
COPA/SELECCIÓNS NORTE-SUR Ribumia 20 xuño 2026
O campo da Bouza en Barrantes foi o lugar elixido para disputar a Copa 2026 e o Campionato de Seleccións Norte-Sur. Estes torneos que foron televisados durante 4 anos pola TVG en datas diferentes cada un deles, agora están unificados nunha única xornada. Así, xogáronse 4 carreiras pola mañá e 3 pola tarde. Ao finalizar as 7 carreiras sumábanse as 8 mellores puntuacións de cada selección para establecer o resultado final co Campionato de Seleccións. Por outra banda, as 3 maiores puntuacións femininas e infantís establecían o podio desas categorías. As mellores 24 puntuacións individuais absolutas continuaban xogando fases eliminatorias ata estableces o podio final absoluto da Copa. Ben, tendo claro o sistema de competición, especialistas, filósofos e algunha que outra catedrática de análise estatístico, tiñan pouco claro o resultado final.

Campionato de Seleccións. O Norte estaba representado por Campo da Feira, 7 xogador@s (multicampión do Noroeste), Filloas 6 xogadores (con inercia ganadora), e Cochiqueiros 6 xogador@s (en clara decadencia), mais con Panteiras de apetito voraz e sede infinita que non quixeron perderse a visita ao berce da denominación Rías Baixas. Billarda Río Miño tiña 2 xogador@s e Foucellas 1 xogador. A selección do Sur tiña a Lúa de Forza con 6 xogador@s, Valpaços con 7 xogador@s, Corredoiras con 4 xogadores, Gharaboto con 6 xogador@s, Rinoceronte con 2 xogador@s e Armadiña cun xogador. Pois ben, a cousa decidiuse por 9 ptos a favor do Norte. 4 xogadores de Campo da Feira, 1 de Filloas, 1 de Río Miño, 1 de Foucellas e 1 de Cochiqueiros sumaron para conseguir 200 ptos. Polo Sur, sumaron 4 xogador@s de Lúa de Forza, 2 de Corredoiras, 1 de Valpaços e 1 de Gharaboto para un total de 191 ptos.



Pouco texto para engadir queda, cando os números dos gráficos son tan elocuentes. O Xerro de Buño viaxou para o Norte. Pasará un ano en clima menos agradecido para a sede.



En canto ao desenvolvemento da Copa a cousa decidiuse nunha final a 8. Despois de 7 carreiras, poderiamos pensar e crer que poucas sorpresas se poden dar, non obstante, algunha houbo. Por exemplo, entre as 24 mellores puntuacións non estaban, Beni (campión LGB 2023), Gervasio (subcampión LGB 2026), Miranda (3º LGB 2026), Valentín e Viqueira. Está claro que os Filloas non acertaron cunha comida e sobremesa lixeiras e pagaron as consecuencias. Entón, as 4 mellores puntuacións pasaron directamente á final a 8, que foron Marco, Bonxe, Collazo e Novas. As puntuacións 5ª a 8ª pasaron a semifinais, Xan, Juan Carlos, José Antonio e Abel Regueiro. As demais puntuacións, de 9ª a 24ª tiveron que pasar por cuartos de final. Pois, resulta que este camiño máis largo non lle afectou ao Campión de Copa, Charri. O xogador de Corredoiras pasou os cuartos, pasou as semis e plantouse na final coa moral, non polas nubes, pois non había, senón polo azul celeste. Dos xogadores que acadaron na fase de grupos as 8 maiores puntuacións só Juan Carlos e Abel Regueiro quedaron fóra da final e deixaron o seus postos a Carolo e Charri, respectivamente. A final comezou mal para Collazo e Xan, quen quedaron sen opcións reais de título ao non puntuar na primeira carreira. Os demais puntuaron. Na segunda carreira foi José Antonio o que non puntuou e tamén quedou sen opcións. Así, chegada a última carreira Charri, Novas e Marco tiñan 9 ptos, Bonxe 8 ptos e Carolo 6 ptos. Calquera deles podía ser campión. Xan con 5 ptos, Collazo e José Antonio con 3 ptos estaban fóra da loita. Na terceira e última carreira sucedeu o que pasa na alta competición, que os brazos tremen e as articulacións afroxan. Marco golpeou primeiro e situou a billarda a menos de 10 metros da entrada do varal, iso si, un pouco angulada. Charri deu un golpe mediocre. Bonxe situou a súa billarda á mesma distancia do varal que Marco, pero, no ángulo contrario do campo. O ángulo de Marco era máis favorable para un diestro e o de Bonxe para un zurdo. Novas non estivo acertado e entrou en barrena de desacertos, golpe tras golpe. Os demais finalistas eran espectadores do desenlace. Segundo golpe e Marco sufre o mal de altura. Non golpea a billarda. Charri golpea para facerse co título. Era moita distancia, e só consegue poñer a billarda na metade de campo. Bonxe, cun ángulo peor, golpea ben a billarda para poñerse primeiro, mais a billarda pasa uns centrímetos por fóra da vara do varal. Respirou Marco. Terceiro golpe de Marco e de novo o mal de altura aniñou na súa cabeza. Volve a fallar. Bonxe golpea con seguridade e sitúase en cabeza con 12 ptos. Charri dá un terceiro gran golpe para sumar 4 ptos, que lle daría o título, mais a billarda queda a un metro da entrada do varal. Agora, faltaba o último golpe e tiñan que entrar tanto Marco como Charri para empatar a 12 ptos con Bonxe e disputarse o título nunha carreira de desempate. Charri estivo moito máis enteiro física e mentalmente na final, Bonxe mantivo o nivel e Marco aínda tiña atravesado no encéfalo aqueles dous golpes para ser campión e que non golpeou a billarda. Charri ganou a Copa, Subcampión quedou Bonxe e cerrando o podio Marco.




FOTOS
























