
CORREDOIRAS gana en Poio
O equipo de Bueu Corredoiras situouse líder despois da súa vitoria en Poio. Agora, avantaxa en 5 puntos a LÚA e 23 a ARM e en 29 a GHA. VAL xa queda a 53 puntos do liderado. PalanKings volveu superar os 50 puntos e está nunha situación ambigua, non ten claro aínda se será quen de acercarse á quinta posición ou terá que evitar que Rinoceronte se lle acerque nesta loita espectacular para evitar fechar a clasificación cada xornada. A xornada de Poio foi un fiable baremo para situar a cada quen no lugar que terá que defender, xa que os equipos presentaron as mellores aliñacións posibles. ARM 16 xogador@s, LÚA 16, VAL 16, COR 15, GHA 10, PAL 8 e RIN 3. Dos cinco grandes equipos das Rías Baixas que teñen como obxectivo o título ou o podio final só Gharaboto tivo algunha pequena baixa, os demais presentaron equipos completos. Na Categoría Equipos Femininos, VAL F deu un pasiño máis para acercarse ao líder GHA F. Neste momento son 9 ptos os que distancian aos dous grandes candidatos ao Título. COR F e LÚA F van ter que centrarse en ocupar esa última praza de podio e se cadran os astros no ceo e a choiva na terra ganar algunha xornada que se dispute en pavillón. A día de hoxe están moi lonxe dos dous primeiros clasificados. Iso si, tanto COR F como LÚA F están facendo esforzos no camiño de reforzarse con novos talentos femininos.

1º – COR 77 puntos. Sumaron para o equipo Charri 21, Ricar e Yaya 19, Novas 18. O potencial desta temporada do equipo de Bueu é superior á de temporadas pasadas. Ben certo que a debilidade que mostrou no pasado máis recente foi debida ás ausencias de xogadores clave en momentos importantes da temporada. Se as cousas suceden con normalidade, o equipo vermello será o máximo candidato ao título. Quen pode xuntar a tantos xogadores de nivel como son Beni, Ricar, Charri, Fari, Novas, Bego, Outeiro? E non se pode esquecer á sorpresa agradable que está sendo Yaya. COR F 38 puntos. Sumaron Bego 14, Chefa 10, Nati 7 e Laura 5. Defendeu esa terceira posición da xeral con tremendo sacrificio. Si, agora queda cun punto máis que LÚA F. O equipo F ten poderío para afianzarse nesa terceira posición, sempre que acudan as cinco xogadoras, porque Bego, Chefa, Nati, Carlota e Laura poden facer fronte a este reto de acabar na terceira praza final.

2º – LÚA 69 puntos. Sumaron Gerardo e Xián 18, Xan 17 e Lu 16. O equipo verde de Sanxenxo non tivo unha das súas mellores xornadas, pois non chegou nin aos 70 ptos. Non obstante, como as puntuacións dos demais equipos tampouco foron desmesuradas, pois ningún chegou aos 80 ptos, o dano na clasificación foi menor. Esta foi a primeira xornada na que ningún equipo chegou a esa cifra que marca o territorio da vitoria de xornada, os oitenta puntos. Sempre que se xogue en exterior esta cifra asegura a vitoria ou polo menos estar moi cerquiña do equipo vencedor. LÚA F 44 puntos. Sumaron Lu 16, Ana 13, Marisa 10 e Ani 5. As lunáticas presentaron a nova fichaxe, Ani. Ademais, coincidiron no campo todas as xogadoras do equipo, cousa que se notou na puntuación e agora están coa vista cravada no seu obxectivo, coller podio ao final da temporada.

3º – GHA 68 puntos. Sumaron para o equipo Piru 22, Antía 18, Elena 15 e Luisgón 13. O equipo de Marín tivo unha grande actuación, pois competiu con só 10 xogador@s, tendo en conta que os demais equipos da zona noble da clasificación presentaron cinco e seis xogadores máis. Ademais, restou 2 puntos da vantaxe que lle levaba Armadiña na xeral. Si, esta temporada o equipo azul igual ten que medirse con Armadiña para buscar esa terceira praza ou quen sabe, mesmo chegado o inverno e as xornadas en pavillón, pode dar un salto de calidade e meterse na zona de Título. De momento está a 29 puntos do líder Corredoiras. Non son puntos definitivos, entón o obxectivo de GHA aínda está por definir. Será o Título ou será esa cuarta praza de finalista. GHA F 49 puntos. Sumaron Antía 18, Elena 15, Sofía 9 Casilda 7. O equipo feminino defendeu ben a praza de líder na súa categoría. Agora son 9 puntos de marxe sobre Valpaços F.

4º – VAL 67 puntos. Sumaron para o equipo Tania 20, Albino Veiga 18, Santiago 16, Lucía 13. O equipo morado de Vigo non quere distanciarse moito desa cuarta praza da xeral que dá dereito a ser finalista LGB. Agora son 24 puntos os que o separan de GHA e en consecuenca desa cuarta praza. VAL F 51 puntos. Sumaron Tania 20, Lucía 13, Belmira 10 e Yolanda 7. Se na categoría Equipos A ten que remar moito para acercarse aos postos altos da clasificación, na categoría Equipos F a meta do equipo vigués é o Título. Unha temporada máis terá que facer fronte ao equipo máis laureado da categoría, GHA F.

5º – ARM 66 puntos. O equipo celeste de Combarro xogou de local e presentou 16 xogador@s, Sumaron para o equipo Álvaro 19, Cho 18, Jaime 17 e Gael Solla 12. Mantén a terceira praza da xeral e sempre que poida acudir cos seus xogadores referencia vai estar na pugna polos postos de podio. Tal vez o título é unha empresa demasiado alta para Armadiña, mais, nada se pode asegurar na billarda. ARM F 26 puntos. Pola contra o equipo F non acaba de encontrar as boas sensacións e quédalle lonxe o cuarto posto de finalista, que debería ser o seu obxectivo.

6º – PAL 54 puntos. Os plátanos de Cornazo continúan coa súa progresión e superaron de novo os cincuenta puntos. Sumaron César 21, Manolo e Alejandro 12 e Nico 9. O equipo vilgarcián está demostrando que a insistencia e a repetición de golpes é unha das claves para mellorar resultados. Claro, agora chega a temporada do frío e a choiva e non se sabe como madurarán.
7º – RIN 28 puntos. Sumaron Gonza 15, José Manuel 8 e Lola 5. Para ver a mellor versión do equipo laranxa haberá que esperar a decembro, cando se incorporen as dúas novas fichaxes. Despois verase se é capaz o equipo Rinoceronte de ameazar a penúltima praza de PalanKings.
PODIOS




ELIMINATORIAS



PUNTUACIÓNS




FOTOS























