
COMEZA A TEMPORADA 2026/2027
Comeza a temporada 2026-2027 coa disputa do CAMPIONATO GALEGO DE BILLARDA 2026. O vindeiro sábado 29 de agosto en Castro de Rei abrirase a nova temporada coa disputa do terceiro Campionato Galego de Billarda. O equipo Billarda Río Miño, como vixente campión, organizará este evento deportivo.

Os equipos veñen do parón de estío e veremos como se defenden sobre a herba do municipal de Castro Ribeira de Lea. Os torneos de verán foron aproveitados por algún que outro xogador e xogadora para manter a axilidade e destreza visual. Non obstante, igual non chega para ofrecer o mellor repertorio o vindeiro sábado. O favoritismo está nos equipos de Lugo, Río Miño e Billardeiros, pois coñecen o clima e atmosfera da Terra Chá moito mellor que os equipos da Coruña e Pontevedra. Río Miño leva dous títulos consecutivos e promete o triplete. Claro, o premio por ser campión, ademais dos laureis e honores é o de organizar o Campionato Galego do ano próximo. Entón, a única forma que na Coruña ou en Pontevedra poidan ver xogar este Torneo grandioso sería que un equipo desas provincias ganase.




Nas Categorías Individuais defenden título, Daniel de Billardeiros Musicais en CATEGORÍA ABSOLUTA, Lu de Lúa de Forza en CATEGORÍA FEMININA e Xián de Lúa de Forza en CATEGORÍA INFANTIL e CATEGORÍA VARADOS. (Nas imaxes de arriba as fotos dos podios do ano pasado).

NOVA TEMPORADA LGB 2026/27
E os equipos de billarda xa están ultimando as fichaxes para afrontar a nova temporada da LGB. Xa se pode consultar os CALENDARIOS nestes enlaces: calendario RÍAS BAIXAS e calendario NOROESTE.

Oito equipos competirán no NOROESTE e sete equipos nas RÍAS BAIXAS. Debuta un novo equipo de billarda nas Rías Baixas, PALAN KINGS de Cornazo (Vilagarcía). O oitavo concello máis poboado de Galicia xa ten equipo de billarda, así será o segundo equipo do Salnés e primeiro da Ría de Arousa na Liga Galega de Billarda.