Martes, Outubro 6, 2026
ActualidadeXornada

2 xornada gana Foucellas en Leiloio-Malpica

O magnífico campo de fútbol da feira de Leiloio acolleu a segunda xornada LGB Noroeste e como sucedera o sábado en Sanxenxo con Lúa na LGB RÍAS BAIXAS, Foucellas fixo valer o feito de xogar na casa. Foucellas adaptouse á dificultade de pinchar billardas desde a herba, cousa que outros equipos non tanto. Ademais, unha choiva miudiña apareceu nas últimas carreiras para refrescar e marchar en 10 minutos. As puntuacións foron bastante altas para xogar neste tipo de superficie. Dez xogadores chegaron ou pasaron na vintena de puntos. 

1º – Foucellas da Billarda 83 ptos. Sumaron Toni 23, Collazo 22, Lito 20, Alberte 18. O equipo coruñés vence e presenta a súa candidatura ao Título. Agora está en segunda posición a 13 ptos do líder Filloas. A primeira vez desde hai moitos anos e anos que Campo da Feira non ocupa unha das dúas primeiras posicións da xeral. Dous equipos, digamos que non foron opcións reais a temporada pasada para acercarse ao título este ano están por diante de históricos como Campo da Feira e Cochiqueiros. A pregunta é, as preguntas son, manterá este nivel de puntuación durante 16 xornadas? As novas incorporacións achegarán puntos ao equipo? A ver se consegue animar a competición cun terceiro candidato serio ao título, pois Campo da Feira e Filloas van estar nese obxectivo. 

2º – Cochiqueiros 81 ptos. As panteiras de Cerceda levantaron as gadoupas. Despois da quinta praza na primeira xornada, estiveron a piques de ganar en Leiloio se non fóra porque Abel empeñouse en que non, perdendo unha eliminatoria de escándalo. Sumaron David 24, Abel 20, Berdi 19 e Irene 18. Cando os líderes do equipo, David e Abel están no seu nivel o equipo nótao. A diferenza está clara e meridiana, a xornada pasada 28 puntos fixeron entre os dous e nesta 44 puntos. E sobre todo, sobre todo, porque Berdillo por fin, tivo unha actuación á altura do seu rango histórico. Se en algún momento lle pasou pola cabeza a retirada, eses 19 puntos son osíxeno para Berdi. Iso si, como equipo Cochiqueiros funciona daquela maneira, pero individualmente van como un lóstrego, o podio Absoluto estivo tinguido de cor panteira, primeiro Davida, segundo Viqueira e terceiro Berdi. A vitoria Feminina foi para Irene e a vitoria infantil para Líam, todos de Cochiqueiros

3º – Filloas 77 ptos. O líder igualou a súa marca de puntos da xornada anterior, pero non lle valeu para ganar, como si conseguiu na primeira xornada. Sumaron Valentín 22, Gándara 21, Landras 18 e Ángel 16. Non obstante, mantén unha cómoda vantaxe de 13 puntos sobre Foucellas e 16 ptos sobre Campo da Feira. A liga é unha carreira de resistencia e quen máis fondo teña acadará o Título. Claro, cando non suma Marco Filloas nótao, e menos mal que Landras estivo magnífico e achegou eses valiosos puntos. Miguel Amado non tivo tampouco boa mañá nin Playa, nin Miranda. Tamén, hai que contar coa baixa de Gervasio, subcampión LGB da pasada temporada. Así, os números non deron para chegar aos 80 ptos e discutirlle o triunfo a Foucellas. 

4º – Campo da Feira 73 ptos. O equipo de Paiosaco estivo na súa liña de ser candidato sempre á vitoria da xornada. Sumaron Óscar Ponte 21, Charli 19, Moñas 17 e Eladio 16. Non estiveron ao seu nivel Abel Ponte e Edu, cousa que o equipo notou.  O que si é raro, raro por pouco habitual é que en dúas xornadas seguidas Campo da Feira non estivese en algunha das dúas primeiras prazas de podio. Foi terceiro na primeira e cuarto nesta segunda. Amais, ocupa a terceira praza da xeral, algo inédito nos últimos 6 anos. 

5º – Río Miño 56 ptos. A canariña da Terra Chá non estivo ao seu nivel, pensando que tiña 4 xogadores para puntuar máis e mellor. Sumaron Lucho 20, Bonxe 14, Luís Ares 12, Delia 10. Co equipo moi xusto, sen Pepe Vidal, Adrián e Kiko non podía fallar ningún e si que fallaron, porque 14 ptos para Bonxe son poucos para o seu nivel e Pepe Outeiro con 8, pois que imos dicir. E puido ser peor, menos mal que Lúís Merlín Ares estivo ben e Delia salvou do naufraxio. Agora o equipo chairego está a 10 puntos da última praza de finalista. 

6º – APB 43 ptos. O equipo sanguíneo da Laracha levou o mínimo de xogadores para puntuar (4) e superou a corentena de ptos, ou sexa, unha media de máis de 10 ptos por xogador. A grande actuación de Roi salvou o honor do equipo. Sumaron Roi 19, Merche 12, Jorge 7 e Dani Díaz 5. Cando poidan contar con Ricardo, Riveiro, Roy e Kevin a cousa cambiará para mellor. 

Na Categoría Individual Absoluta hai novo líder, por vez primeira na súa curta carreira deportiva Valentín, quen xa destacará na categoría infantil, encabeza a xeral. Certo que as distancias son curtas polo momento apenas 1 punto sobre o segundo, Óscar Ponte e 3 sobre Xan e Collazo e 5 sobre David. Si na seguinte xornada pode haber outro líder diferente, pero de momento o de Filloas pasará unha semana de líder.  

FOTOS

VINDEIRA XORNADA

CABANA DE BERGANTIÑOS

4 OUTUBRO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *