PREVIA DA ÚLTIMA XORNADA LNB
Ás portas da última xornada da primeira fase da Conferencia Rías Baixas, o máis emocionante en canto á categoría de equipos está na zona media da táboa, na que 3 equipos teñen opcións de intercambiar posicións. Entre eles hai 14 ptos de diferenza. Amais, o equipo Rinoceronte xoga como local e nun escenario que favorece o seu xogo salvaxe e desordenado, en herba. Pola súa banda, o equipo da armada de Poio ten a vantaxe de mobilizar á maior tropa de palanadores e palanadoras de toda a LNB, o que lles otorga un potencial que xa está desenvolvendo. Así, na pasada xornada foi Papi quen subíu ao segundo chanzo do podio e, anteriormente, fora Peque quen o fixera ao máis alto. Laxe de Rons é un dos equipos que mellor rendabiliza o pouco capital humano do que dispón.
Unha variable que inflúe á hora de sumar puntos é o número de xogadores e xogadoras que presenta cada equipo por xornada, ou isto parecería nun principio. Pero, realmente, non se poden sacar conclusión definitivas, pois se analizamos as posicións que cada equipo ocupa na clasificación e a media de xogadores que presentou nestas primeiras 8 xornadas, só podemos afirmar con rotundidade que o equipo que presenta entre 3 e 6 xogadores por xornada ten asegurado os últimos postos. A partir de aquí, a grandes rasgos poderemos concluír que 8 sería o número mínimo de xogadores para un equipo que queira loitar pola meta de entrar en postos de podio e, polo tanto, de Play Off.
Se comparamos a participación en todas as Conferencias, vemos como non é doado presentar máis de 10 xogador@s por xornada. Dos 21 equipos LNB só 6 son quen de conseguir esta proeza. Gharaboto encabeza esta lista e ten o orgullo de ser o equipo de toda a LNB que presenta maior número de persoas a xogar en cada xornada. Repasando os datos históricos nunca antes outro equipo conseguira estes números de participación, 17. Unha fazaña que hai que destacar. Despois, aparece Valpaços Terra Quente, Campo da Feira, Armadiña, Troitas Bravas e Chaínzos-Cadaval.
Debemos valorar o que supón mover a todas estas persoas cada fin de semana nun territorio con tantas curvas e costas, coa única axuda da vontade, dun espírito indomable e dunha conciencia cultural a proba de xeadas e choivas.
Armadiña, Valpaços Terra Quente e Gharaboto son 3 dos 4 equipos, de toda a LNB, que superan os 20 xogador@s no seu cadro de recursos humanos. O outro equipo é Troitas Bravas, da Conferencia Norleste, con 23 persoas.