
FASE FINAL LGB 2025-2026
Rematou a Liga Galega de Billarda 2025-2026 coa disputa da Fase Final en Santeles (A Estrada). O calendario de finais tiña programado comezar ás 11h coa Final Infantil e así sucedeu. 7 finalistas de moito nivel. Liam foi o único debutante nesta final, pois comezou a xogar esta temporada. Xián, Antía e Sofía eran as bazas máis potentes das Rías Baixas con Brais como opción máis débil, sobre todo pola idade menor do xogador de Vigo. Adrián era a única opción real do Noroeste, xa que, Noa e Liam son aínda moi cativos. O Raio Verde Xián estaba disposto a revalidar título e as persoas especializadas facían moitas e valiosas prediccións e case todas co de Lúa no primeiro chanzo do podio. Pois ben, a billarda dispón de varios factores sorpresa que poden deitar calquera prognóstico ben intencionado e fundamentado. Así sucedeu, o campión foi Adrian Darriba Pernas de Billarda Río Miño de Castro de Rei, subcampión quedou Xián Burgos González de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Brais Quiraz dos Reis de Valpaços Terra Quente de Vigo.



Ás 12h, e sen solución de continuidade comezou a Final de Equipos F. Nesta categoría as sorpresas, pois, non se deron. O potencial dos equipos das Rías Baixas demostrouse e as dúas grandes escuadras galegas Gharaboto F e Valpaços F disputáronse o título na última carreira. Chegaba a esta última carreira o equipo de Marín un punto por enriba do de Vigo. Xogaba no grupo 4 Antía e Lucía como representantes de Gharaboto e Valpaços, respectivamente. Non houbo demasiada emoción, xa que, Antía entrou no segundo golpe e sumou 5 ptos máis para o seu equipo. Entón, Lucía xa non tiña nada que facer, ao final entrou con 3 ptos. O terceiro posto foi para Cochiqueiras de Cerceda a moita distancia. A evidencia dos números confirma a distancia sideral, a día de hoxe, entre Gharaboto e Valpaços e o resto de equipos.



Ás 13h comezou a Final Equipos A. Os 8 equipos clasificados para esta Fase Final competían con 6 xogadores/as e como en calquera competición deportiva as cábalas dos cerebros humanos expresaban a súa predilección por dous equipos do Noroeste, Campo da Feira, actual campión Noroeste e Filloas subcampión, e 2 equipos das Rías Baixas, Lúa, actual campión Rías Baixas e Corredoiras, pois confeccionou un equipo con palanadores de moito nivel. Tanto Cochiqueiros como Río Miño non partían con posibilidades reais. tampouco Gharaboto e Valpaços. Finalmente, un dos equipos máis en forma e con maior fondo de armario en canto a xogadores foi campión. Tres equipos foron durante toda a final por diante e alternándose o primeiro posto, Campo da Feira, Filloas e Lúa. Segundo se sumaban os puntos de cada grupo a cousa cambiaba. Durante a primeira metada, ou sexa, as 3 primeiras carreiras, Lúa e Filloas alternáronse o liderado. Na cuarta e quinta carreira uniuse a eles, con opcións de título Campo da Feira. Na última carreira decidiuse a victoria de Filloas con 5 ptos máis que Lúa e 8 máis que Campo da Feira. Unha circunstancia elemental e moi intelixente por parte do director técnico de Filloas, Lois Fontán, foi a de darlle descanso a Gándara despois de que nas dúas primeiras carreiras fixera 3 e 0 ptos. Un cambio necesario e fundamental para o desempeño do equipo coruñés. Entrou Miranda encabuxado pola súa suplencia e arrasou nas tres últimas carreiras, 3, 4 e 5 ptos para darlle a vitoria ao seu equipo. Ao finalizar, non houbo acordo sobre cal foi a clave se a entrada de Miranda ou a saída de Gándara. O certo é que o Título foise para Coruña. Valentín, Marco, Playa, Gándara, Miranda, Gervasio e Miguel Amado foron os protagonistas desta fazaña. O equipo decano da LGB levouse o Título baixo a dirección técnica de Lois Fontán, quen con voz de tenor cantou a victoria de Filloas de Sangue, desde a sombra, claro está, pois, o sol estaba sendo democrático, espetábase en todas e cada unha das cabezas e corpos por igual.



Rematou a sesión da mañá e chegou o xantar. Despois de 2 horas de mesa e sobremesa, ás 16h celebrouse a Final de Varados. 6 xogadores, e 5 golpes cada un de maneira alternativa ata facer varado ou establecer o podio segundo a proximidade ao varal. Cinco brazos dereitos, Marco, Moñas, Piru, Novas e Xan, e un brazo esquerdo o de Valentín, xogábanse o Título e as prazas de podio. Xa no primeiro golpe houbo tres billarda que se acercaron a menos de cinco metros do varal. Valentín situouse en primeira posición, con Moñas segundo e Marco terceiro. Segundo golpe e Marco conseguiu superar a Valentín para situarse en cabeza a menos de 2 metros da entrada do varal. Marco volveu superar por centímetros a súa propia billarda e o varal quedaba a un metro escaso. A cousa pintaba moi ben para o de Filloas. Para superar esa billarda había que facer varado, pois, entre a liña de varal e a billarda de Marco quedaban centímetros. Calquera que quixese ganar tiña que ir a polo varado. Comezou Moñas que tiña a terceira posición de podio e non superou esa marca. Golpeou Marco e tampouco superou a súa distancia anterior e mantíñase en primeira posición. Golpearon Piru e Novas e tampouco conseguiron entrar en posición de podio. Valentín tampou superou o seu mellor golpe. Último golpe de Xan para cerrar a final e Varado. Dicir tamén que tanto Piru como Valentín tiveron varios golpes nos que as billardas superaron por moito os 40 metros que hai de distancia desde a saída ata o varal, mais esas billarda non encontraron a boa dirección dos 6,30 m. de ancho que mide o varal.


16:30 horas e a Final Individual Feminina comezou. Tres grupos de 6 xogadoras. Favoritas Lu, Tania, Antía, candidatas, Sofía, Irene, Lucía e Elena. As demais nun terceiro chanzo, mais sen descartar a ninguén que a billarda garda sorpresas e alegrías inesperadas. Ben, despois de cinco carreiras pasaron de grupo e plantáronse na Final as tres grandes favoritas, Lu, Tania e Antía, dúas candidatas, Irene e Lucía e unha agradable sorpresa, Esther. O desenvolvemento da final foi espartano para Antía, tivo que resistir o mazo solar e a baixada de enerxía do seu circuíto biomecánico para rematar a proba. Para Lu e Tania foi unha final de remontada épica. Así, despois das dúas primeiras carreiras Lu encabezaba con 8 ptos, segunda era Tania con 4 e as demais estaban sen puntos. Terceira e última carreira, Tania da dous golpazos e consegue 5 ptos para un total de 9 ptos, situándose momentaneamente en primeira posición. Lu impacta os dous primeiros palanazos na billarda, pero, non de maneira eficiente o que fai que lle falten por chegar ao varal uns 30 metros, con dous golpes máis por diante. Antía saca dous magníficos golpes tamén e entra con 5 ptos, para situarse en terceira posición. Terceiro golpe, Lu acerta na billarda e avanza outros 5 metros. Agora, a billarda da de Lúa está a metade de campo e fáltalle dar un golpe. Lucía, Irene e Esther non dan entrado e quedan sen puntuar. Agora, todo está en mans de Lu, se quere o Título ten que entrar desde medio campo. Lu golpea e non dá entrado no varal. Tania campioa, Lu segunda e Antía terceira. Reseñar que Lucía tivo varios golpes magníficos nos que a billarda saiu por fóra das liñas de fondo do varal, mais sen acertar coa entrada. Unha pena para a xogadora de Valpaços. As xogadoras de Cochiqueiras fixeron o que puideron, mais as forzas estaban moi xustas e non deron puntuado en ningunha das tres carreiras.



18h e comezou a Final Individual Absoluta. A Final máis aberta polo número de candidatos que hai, xa que, son os mellores palanadores clasificados da LGB os que participan, 18 do Noroeste e 18 das Rías Baixas. Evidentemente, hai nomes que están na cabeza de todos os pensamentos. Depois, hai outro grupo que poden dar a sorpresa e despois estarían os casos inesperados e incomprensibles nos que alguén que non se esperaba acada a gloria. Pois ben, a fase de grupos daba catro prazas para xogar as semifinais. Os catro grupos eran de moito nivel, aínda que, como en calquera sorteo aleatorio, aparecen grupos moito máis difíciles de superar que outros. Desta vez, e sempre con datos estatísticos na man, os grupos 1 e 4 semellaban os máis complicados polo nivel de xogadores e xogadoras que o compoñían. A realidade posterior confirmou esta análise previa. Na final a oito houba máis presenza de xogadores que competiron nos grupos 1 e 4. Así, despois dunhas semifinais onde se enfrontaban cara a cara dous xogadores/as que pasaran de grupo, a final estaba lista. Gervasio, Abel Ponte, Marco, Piru, Moñas, Óscar, Miranda e Xan. Gervasio ganou a súa semifinal contra Lu no golpe de desempate. Abel Ponte fixo o mesmo con Taxeiro no golpe de desempate. Marco eliminou a Albino empatando unha carreira e ganando a outra. Piru desfíxose de Edu pola vía rápida, ganando as dúas carreiras. Moñas ganoulle a Valentín empatando unha carreira e ganando a outra. Óscar eliminou a Tania empatando unha carreira e ganando outra. Miranda ganoulle a Berdi empatando unha carreira e ganando outra. Xan venceu a José Manuel no golpe de desempate. En fin, semifinais moi igualadas todas. Só Piru foi quen de ganar as dúas carreiras da súa semifinal. A final estaba preparada e só a presenza de Gervasio parecía alterar a normalidade, xa que, calquera dos outros finalistas encaixaba en todo prognóstico previo. Aínda que vendo o rendemento nas últimas xornadas de LGB Noroeste do xogador de Filloas podemos dicir que non era tanto sorpresón que estivese na final.


Se algo nos di a historia desta Fase Final LGB é que ata que entra a última billarda no varal non se pode celebrar a vitoria ou a posición de podio. Xa o ano pasado sucedera algo parecido. Os xogadores que van por diante durante as primeiras carreiras sufren a vertixe de ver o Título diante dos fociños e en segundos desaparece a festa. Marco non puido xogar a final por incompatibilidade horaria cun compromiso ineludible. Desta maneira, comezou a final con 7 xogadores. Na primeira carreira os xogadores de Campo da Feira golpearon con electricidade e Abel Ponte entrou con 5 ptos, Óscar tamén e Moñas con 4 ptos, Xan tamén con 4 e os xogadores de Filloas, Miranda e Gervasio con 3 ptos. Piru non puntuou. Vaia, só era o comezo. Segunda carreira, a tendencia mantívose con Óscar que repetiu 5 ptos, Miranda igualou eses 5 ptos. Despois, con 4 ptos entraron Xan, Abel Ponte e Gervasio, con 3 ptos entrou Piru e Moñas non puntuou. Neste tipo de finais, non puntuar nunha carreira condena a non ter opcións de Título e loitar por entrar en podio no mellor dos casos. Terceira carreira con Óscar liderando con 10 ptos, Abel Ponte segundo con 9 ptos, Miranda e Xan con 8 ptos, Gervasio con 7 ptos, Moñas con 4 ptos e Piru 3 ptos. Terceira carreira, Moñas dispárase na clasificación cun varado de 6 ptos. Abel ponte suma 5 ptos e sitúase en primeira posición metendo moita presión. Gervasio, Piru e Xan conseguen 4 ptos. Miranda 3 ptos e Óscar non puntúa. Resumindo, iníciase a última carreira con Abel Ponte liderando con 14 ptos, segundo Xan con 12 ptos, Gervasio e Miranda con 11 ptos, Óscar e Moñas con 10 ptos e Piru con 7 ptos. Última carreira e só había unha cousa clara, Piru non podía ser Campión. Todos os demais mantiñan opcións reais. Evidentemente, Abel tíñao na man e máis despois do primeiro golpe no que ninguén fixo varado. Non obstante, Abel deu un primeiro golpe dos seus, estratosférico e sen dirección varal. Os seus rivais máis perigosos, Xan, Miranda e Gervasio deron bos primeiros golpes e deixaron as billaras a distancia de entrar no seguinte golpe. Cousa que sucedeu. Así, Xan sumou 5 ptos, Gervasio e Miranda fixeron o mesmo. Moñas sumou 5 ptos, pero non alconzou as puntuacións finais dos tres xogadores que tamén sumaron 5 ptos. O segundo golpe de Abel situou a billarda a uns 10 metros do varal. Quedábanlle dous golpes e a distancia era propicia para entrar. Terceiro golpe entran Óscar e Piru con 4 ptos e non acceden a posicións de podio que neste momento están en 17 ptos Xan, 16 ptos Miranda e Gervasio. Moñas quedou con 15 ptos, Óscar con 14 ptos e Piru con 11 ptos. Terceiro golpe de Abel para 4 ptos e ser Campión. Golpe magnífico e nos primeiros metros de percorrido aéreo da billarda semellaba que ía para dentro, máis o impulso do vento fixo que saíra lambendo unha das varas do varal, pero por fóra. Vaia, non pasaba nada, aínda lle quedaba un golpe e con 3 ptos empataba con Xan no primeiro posto e terían que ir a desempate. Outro gran golpe, desta vez botando na herba e saíndo por fóra da outra vara do varal. Finalmente, Abel Ponte tivo a oportunidade de ser Campión e dous golpes despois pasou a non entrar nin en podio. Así é a billarda.

PODIOS FASE FINAL LGB 2026

FOTOS






































