
CORREDOIRAS gana en Cornazo-Vilagarcía
O Campo do Curuxo estaba espectacular para xogar billarda. Terra compactada que agradecen as billardas e liñas dos campos marcadas sen cordeis e con cal, evitando os incómodos traspés na liña de saída. Primeira vez que o equipo local PalanKings organizaba unha xornada de LGB no seu terreo e o público de Cornazo aproveitou para presenciar o evento deportivo. A tarde e a temperatura acompañaron e as xogadoras e xogadores desfrutaron dunha actividade deportiva de alto nivel técnico e táctico. Corredoiras por fin demostrou o potencial que ten esta temporada. Ganou con autoridade aínda que os demais equipos non estiveron lonxe en puntos. Así, na final a 6 decidiuse a vitoria do equipo de Bueu sobre Gharaboto, xa que Corredoiras chegou a esta final cunha vantaxe dun único punto. Como na final otórganse 3 ptos para o xogador/a que gane, 2 ptos para o segundo/a clasificado/a e 1 pto para o terceiro/a, a cousa estaba no aire. Chegaron á final 2 xogadores de Corredoiras, Ricar e Beni, dous xogadores de Gharaboto, Elena e Piru, ademais de Fer e Gerardo de Lúa de Forza. A vitoria de Beni asegurou o triunfo de Corredoiras. O campo semellou esixente xa que só houbo 5 puntuacións na vintena de puntos. Beni e Antía 23 ptos, Berdi 22 ptos e Charri e Fer con 20 ptos.









1º – CORREDOIRAS 81 puntos. Este curso o equipo vermello de Bueu ten como obxectivo prioritario recuperar un título que non gana desde a temporada 2022-2023. Realmente, formou unha escuadra temible e sempre que non teña baixas durante a temporada non vemos nin a Lúa nin a Gharaboto cun cadro de xogadores tan numeroso para facerlles fronte. Iso si, as predicións de futuro na billarda poden verse invalidadas por calquera imprevisto ou sincronización dos astros celestes. Sumaron para o equipo o ganador da xornada Beni con 23 ptos, Charri 20, Ricar 19 e Fari 18. O home tranquilo Beni tivo unha actuación estelar e nun golpe de desempate levouse a vitoria na xornada. CORREDOIRAS F tivo unha moi boa actuación acadando a segunda posición. Agora na xeral está na terceira praza.

2º – GHARABOTO 77 puntos. O equipo de Marín tivo un comezo de temporada difícil e complicado, tanto pola ausencia dalgún xogador primordial como polas baixas puntuacións acadadas. Pois ben, en Cornazo deixou claro que non ía renunciar a loitar polo título. Nesta xornada estivo en todo momento cerca de levarse a vitoria. Finalmente quedou segundo a 4 ptos do vencedor. Está claro que esta temporada o podio de equipos ten un pretendente máis que nas últimas temporadas. Así, Armadiña uniuse a esa pugna polos caixóns do podio e polo título. Gharaboto xa se sitúa en cuarta posición superando a Valpaços en 23 ptos. Agora, ten por diante a 8 ptos a Armadiña e a 20 ptos e 23 ptos a Corredoiras e Lúa, respectivamente. Sumaron Antía 23 ptos, Piru, Luís Enrique e Elena 18 cada un. No plano individual salientar a excelente actuación de Antía en canto a puntos logrados e a de Elena que se meteu no podio absoluto e tivo no segundo golpe a posibilidade de ganar a xornada. A billarda estaba a menos de dez metros do varal, golpeouna e bateu contra o chan cambiando radicalmente a dirección e saíndo fóra a poucos centímetros do varal. GHARABOTO F ganou con comodidade e xa se sitúa líder con 11 ptos máis que VAL F.

3º – LÚA DE FORZA 71 puntos. O actual líder tivo unha xornada non tan boa como as dúas primeiras nas cales superara os 80 puntos. Desta vez tivo que conformarse coa terceira posición empatado con Armadiña. Sumaron Fer 20 pts, Carolo 18, Xan 17 e Ricoy 16. Destacada actuación de Fer que acadou o subcampionato da xornada e chegou aos 20 ptos. O equipo verde de Sanxenxo mantivo o pulso e as constantes vitais ante as ausencias de Chicho e Xián. O certo é que os reforzos desta temporada, Fer e Ricoy están respondendo e achegan puntos cando o equipo os necesita. Lu foi terceira na categoría individual feminina. LÚA F perdeu a terceira praza da xeral en favor de Corredoiras e non vai ter doado recuperar esa praza.

4º – ARMADIÑA 71 puntos. O equipo de Combarro é a alternativa aos tres grandes e ben que o está demostrando. Nesta xornada presentou unha aliñación das mellores que ten o equipo celeste e competiu ata o final polos postos de honor. Segue mantendo a terceira posición na xeral a tan só 15 puntos do liderado. Sumaron Álvaro 19 ptos, Jaime e Machi 18 ptos e Gael 16. Machi na categoría individual feminina subiu ao segundo chanzo do podio. Gael Solla acadou a vitoria en individual infantil. ARMADIÑA F foi terceiro e acércase na xeral aos catro postos de finalista, aínda que está moi lonxe de Lúa F que ocupa a cuarta posición, pois as celestes tiveron dúas primeiras xornadas moi malas.

5º – PALANKINGS 56 puntos. Os plátanos de Cornazo están progresando convenientemente e obtiveron a quinta posición da xornada ao mesmo tempo que a mellor puntuación das súas tres primeiras xornadas LGB. Sumaron César 18 ptos, Manolo 14, Lois 13 e Fidel 11. Lois quedou segundo na categoría individual infantil. O equipo está collendo sensacións e comprobando que o que sae ben nos adestramentos, eses bos golpes e esas billardas que entran no varal, despois na competición, pois non actúan do mesmo xeito. De todas as maneiras, hai brotes verdes en Cornazo, neste caso brotes amarelos. Así César ocupa a posición 22 a 2 ptos da posición 18, que a temporada pasada foi a última praza de finalista LGB. Na categoría infantil Lois é cuarto a 10 ptos da terceira praza de podio.

6º – VALPAÇOS 54 puntos. O equipo morado de Vigo non estivo ao nivel das dúas primeiras xornadas e quedou bastante lonxe dos oitenta e setenta puntos e polo tanto das primeiras posicións da xornada. Agora na xeral queda a 23 ptos de Gharaboto que ocupa a cuarta posición e última de finalista LGB. Sumaron Guto 16 ptos, Albino 14, Yolanda e Brais 12. Brais foi segundo na categoría infantil. VALPAÇOS F quedou en cuarta posición e fóra do podio da xornada por vez primeira desde que existe esta categoría. Agora é segundo na xeral a 11 puntos do líder GHA F.

7º – RINOCERONTE 33 puntos. O pechacancelas Rinoceronte non permite que ningún outro equipo teña que cerrar a clasificación, tanto da xornada como da xeral. Sumaron José Manuel e Gonza 14 ptos e Lola 5. O equipo laranxa está esperando polas incorporacións de decembro e mentres tanto esfórzace para que PalanKings non se distancie demasiado. Estes dous equipos disputaranse esa cobizada penúltima praza que libera de pechar a cancela ao remate de cada xornada. Rinoceronte medrará en número de xogadores en breve e despois veremos se dará remontado.

7º COCHIQUEIROS 22 puntos. Berdillo presentouse coa aura de ter magníficas actuacións cando sae da disciplina asfixiante que lle impón o seu equipo na Conferencia Noroeste. Unha vez máis demostrou que o seu hábitat natural é o das Rías Baixas. Conseguiu a segunda maior puntuación da xornada. A panteira de Cerceda Berdillo ten desde hai varios anos ofertas para competir en equipos das Rías Baixas, pero claro, se rescinde con Cochiqueiros tería que vender a súa residencia en Cerceda e as súas propiedades, pois non tería garantida a súa seguridade física nin do seu patrimonio.

8º FOUCELLAS 16 puntos. Collazo foi o único representante do equipo da Coruña.

PODIOS




FOTOS





























