un trabalinguas como os de Flores ou un chiste verde como os de Charri. Daquela, grazas compañeiras e compañeiros que facedes posible que cada fin de semana se xogue á billarda en algún curruncho de Galicia ou Asturies.
Despois desta emotiva prosa, confirmamos que está sendo analizado o rendemento deportivo de equipos e xogadores e durante os vindeiros días iranse emitindo os informes periciais precisos para entender os motivos do fracaso de certos equipos e certos xogadores de gran prestixio. (Aínda non temos reunidos todos os vídeos das 28 cámaras instaladas no Campo de fútbol Manuel Paz do Castiñeiriño).