
2ª xornada gana Lúa en Sanxenxo
A marea vermella de Corredoira marcou o ritmo nos primeiros golpes. O equipo de Bueu chegou a Sanxenxo sabedor da dificultade que ía ter se quería vencer en casa de Lúa de Forza, pois o equipo de Sanxenxo ten un fortín no seu Campo de Billarda de Nantes. Por iso, Corredoiras acercouse ao feudo do líder actual co equipo case completo, 12 xogadores e 4 xogadoras. Un equipazo que este ano si vai optar a todos os títulos. O terceiro posto final da temporada pasada non sentou nada ben en Bueu, un concello habituado a estar no máis alto do podio en todas as competicións de billarda nas que participa. Unha tarde de sol de inxustiza, porque só molestaba aos xogadores zurdos no momento do golpe. “Vaia sol inxusto”, foi o que dixo Chicho, o único esquerdo que había no terreo de xogo. Os primeiros golpes xa marcaron a tendencia, Corredoiras sería o equipo a bater e Lúa ía ser o máximo candidato para derrotalo. Por suposto, Armadiña que esta temporada reforzouse ben, tamén aparecía nos primeiros lugares despois das dúas primeiras carreiras. Os outros equipos quedaban uns chanzos por detrás.

1º – Lúa de Forza 85 ptos. O equipo verde de Sanxenxo presentou un equipo moi sólido e de garantías no que volvía Xián e Ricoy, despois das súas ausencias na primeira xornada. Sumaron para o equipo, Xan 26, Chicho 20, Gerardo 20 e Carolo 19. Ademais, Carolo foi terceiro na Categoría Individual Absoluta e Lu venceu na Categoría Individual Feminina. Esta temporada Lúa ten fondo de armario, cousa que non tiña a temporada pasada. As chegadas de Fer e Ricoy fan que nas xornadas onde fallen os habituais xogadores que suman para o equipo eles poidan sustituílos coas súas puntuacións. Son xogadores con potencial para acercarse aos 20 ptos. Salientar un feito que quedará por moito tempo como récord de varados nunha xornada en exterior. Xan fixo 3 varados encadeados nas carreiras 2, 3 e 4. Lúa F 39 ptos mantén a terceira posición da xeral cunha marxe mínima de 2 ptos sobre Corredoiras F. Mentres o equipo non reforce cunha xogadora máis, polo menos, vai estar entre terceira e cuarta posición en pugna con Corredoiras F.

2º – Corredoiras 83 ptos. O equipo de Bueu estivo moi ben e cerca da vitoria. Finalmente cedeu, conformándose con tres podios individuais. Novas foi o vencedor da xornada e Fari segundo. Na Categoría Individual Feminina Bego foi terceira. Sumaron para o equipo Charri 22, Fari 22, Novas 20 e Yaya 19. Destacar que Bego, Yaya e Bambo fixeron cadanseu varado. A recuperación de Fari é evidente e o paso adiante de Yaya tamén. Novas, Charri, Beni e Bego son as outras columnas sobre as que se sustenta o equipo. Desta vez non sumaron nin Outeiro, nin Ricar, nin Pena, nin Malvido, nin Bambo. Isto fala do poderío do equipo de Bueu. Corredoiras F 43 ptos para unha segunda posición moi valiosa, pois quedou só 5 ptos da primeira posición. O equipo F é temible con Bego e Chefa, e cando Nati e Carlota melloren golpe a golpe pode acercarse aos dous equipos todopoderosos e inalcanzables outras temporadas, GHA F e VAL F.

3º – Armadiña 77 ptos. O equipo celeste de Combarro está sendo a sorpresa das dúas primeiras xornadas. O reforzo de Álvaro está cumprindo as expectativas. Un xogador como Álvaro, con 3 subcampionatos, garantiza case 20 puntos por xornada. Cho é outro xogador de vintena de puntos. Ademais, se sumamos a melloría espectacular de Jaime e a consistencia de Machi quen supera con asiduidade a decena de puntos, pois, o coctel é saboroso e hidratante. O seu talón de Aquiles é a ausencia de parte do seu cadro de xogadoras/es en algunha xornada. Se consegue acudir con máis de 10 xogadores a todas as xornadas os resultados poden ser grandiosos. Acordémonos que faltaron Hugo, Diego, Rial, Catu… Non queremos esquecer á sección infantil que de cando en vez dá unha sorpresa positiva con Gael Solla e Marco Solla. Sumaron para o equipo Álvaro 25, Cho 22, Jaime 18 e Machi 12. Marco Solla foi terceiro na Categoría Infantil. Armadiña F 22 ptos. A celeste presentou 3 xogadoras e quedou lonxe dos postos de honor.

4º – Gharaboto 68 ptos. Esta xornada o equipo de Marín estivo lonxe das primeiras posicións. Sumaron Piru 20, Elena 19, Ricardo 15 e Sofía 14. Esta temporada está claro que Gharaboto como non presente a todos os seus xogadores (desta vez faltaron Luís Camiña e Luís Enrique) e coincida que non suman para o equipo dous ou tres, pois a cousa complícase. Nesta xornada non estiveron ben Luisgon, Chichí e Antía, aquí encontramos parte da explicación da pobre actuación de Gharaboto. De todos os xeitos, non está aínda descartado para o podio. Deberá loitar pola terceira praza con Armadiña e Valpaços. Este equipo saberá sobrepoñerse a esta época de transición. Elena foi segunda na Categoría Individual Feminina e Sofía ganou a Categoría Infantil.Gharaboto F 54 ptos mantivo o tipo e ganou a xornada cunha marxe considerable sobre Corredoiras F e Valpaços F. Agora, está só a 9 ptos do líder Valpaços F. Esta temporada o título, unha temporada máis entre os dous de sempre, GHA F e VAL F.

5º – Valpaços 64 ptos. O equipo olívico tivo as súas maiores puntuacións en Álbino Veiga 20, Belmira 16, Alfonso 14 e Tania 14. Este ano volverá a intentar entrar en posto de finalista. O que sucede é que coa subida de nivel de Armadiña ese obxectivo non vai ser doado. Brais foi segundo na Categoría Infantil. Valpaços F 43 ptos, ocupou a terceira posición e perdeu parte da vantaxe que conseguira sobre o seu máximo rival GHA F.

6º – PalanKings 52 ptos. O equipo debutante está mellorando as súas prestacións. Desta vez, Nico foi a referencia do equipo de Cornazo con 18 ptos, César 14, Manolo 11 e Fidel 9. A próxima xornada xogarase no seu campo e os plátanos de Cornazo esperan superar as súas puntuacións aproveitando o coñecemento que teñen do terreo de xogo e os ánimos do público local.

7º – Rinoceronte 37 ptos. O equipo do corno fixo o que puido con Gonzalo 16, José Manuel 16 e Lola 5. O seu obxectivo é non despegarse moito de PalanKings e esperar as novas incorporacións que vai ter en decembro. Gonzalo e José Manuel son xogadores de máis de 15 ptos, polo tanto, cando teñan unha axudiña en forma doutro xogador que achegue esa mesma cantidade de puntos podera desfacerse da chave coa que cerran a clasificación xornada tras xornada.





FOTOS






















