
FILLOAS gana en Leiloio
A mañá estaba coma sempre que hai nubes no ceo e pingas no aire, ameazante. O terreo de xogo vestía impecables flores e verde. Camisetas mandarina, vermella, amarela, gris… e azul filloa movíanse sobre a herba de Leiloio (Malpica). Aire en calma e as billardas prestas a recibir a súa ración de madeira no lombo. Xornada penúltima e na que había que acercarse á decisión final de saber quen ocuparía as dúas prazas de podio, pois, o título xa estaba case definido. Ben, o título quedou en mans de Xan e as dúas prazas de podio continúan no aire fresco. David ten 6 ptos de marxe sobre Collazo e a este, tanto Óscar Ponte como Valentín, téñeno no punto de mira, 6 e 7 ptos de distancia, respectivamente. Todo se decidirá na última xornada.
En canto ás posicións de Fase Final LGB, nada quedou decidido, pois coa participación que houbo na xornada das Rías Baixas a praza número 18 perdeuse en favor das Rías. Agora, faltando a última xornada nas dúas Conferencias, corresponden 19 prazas para Rías e 17 para Noroeste. Entón, a cousa ponse tan delicada que desde Moñas 240 ptos ata Marco 228 ptos hai 9 xogadores loitando por unha única praza (sempre pode haber algunha baixa de última hora, daquela é conveniente quedar o máis arriba posible). Incluso, Miranda e Viqueira terían opcións. Vaia, que a última xornada vai ser bonita.

Na clasificación Individual Feminina Irene deu un paso case decisivo para o Título, Chus tamén está cerca de confirmar a segunda praza do podio e a terceira é a que de momento ten moitas pretendientes. Sandra, Vero e Merche están empatadas a 127 ptos, Tamara ten 126 ptos, Silvia 125 ptos e Lorena 122 ptos. Calquera delas poderá completar o podio. A última xornada decidirá. Outra loita espectacular vai ser a de conseguir as prazas para a Fase Final LGB. Corresponden 7 prazas femininas, entón, non caben todas.

Na Individual Infantil hai que decidir as dúas prazas de podio que acompañarán ao Campión Adrián. Noa e Dimas decidiran esas posicións na última xornada, pois a vantaxe de 1 ptos que ten Noa non lle asegura nada.

A Individual de Varados e as prazas de Finalista LGB nesta categoría decidirase na última xornada. Calquera dos que ocupan as primeiras posicións teñen opcións de título e de praza de Fase Final LGB. Haberá que esperar a Culleredo.

Na categoría de Equipos, todo está decidido nas posicións de podio. O Título é de Campo da Feira, outro máis, a segunda posición para Filloas que foi a sorpresa desta temporada. O equipo azulón formou un cadro de xogadores que combina experiencia coa enerxía das novas incorporacións. Olliño con este equipo para o Título da LGB. Xunto co campión Campo da Feira é a aposta máis fiable da Conferencia Noroeste para facer fronte as grandes escuadras das Rías Baixas na Fase Final da LGB do 30 de maio en Santeles (A Estrada). Tanto Campo da Feira como Filloas son candidatos ao Título LGB 2026. Cochiqueiros e Foucellas estarían nun nivel inferior, aínda que con posibilidades, xa que, na Fase Final de Equipos teñen que competir 6 integrantes de cada equipo, cousa que abre as portas a sorpresas. Lúa, Gharaboto e Corredoiras son os equipos das Rías que todos os anos parten como favoritos e Valpaços sería alternativa. En definitiva, dos 8 equipos clasificados, habería 5 favoritos e 3 candidatos, isto sempre sobre o papel das análises e especulacións especializadas.

Na categoría de Equipos Femininos, Campo da Feira ten o Título no peto. Tería que suceder algo extraordinario na última xornada, como que Cochiqueiros F fixese o dobre de puntuación que ten de media. En fin, Campo da Feira F vai rachar dunha vez co dominio de Cochiqueiros F. A aposta determinante do equipo super-campión do Noroeste foi clara e determinante, reforzar a sección feminina e ben que o lograron. Acertou o equipo na fichaxe de Sandra, Bego, Lorena e Tamara para apoiar a Mercedes. Co presente asegurado tamén reforzaron o futuro con Noa e Lidia. Certo que de momento non está á altura dos equipos F das Rías Baixas como Gharaboto F ou Valpaços F, mais, se manteñen este cadro de xogadoras o futuro dirá.

O podio da xornada de Leiloio foi integramente de Filloas de Sangue. Ganou Marco, segundo foi Playa e terceiro Gervasio. Na categoría Feminina venceu Merche de APB, segunda quedou Chus e terceira Irene, as dúas de Cochiqueiros. En Infantil, ganou Dimas de Foucellas, segunda foi Lidia de Campo da Feira e terceiro Liam de Cochiqueiros. Por equipos ganou Filloas, segundo quedou Campo da Feira e terceiro Cochiqueiros. En equipos F, foi primeiro Cochiqueiros F, segundo Campo da Feria F e terceiro APB F.




PODIOS



FOTOS


















