
CAMPIONATO GALEGO DE BILLARDA 2026

Filloas de Sangue Campión Galego. O equipo herculino conquistou en Castro de Rei o seu primeiro Título Galego. Culmina este ano 2026 como o mellor equipo da Liga Galega de Billarda e constrúe moi alto o tellado da súa lenda. Calquera equipo que pretenda superar a construción de éxitos deportivos de Filloas nesta temporada deberá subir á Torre da Berenguela. De todas as maneiras, semella que o equipo non está aínda satisfeito, quere o tesouro máis complexo de acadar. Ser campión da LGB Noroeste. Este reto é maiúsculo, xa que implica estar durante 16 xornadas a un nivel superior ao de Campo da Feira. Palabras maiores para o equipo Filloas. Así, só lle falta acadar o Título do Noroeste para completar a tripla coroa da Billarda que son o Campionato Galego, a LGB e o Título de Conferencia. Este equipo formado por xogadores de varios concellos da provincia da Coruña propúxose como obxectivo prioritario para 2027 ganar a Conferencia Noroeste. Non o vai ter doado. Aínda así, Playa, director técnico de Filloas e encargado das fichaxes, está convencido que o ano 2027 traerá, ademais de novos alcaldes e alcaldesas, novo Campión LGB Noroeste, e este campión leva a cor azul na súa camiseta. Veremos e miraremos!
Antes de continuar coa crónica, queremos destacar o excelente traballo organizativo da ACD Billarda Río Miño. Sabemos que organizar un evento destas características supón unha fase previa de semanas e algún mes que outro, de atender á comunicación a través das redes sociais, xornais, radio e tv, solicitar a colaboración do concello de Castro de Rei (trofeos), solicitar as instalacións ao CD Castro, falar con proveedores para a restauración e toda a loxística do material necesario para que poidan comer participantes e acompañantes. En fin, moitas grazas. Normal que o aspecto deportivo quedara nun segundo plano (2º Bonxe, 2º Adrián). Para o ano o equipo canariño da Terra Chá non terá que preocuparse destas encomendas organizativas soamente terá que ter os coches coa ITV pasada e os condutores/as con puntos no carné de conducir, pois deberán viaxar ata a Comarca de Bergantiños.
A competición de equipos foi igualada ata a carreira e durante momentos da xornada tanto Corredoiras como Cochiqueiros e incluso Campo da Feira lideraron o Campionato. Claro, Filloas estivo sempre en posición de podio. Finalmente, Cochiqueiros foi subcampión e Campo da Feira terceiro. Si, un podio cheo de equipos da Coruña. A suma das catro mellores puntuacións de cada equipo fai que, como no caso de Cochiqueiros, aínda que teñas as dúas puntuacións máis altas de todos os participantes non che chega se a terceira e sobre todo a cuarta puntuación non está á altura. Na táboa de abaixo aparecen as catro puntuacións que sumou cada equipo.

Cunha análise rápida e breve dalgunha das razóns matemáticas polas cales Filloas foi inalcanzable, chegamos á conclusión que a cuarta puntuación foi decisiva. Comparemos as tres mellores puntuacións de Filloas (28 Marco+25 Landras+22 Miguel Ángel = 75) e de Cochiqueiros, o segundo clasificado, (29 David+28 Abel+18 Sergio =75). Si, empatados os dous equipos. Claro, os 22 puntos de Miguel Amado, como cuarto xogador do equipo polos 14 de Viqueira, fixeron a distancia final. Tampouco sería necesario entrar a valorar esas puntuacións desde o aspecto individual, mais imos facelo, como non! Primeiro, temos que destacar a actuación fantástica de Marco (28 ptos) como líder de Filloas, algo esperado e necesario para o equipo. Agora ben, as actuacións sobranceiras de Landras (25 ptos) e de Miguel Ángel (22 ptos) e Miguel Amado (22 ptos) podemos consideralas inesperadas, non polo potencial que teñen estes xogadores, senón, no caso de Landras polas poucas xornadas que tiña disputadas a temporada 26/27 e nos casos de Miguel Angel e de Amado pola súa inexperiencia, pois debutaron esta temporada. Por outra beira, tanto Miranda como Gervasio (subcampión e terceiro da LGB 2026), Gándara e Valentín non sumaron para o equipo, cousa que indica o poderío e fondo de armario que ten Filloas. Lois e Corral completaron o cadro de xogadores que presentou o equipo Campión Galego 2026.
Despois, o caso de Cochiqueiros era previsible. As Panteiras sagradas, Berdi e Viqueira están na súa costa abaixo deportiva e Sergio xa tomou a posición de privilexio dentro do equipo. David e Abel manteñen o nivel e son os dous ángulos rectos sobre os que se ergue a xeometría 26/27 das Panteiras de Cerceda. Berdi 6 puntos de 42 posibles, uffff, deixaremos que a ferida cure sen comentar nada máis. Viqueira, vaia, salvou o honor e sumou 14 puntiños. E que dicir do equipo F de Cerceda? Máis adiante escribiremos o que deben ler as integrantes femininas do equipo rosado. Liam acadou para Cochiqueiros a terceira posición na Categoría Individual Infantil. Na categoría Equipos F, pois, pois, que dicir? Catro xogadoras que xogaron 28 carreiras, total de puntos acadados, 3, ou o que é o mesmo, só nunha desas 28 carreiras entrou Chus no último golpe para sumar esa cantidade indecente de puntos. Supoñemos que o gabinete F de crise tomará decisións drásticas e dramáticas esta mesma semana.
Campo da Feira tiña varias baixas moi significativas como Abel Ponte, Moñas e Edu, entón podemos cualificar a súa actuación de notable. Estivo con opcións de Título ata a última carreira. Juan Carlos (26 ptos) liderou o equipo no campo e Casal fóra do campo. Casal foi a alma do equipo nos momentos difíciles dando as instrucións precisas para levar a Paiosaco ata a terceira posición do podio. Xulio e Óscar Ponte con 22 e 21 puntos formaron o trío que sustentou as aspiracións de Título ata case o final. Eladio foi a cuarta puntuación (14 ptos). Juan Carlos Cancela foi o Campión Galego 2026 cunha actuación soberbia durante toda a xornada. Na fase de grupos empezou sen puntuar a primeira carreira e a partir de aí estivo impecable, rematando a fase de grupos cun varado. E na final dando espectáculo, pois tivo que ir ao desesmpate con Bonxe para decidir o Campión. Bonxe deu o primeiro golpe de desempate e avanzou moi pouco. Juan Carlos tiña a opción de golpear con prudencia e con tocarlle lixeiramente á billarda proclamaríase campión. Pois ben, despois de consultar con Casal, tomou a decisión correcta. Casal cerrou os ollos e Xuliño “non lle fagas caso a Casal”. Non hoube que medir as distancias acadadas polas billardas dos finalistas nin houbo dúbidas sobre a dirección da billarda. A billarda transformouse nunha ave rapaz na procura da presa. Varado, e vaia varado ! Foi deses que quedan na memoria colectiva. Extraordinario! O nunca visto, no golpe de desempate da Final. Casal daba saltos e tombos sobre a herba mollada do campo municipal.
Río Miño loitou ata onde lle deron as forzas. Tamén, en algún momento das 7 carreiras totais estivo en posicións de podio e coliderando o Campionato. Cortón (25 ptos) e Bonxe (23 ptos) sostiveron o equipo nas posicións de privilexio, pero as outras puntuacións de Nolo (17 ptos) e de Adrián (15 ptos) non foron suficientes para achegar ao equipo canariño ao podio. Superounos Campo da Feira por apenas 3 ptos. Esperaban máis de Kiko (11 ptos), Pepe Outeiro (8 ptos) e Lucho (6 ptos). Certo que as tarefas da loxística organizativa (acarrexamento de utensilios de restauración, recados, carreiras e demais circunstancias e accións), preparación das instalacións e presentación do xantar para cerca de 80 bocas fai que minguen as forzas, as enerxías e a puntería. Bonxe foi subcampión na Categoría Individual Absoluta e Adrián fixo o mesmo na Categoría Individual Infantil.
Corredoiras estivo moi ben na xornada da mañá, pois rematou colider. Coa comida por medio na sesión vespertina o equipo de Bueu foi caendo e caendo na clasificación ata rematar en quinta posición. Malvido (20 ptos), Bego (18 ptos), Outeiro (18 ptos) e Charri (17 ptos) sumaron para o equipo. Non se sabe se foi a falta de pementón nos criollos ou o recheo das empanadas, o certo é que Corredoiras levantouse da mesa con pouco ansia, ambición ou devezo. En fin, resumindo en cifras, Chefa e Bego na categoría de Equipos F lograron o subcampionato para Bueu, e Charri foi terceiro na Categoría Individual Absoluta.
Lúa de Forza nunca estivo loitando polo podio e menos polo Título, O equipo verde de Sanxenxo presentou un equipo de 3 xogadores e 2 xogadoras. Entón, con estas forzas o único carreiro para chegar ao título era non fallar ningún destes 5 integrantes. Non fallar significa achegarse polo menos aos 20 ptos. Finalmente, non puido ser, e cos puntos de Xián (21 ptos, Xan (20 Ptos, Lu (16 ptos) e Martín (11 ptos) a sexta posición foi a merecida. Grande decepción, pois un equipo bicampión LGB e tantas veces campión da Conferencia Rías Baixas debe ter horizontes de grandeza e ir a por máis, a cerrar o triplete histórico co Título que lle falta, o de Campión Galego. Ben, non puido ser e as previsións de futuro non son mellores. A decisión foi tomada nada máis chegar de volta do Campionato Galego. Esta semana o equipo da Lúa vai cerrar unha fichaxe para rexuvenecer un cadro de integrantes claramente entrado en máis de medio século de idade media. Claro, hai brotes verdes, sempre. O gabinete de comunicación de Lúa fainos chegar a seguinte nota-resume dos podios acadados no Campionato Galego por todos os equipos nas 6 categorías. Cada quen que interprete esa táboa como ben lle permitan as súas facultades psicoanalíticas.

Billardeiros Musicais tivo en Manu Pozo (20 ptos) e en Dori (20 ptos) os dous xogadores máis destacados. Despois, sumaron Félix (18 ptos) e Mieres (10 ptos) para un total de 68 puntos e empatar con Lúa. A maior puntuación dun xogador de Lúa deixou ao equipo de Ribadeo na sétima posición. O equipo de Ribadeo conseguiu tres podios e todos coa súa sección feminina. O Equipo F proclamouse Campión Galego, con Geni, Dori e Fina. Geni foi campioa na Categoría Individual Feminina e Dori foi terceira nesta mesma categoría.
Foucellas presentou a Collazo que sumou 14 puntos e Rinoceronte sumou con José Manuel (10 ptos) e Lola (3 ptos).
Na Categoría Individual Varados foron a un golpe de desempate Juan Carlos, David e Xián, que fixeran un varado cada un durante toda a xornada. Ganou David, segundo foi Xián e terceiro Juan Carlos.














FOTOS









































