
FILLOAS mantense líder en Castro de Rei
Nin a chegada do outono fai caer do liderado a Filloas. Ao contrario, o equipo herculino aumentou a súa vantaxe sobre o segundo clasificado Campo da Feira. Agora son 35 puntos a distancia, moitos puntos, pero claro, Filloas ganou tres das catro xornadas disputadas ata o momento. Ademais, o equipo celeste non se contenta co cadro de xogadores e está reforzándose máis. Darío, Mercedes, Inés e Andrea participaron nesta xornada. Evidentemente, o equipo filloeiro quere construír tamén un equipo F campión. Igual non para obter éxitos deportivos esta temporada, pero non tardará en ser competitivo.

1º – Filloas 72 puntos. A vitoria do líder non foi tan doada, xa que despois da fase de grupos Río Miño tiña un punto máis. Entón, os puntos acadados no podio final (3 ptos-1º posto, 2 puntos-2º posto 1 punto-3º posto) ían decidir o equipo ganador. Chegaron á final un xogador de Filloas, Ángel Rama e un de Río, Bonxe, ademais de dous xogadores de Cochiqueiros, David e Abel, un xogador de Foucellas, Collazo e un de Lúa de Forza. Ben, as contas tiveron que esperar ata o golpe de desempate da final. Río Miño perdeu a oportunidade de ganar cando Bonxe non entrou no segundo golpe da final, xa que, ata catro xogadores entraron nese segundo golpe e un deses xogadores era Ángel de Filloas. Polo tanto, Río Miño aínda tiña vantaxe dun punto. No golpe de desempate Ángel foi máis efectivo e levouse o triunfo individual e con el deulle outra vitoria a Filloas. Sumaron para o equipo Marco e Valentín 20, Ángel 17 e Playa 15. FILL F 17 puntos. Sumaron Mercedes 7, Inés 5 e Ana 5.

2º – Río Miño 70 puntos. O equipo canariño estivo a un par de golpes de vencer na xornada. Cando o equipo da chaira consegue presentar ao equipo completo é un serio candidato a todo. A cuestión é que para desprazar a tantos xogadores/as deberían contratar un autobús e de momento só teñen condutor, fáltalles o bus. Todo se andará. Sumaron Bonxe e Adrián 21, Lucho 16 e Javier 12. RÍO F 35 puntos. Espectacular equipo F está formando Río coa incorporación de Ana e Mónica. Segunda xornada consecutiva ganando e están cerca da segunda posición da xeral, tan cerca como 4 puntos de Campo da Feira F. Delia, Pili, Mucha, Vivi, Ana, Vero e Mónica, sete xogadoras para un soño, dominar a Conferencia Noroeste e nun futuro intentar o asalto do trono LGB que está en mans dos poderosos equipos F das Rías Baixas. Sumaron para o equipo Viví 11, Delia 10, Mucha e Vero 7.

3º – Foucellas 65 puntos. O equipo capitalino estivo a moi alto nivel, pois con só 6 xogadores fronte aos demais equipos que presentaron máis do dobre obtiveron un rendemento óptimo. Sumaron Collazo 21, Lito 19, Alberte 13 e Toni 12. Desta maneira, suben á terceira posición superando a COQ e acércanse a 3 puntos da segunda praza de FEI. Si, entres o segundo e o cuarto clasificado hai 6 ptos, unha diferenza insignificante na billarda. Foucellas ten un cadro de xogadores menos numeroso que os seus grandes competidores e non pode conceder xornadas nas que teñan malos resultados dous xogadores do seu quinteto estelar. Desta vez, catro dese quinteto responderon, entón, o equipo mantivo o tipo e a compostura.

4º – Cochiqueiros 61 puntos. As panteiras non queren renunciar ao podio e sustentadas sobre as gadoupas de David o equipo aguanta os malos momentos de xogadores clave noutra época. Sumaron David 23, Berdillo 16, Viqueira e Alberte 11. COQ F 22 puntos. O equipo de Cerceda non estivo excelente nin se lle achegou, mais conserva con folgura o liderado da categoría. Sumaron Chus 7, e as demais 5 puntos cada unha. Vaia, unha verdadeira calamidade no equipo F. Aínda ten 21 puntos de vantaxe sobre FEI F.

5º – Campo da Feira 60 puntos. Habería que recurrir aos arquivos históricos para buscar unha xornada na que o equipo de Paiosaco non conseguira entrar nos catro primeiros postos e, por suposto, por moito que se buscase non se encontraría tal feito. Si, nunca antes quedara clasificado nunha xornada tan abaixo. Vaia tan abaixo que non superou a ningún dos equipos da Conferencia. Menos mal que o equipo F dirixido maxistralmente por Casal conseguiu a segunda posición na xornada e mantén a segunda posición tamén na xeral esperando ao inverno para dar o asalto ao liderado. FEI F 31 puntos. Sumaron Sandra 10, Lorena 9, Noa 7 e Lidia 5.
PODIOS




ELIMINATORIAS



PUNTUACIÓNS




FOTOS













































