
Filloas gana en Cabana
O equipo coruñés de Filloas de Sangue consolidou o seu liderado vencendo e convencendo no campo de fútbol das Redondas (Cabana de Bergantiños). Desde o comezo da temporada, e ben antes, desde finais da temporada pasada, o equipo azulón mostrou as súas fortalezas facéndose cos dous títulos de final de temporada, a LGB e o Campionato Galego. Ben, agora puxo os seus sentidos en conseguir o único que lle falta a LGB Noroeste. Coa incorporación de varios xogadores da Costa da Morte confeccionou un equipo tan forte que incluso Campo da Feira semella un equipo menor ao seu lado. Claro está que só van tres xornadas e o equipo de Paiosaco é o único que pode dificultar os plans de Filloas. Os demais equipos están un chanzo ou dous por debaixo destes dous grandes da billarda Noroeste. Tanto Cochiqueiros como Foucellas que son as alternativas, dependen demasiado de dous ou tres xogadores e cando estes fallan non teñen relevo natural que achegue vinte ou máis puntos como fan eses xogadores referencia. Daquela, pensamos que o Título vai ser cousa de dous e a terceira praza de podio tamén será cousa dos outros dous, FOU e COQ. Río MIño terá que buscar acumular puntos nas tres xornadas que se disputarán na súa casa para ver se lle son suficientes para equilibrar as súas actuacións ao exterior. A fortaleza do equipo chairego está en Castro de Rei e neses campos de herba natural, amais de que cando xoga de local a canariña xunta o equipo completo. APB ten que sobrevivir en tempos de recortes salariais. Queda lonxe aquel título LGB Noroeste da temporada 2022-2023 que o equipo hemorráxico lle sacou a Campo da Feira ganando as tres últimas xornadas. Agora, non queda outra que aguantar e resistir.

O campo de herba sintética estaba para chegar aos 20 ptos, cousa que fixeron ata 11 xogadores. A final individual absoluta disputárona Riveiro de APB, Berdi e David de Cochiqueiros, Josecho, Ángel e Playa de Filloas. O podio final ocupouno David como vencedor da xornada, segundo quedou Playa, despois dun desempate, e terceiro foi Ángel. O vento nordés cambiou algunha que outra dirección das billardas, a pesar do cal, fixéronse 7 varados. Marc foi quen de meter a billarda dun só golpe ata en dúas ocasións.


1º – FILLOAS 87 ptos. Non sorprende a ninguén o rendemento nestas primeiras xornadas do equipo coruñés, nin tampouco sorprende que teña na clasificación xeral un colchón importante de diferenza sobre o segundo clasificado. O momento zen de Valentín ten moito que ver coa traxectoria vitoriosa de Filloas. Valentín lidera a clasificación xeral individual e está nun momento de madurez deportiva ideal para asaltar o Título. Sumaron Valentín, 24, Miranda 22, Marco 21 e Ángel 20. Agora, coa entrada das choivas veremos ata onde pode chegar o atrevemento de Filloas, porque podemos considerar atrevido intentar destronar a Campo da Feira. Veremos unha pugna espectacular e os pavillóns marcarán a diferenza ou non, vai ti saber.

2º – CAMPO DA FEIRA 80 ptos. O supercampión de Paiosaco tiña baixas de consideración, nada máis e nada menos que Juan Carlos, Abel Ponte e Edu. Aínda así, ten tanto de onde tirar Campo da Feira que apenas cedeu a vitoria por sete puntos de marxe. Certo que a distancia co líder Filloas fíxose maior. Agora son 23 ptos os que os separan na clasificación xeral. De todas as maneiras, que ninguén dubide que o equipo máis laureado do Noroeste estará dispútando o Título. FEI F 31 ptos con Noa 9, Lidia 8, Sandra e Lorena 7 tivo un traspés importante e menos mal que as máis novas do equipo, Noa e Lidia, tomaron o timón do equipo F que semellaba desnortado. Nin as solucións tácticas que propuxo Casal conseguiron endereitou o rumbo.

3º – COCHIQUEIROS 79 ptos. David 23, Abel 20, Berdi e Viqueira 18. Está claro que cando as vacas, digo as panteiras sagradas arriman os puntos o equipo pode acercarse á vitoria. Sempre que este rendemento se vexa acompañado dos dous xogadores alfa de Cochiqueiros, David e Abel. Esta combinación é a única que lle pode dar osíxeno para estar cerca de disputar o Título. Se esta situación non sucede, pois a sufrir para ocupar ese cuarto posto tan cobizado. COQ F 36 ptos tivo que conformarse coa segunda praza na categoría equipos F, empatado a puntos con RÍO F. Non obstante, deu un acelerón importantísimo na xeral. Agora, FEI F queda a 28 ptos e RÍO F a 36. Polo tanto, xornada magnífica para as panteiras. Sumaron Irene 14, Chus 9, Esther 8 e Silvia 5.

4º – FOUCELLAS 69 ptos. Toni, Collazo e Alberte sumaron 19 e Manuel 12. O equipo da Coruña mantén o pulso do podio e unha vantaxe cómoda sobre a quinta posición. Agora está cuarto cun punto menos que as Panteiras de Cerceda. Ten 17 puntos máis que Río Miño para estar relativamente tranquilo na última praza de finalista LGB.

5º – RÍO MIÑO 65 ptos. Lucho fixo 21, Delia 16, Nolo 15 e Kiko 13. Enormes actuacións de Lucho e Delia para manter o pulso cos grandes do Noroeste. Apenas quedou a catro puntos de Foucellas, equipo co que deberá loitar para acceder a esa cuarta praza de finalista LGB. RÍO F con 36 ptos deu a sorpresa e venceu en equipos F. Para a canariña sumou Delia, 16, Vero 8, Mucha 7 e Pili 5.

6º – APB 36 ptos. Sumaron Riveiro 17, Merche 7, Jorge 7 e Dani 5. O equipo da Laracha presentouse sen Cotelo e Roi e coa incorporación dun renovado Riveiro. Non había outra solución para APB que fechar a cancela da clasificación e fíxoo metendo a Riveiro na final individual.

PODIOS




FOTOS


















