Martes, Outubro 6, 2026
ActualidadeXornada

FILLOAS tivo sensacións boas

Primeira xornada LGB Noroeste en Carballo. A tres días de que o sol atravese a meta voante do equinoccio  inaugurouse a temporada na Conferencia Noroeste. O campo de Razo estaba espléndido e o olor a mar que viña da praia alimentaba e nutría. Despois, dos primeiros golpes as sospeitas de que chegar á vintena de puntos ía ser cousa de poucos e contados. Tan contados que foron 4 en total e que agora encabezan a xeral. Marco 22, Óscar Ponte 21, Valentín 21 e Adrián 21. E na Categoría Feminina unicamente Irene pasou dos 10 ptos. Primeira xornada, herba mollada coa condensación nocturna, a madeira das billardas cortada en cuarto crecente, e quen sabe que outras cunqueiranas explicacións que se poderían resumir en “outro día calquera ou por aí, xa lle darei mellor á billarda”.

1º – FILLOAS 77 ptos. A temporada comezou coa confirmación de Filloas como o equipo a vencer esta temporada. Todas as análises e valoracións previas do cadro de xogadores e xogadoras de cada equipo coincidían en afirmar que o equipo herculino construíu unha escuadra temible e con potencial para ganar todos os títulos. O ano pasado foi incorporando xogadores ao longa da temporada e non lle deu tempo a ganar a LGB Noroeste. Si ganou os outros títulos, a Fase Final da LGB e o Campionato Galego. Este ano quere completar o triplete co único título que lle falta, o da Conferencia Noroeste. Sumaron para o equipo Marco 22, Valentín 21, Miguel Amado 18 e Ángel 16. 

2º – RÍO MIÑO 66 ptos. Sumaron para o equipo Adrián 21, Bonxe 17, Pepe Vidal 15 e Lucho 13. Con só 6 integrantes o equipo canariño da Terra Chá estivo brillante, sobre todo coa grande actuación de Adrián. O Infantil do equipo levou a billarda ata o caixón do varal necesitando só dous golpes en catro das cinco carreiras. Impresionante o nivel de xogo que acadou Adrián. Hai que destacar tamén a Pepe Vidal e Lucho que non pasaron de grupo con moitos puntos, pero na fase de cruces e na final souberon dar os golpes precisos para subir ao podio. Lucho foi segundo e Pepe Vidal terceiro. Para seguir no podio o equipo chairego terá que botar man dos xogadores que non acudiron a esta xornada, senón vai sufrir. Tendo en conta que esta temporada celébranse 3 xornadas no seu campo, pode ser loite por subir un chanzo na xeral con relación á temporada pasada, na que rematou en quinta posición. Veremos se pode manter a regularidade Río Miño. 

3º – CAMPO DA FEIRA 65 ptos. Esta temporada o equipo máis laureado do Noroeste vai ter que botar man de todos os seus xogadores en cada xornada, visto o visto. Todo parecía controlado para o equipo gris de Paiosaco, xa que presentou o equipo máis numeroso e de garantías. Tanto para ganar co equipo A como co equipo F. A única baixa notable que tiña era a de Abel Ponte. Temporadas anteriores Campo da Feira ganaba por esmagamento, ou sexa, cando fallaba un, dous ou tres xogadores había outros dous ou tres que salvaban do naufraxio. Pois ben, desta vez, xuntáronse variables inesperadas. Primeiro, non estaba Abel Ponte, segundo, fallaron ata 5 xogadores que non chegaron aos 15 ptos, Moñas, Edu, Xulio, Eladio e Enrique. Entón, a cousa complicouselles. Sumaron para o equipo Óscar Ponte 21, Juan Carlos 15, Charli 15 e Enrique 14. Menos mal que a sobresaínte actuación de Óscar tirou para arriba da puntuación do equipo coa súa vitoria inapelable na Final. O equipo feminino tampouco estivo ao nivel que se espera do actual Campión Feminino Noroeste. Foi superado claramente por COQ F. 

4º – FOUCELLAS 58 ptos. Unha meritoria cuarta posición moi suculenta, pois marca a última praza de Finalista LGB. Para o equipo coruñés sumaron Collazo 18, Lito 17, Toni 13 e Roberto 10. Esta temporada ten as incorporacións de Santi e Emiliano para un total de 13 xogadores. Agora, deberán coller minutos e golpes para ver se poden sumar puntos para o equipo en vindeiras xornadas. Foucellas estreou o novo equipamento negro de outono. Superar a cuarta posición final da temporada pasada vai ser un reto digno para o equipo máis novo do Noroeste. Hai que ter en conta que deberá loitar esa praza contra Río Miño e Cochiqueiros. O primeiro paso está dado, deixou por detrás a un deses equipos. Pensamos que a recuperación de Manuel vai ser a chave para saber se cando fallen na mesma xornada dous xogadores do quinteto de gala, Collazo, Lito, Toni, Roberto e Alberte, poderá achegar el os puntos para o equipo. Certo que nesta xornada non estivo ben Manuel, pero claro, pasou toda unha temporada lonxe dos campos de billarda debido a unha lesión. Tamén, hai moitas esperanzas depositadas no infantil do equipo, Dimas. 

5º – COCHIQUEIROS 51 ptos. Uffff, que dicir deste, noutrora equipo campión LGB? Que dicir que non pareza ofensivo? Pois ben, as Panteiras de Cerceda están na costa abaixo dun proxecto caduco e que precisa unha revolución. Se quere sobrevivir e asomarse ás prazas de honor este club precisa fichar urxentemente. Os demais equipos medraron e Cochiqueiros quedouse mirando o espello dun título. A historia dun éxito puntual mal interpretado pola entidade cercedense. Semellaba que ese triunfo indicaba que o equipo A estaba ben e mantería o nivel nos seguintes anos. Polo tanto, destinaron enerxías e recursos a formar un equipo F para buscar os títulos F. A análise parecía correcta e a temporada seguinte as Panteiras F ganaron a Conferencia. 2023-2024 e 2024-2025 foi a época dourada e rosa das Panteiras, agora pasou e toca reinventarse. Sumaron para o equipo nesta xornada David 14, Abel Requeiro 14, Irene 13 e Viqueira 10. Ningún dos integrantes chegou a 15 ptos. E Berdillo? Pois, case, case completa a manciña (5 ptos) e quedouse en 8. Puntuou na terceira carreira e nas outras a velas vir ou a non velas ir. En fin, en breve formará parte do estamento arbitral e parece que xa se centrou máis nese labor tan desagradable ás veces de ter que dar por fóra unha billarda que entrou e facer desempatar unha eliminatoria cun xogador que nin estaba xogando nesa eliminatoria, simplemente pasaba por alí. 

APB 11 ptos. O equipo da Laracha chegou, como quen di con exceso de confianza e pensou que cun xogador sería suficiente. E claro que foi suficiente para acadar o último posto. Roi veuse na obrigación de vestir o equipamento hemorráxico con precaución para que os eritrocitos non sairan das súas canles. Tamén é certo que empezar tan abaixo fai que o seguinte paso cara arriba estea moi cerca. 

PODIOS

Ganou a xornada Óscar Ponte de Campo da Feira, segundo foi Lucho e terceiro Pepe Vidal, os dous de Río Miño. En Categoría Individual Feminina, foi primeira Irene de Cochiqueiros, segunda Vero de Río Miño e terceira Chus de Cochiqueiros. Na Categoría Individual Infantil venceu Adrián de Río Miño, segundo foi Dani Gómez de Filloas e terceiro Liam de Cochiqueiros. 

FOTOS

PRÓXIMA XORNADA 

27 SETEMBRO

LEILOIO – MALPICA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *