
1ª XORNADA LGB RÍAS
Primeira xornada da LGB e a alegría e o entusiasmo vibraron en sol maior. O tempo estival ten un non se sabe que de fertilizante que actúa sobre as emocións humanas. Si, os corpos movíanse ao ritmo da luz estival e as billardas bailaron no aire coa música dos paláns. Os novos equipamentos, verde, amarelo, azul, celeste, laranxa, vermello e violeta formaron sobre o mantel da herba artificial do campo do Monte da Vila (O Grove- Comarca do Salnés). A temporada 2026-2027 chegou con algunha novidade en canto ao cadro de xogadores/as dos equipos e, sobre todo, coa nova de impacto da creación dun club de billarda, neste caso, da sección deportiva da Asociación de Veciños de Cornazo. PalanKings é o primeiro equipo de Vilagarcía e viste de cor marela, os Plátanos de Cornazo debutaron con boas sensacións e todo por descubrir no planeta Liga Galega de Billarda. Nesta primeira xornada xa meteron no podio infantil a Lois (3º posto) e evitaron a última posición da xornada e da clasificación xeral. Non está mal.
1º- Lúa de Forza (82 ptos) chegou coa presenza de Fer (incorporación desta temporada) e a ausencia de Xián. A fichaxe de Fer atende a unha debilidade do equipo de Sanxenxo. Cando Xián falta a puntuación do equipo baixa e sufre moito clasificatoriamente falando. Desta maneira, coa chegada de Fer semella que esta eiva de rendemento do equipo está solucionada, polo menos, foi o que sucedeu nesta primeira xornada. Fer foi subcampión da xornada e rabuñou a vintena de puntos. Lúa ganou cunha marxe importante de 7 ptos dados os resultados tan axustados. Sumaron para o equipo Xan 25, Gerardo 20, Lu 19 e Fer 18. Lúa feminino foi terceiro con 40 ptos, Lu 19, Ana e Marisa 8 ptos e Mari 5 ptos.
2º- Armadiña (75 ptos) quedou a un anaco de dar a sorpresa e ganar. Chegou á final con opcións de ganar a xornada, xa que tiña dous xogadores nesta final. Jaime e Gael. Estes podían conseguir 5 ptos se lograban a primeira e segunda posición e así, superarían a Lúa, pois a diferenza a favor do equipo da Lúa era só de 3 ptos. Finalmente, non puido ser e o equipo celeste só sumou 1 punto máis coa terceira praza de Gael. Sumaron para o equipo de Combarro, Álvaro 22, Jaime 21, Gael 17 e Machi 15. A incorporación de Álvaro pode e debe ter un efecto multiplicador sobre as opcións de podio de Armadiña e nesta xornada xa se notou e iso que tiveron as notables ausencias de Cho e Diego. Armadiña Feminino foi quinto con 16 ptos, Machi 15 e Mónica Padín 1 pto.
3º- Valpaços (74 ptos) tamén loitou polo triunfo da xornada ata o final, aínda que o equipo de Vigo veuse moi penalizado ao non meter a ningunha xogadora nin xogador na Final. O equipo morado xa deu un paso adiante a temporada pasada e esta pode seguir medrando. Pode loitar por entrar no podio final da temporada ou polo menos estar máis cerca dos tres grandes da Conferencia, Lúa, Corredoiras e Gharaboto. Sumaron para o equipo Tania 20, Belmira 18, Yolanda 18 e Fito 18. Valpaços F foi o vencedor da xornada con 64 ptos, Tania 20, Yolanda e Belmira 18 ptos e Irene 8 ptos.
4º- Corredoiras (72 ptos) tivo unha boa actuación, pero as súas expectativas son tan elevadas que marcharon os seus xogadores e xogadoras pouco contentos. Certo que para un bicampión LGB e bicampión RÍAS BAIXAS pode parecer pouco unha cuarta posición. Ademais chegou ao Grove coa mellor aliñación que pode sacar o equipo de Bueu. Claro, o que ninguén podía pensar é que os seus dous mellores homes, Charri e Ricar tivesen unha tan pobre actuación. Tal foi esta decepción que non sumaron para o equipo. Por outra beira, hai que destacar as actuacións de Beni e Yaya que equilibraron un pouco o dos dous xogadores franquía. Sumaron Beni 20, Yaya 19, Novas 18 e Outeiro-Malvido 15 ptos. Corredoiras F con 34 ptos foi cuarto, sumando con Bego 15, Chefa 11 e Nati 8
5º- Gharaboto (70 ptos) quedou en quinta posición. Podería parecer unha posición non propia dun equipo supercampión, mais a distancia de puntos non foi destacable como para considerar mala xornada. Piru 23, Chichí e Ricardo 16 e Luís Enrique-Luís Camiña 15 sumaron para o equipo. Veremos como afecta ao equio a marcha de Álvaro. Gharaboto feminino veuse superado e moi superado por Valpaços F. Esta si que pode ser considerada unha pequena sorpresa. Conseguiu 43 ptos, Elena 13, Antía 12, Casilda e Sofía 9.
6º- PalanKings de Cornazo (45 ptos) debutou con boas sensacións. Manolo 14, César e Lois 11 e Esteban 9 sumaron para o equipo. A inexperiencia da competición hai que pagala xornada a xornada e a maduración dos Plátanos de Cornazo será un feito nas próximas datas. Teñen un obxectivo claro no 10 de outubro, terceira xornada que organiza como equipo local no inferno do campo do Coruxo, o de afianzarse nesa sexta posición. Esta temporada ten que ser a de ir collendo sensación e como non a temporada para evitar a última posición.
7º- Rinoceronte (42 ptos) presentou 4 xogadores de nivel e fixo o que puido e en algunha carreira incluso máis. Lola estivo a nivel estelar, puntuou en dúas carreiras, algo insólito e haberá que repasar os arquivos para comprobar se sucedeu algo similar en algunha outra xornada en exterior. En pavillón, Lola compite a gran nivel e incluso pode entrar en 3 ou 4 carreiras, pero en exterior ten o varal demasiado lonxe como para darse ese festín. Gonzalo 14, José Manuel 11, Lola 10 e Luís 7 sumaron para o equipo. Agora, o equipo laranxa está esperando polas novas incorporacións que chegarán a partir do inverno, Javi e Nidia.



PODIOS
Na Categoría Individual Absoluta ganou Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo e segundo foi o seu compañeiro de equipo, Fer Ferrete, terceiro quedou Gael Solla de Armadiña de Combarro (Poio).
Na Individual Feminina a vencedora foi Tania dos Reis de Valpaços Terra Quente de Vigo, segunda Lu Torres de Lúa de Forza e terceira Yolanda Quiraz, tamén do equipo de Vigo.
En Individual Infantil ganou Marco Solla de Armadiña, segundo foi Brais Quiraz de Valpaços e terceiro Lois Roo de PalanKings de Cornazo (Vilagarcía).




FOTOS























