
GHARABOTO gana en Domaio
A vitoria de Gharaboto non foi tan doce como se podería pensar. O equipo de Marín venceu, certo, mais cos mesmos puntos que Lúa de Forza Sanxenxo, cousa que beneficia ao equipo verde, xa que, desta maneira mantén o liderado e a diferenza de 12 ptos sobre a escuadra azul. A derradeira xornada da LGB Rías Baixas disputarase dentro de 14 días e a situación é favorable para Lúa. Analizando as puntuacións de toda a temporada apreciamos que a máxima diferenza que houbo a favor de Gharaboto foi de 9 ptos na xornada 5. Entón, pensamos que está no palán do equipo verde o Título. Non obstante, coa billarda no aire quen sabe o que pode pasar. A última xornada será en Chans, terreo de terra e no cal acadar puntos non vai ser doado. Corredoiras ocupará a terceira praza do podio. Valpaços Terra Quente ocupará a última praza de Finalista LGB.

Na Categoría Equipos F, o título xa estaba decidido desde hai varias xornadas. Gharaboto F non tivo rival en toda a temporada. Se acaso, Valpaços F conseguiu arrebatarlle 5 xornadas das 15 disputadas. Iso si, a distancia na clasificación é de 86 ptos. Sinal que o equipo marinense continúa sendo o máis fiable de toda a LGB e claro favorito tamén para vencer na FASE FINAL da LGB. Armadiña F cerra o podio e vai ter que rezar para non perdelo na última xornada. Pois, como Lúa F consiga máis de 24 ptos perdería esa posición. Porque Armadiña F non pode acudir á última xornada e, polo tanto, non vai sumar puntos. Estes catro equipos representarán ás Rías Baixas na Fase Final do vindeiro 30 de maio en Santeles.

As clasificacións individuais van ter que esperar ata a última xornada para decidir campións e campioas, excepto a Individual Absoluta que xa ten Campión na persoa de Xan Rodiño de Lúa de Forza. Revalida título. Acompañarano no podio Piru e Álvaro, probablemente nesta orde, pois Piru ten 12 puntos máis que o seu compañeiro de equipo.

Ben, aclarado o podio, a situación nas posicións que otorgan praza de Fase Final LGB está no aire. Está no aire por dúas circunstancias, primeiro, porque o número de prazas definitivo saberase despois de sumar a participación das últimas xornadas LGB (Noroeste e Rías Baixas). Sumada a participación nas xornadas 15 desta fin de semana as prazas que corresponden a Rías serían 19 e 17 para o Noroeste. Aínda así, haberá que esperar ata a xornada 16, porque o número de prazas está otorgado segundo a media de participación en cada Conferencia (mirar o cadro de abaixo) e a situación está en 7 centésimas favorable á praza número 19 para as Rías (18,57). O Noroeste ten 17 prazas e está a 8 centésimas que acadar a número 18, pois en caso de quedar 17,50 Noroeste e 18,50 Rías habería que mirar a maior participación nunha xornada (de momento 73 Rías Baixas).

Na Individual Feminina non está nada decidido. Lu mantén o liderado e Antía acercouse a 5 ptos da xogadora de Lúa. Sofía terá que defender a posición de podio, pois Elena está a 10 ptos. En canto ás prazas de finalista, Casilda deu un paso importante e ocupa a última praza. Chefa e Lucía son as dúas xogadoras que ameazan esa posición. Chefa está a 2 ptos de Casilda e Lucía a 13 ptos. Ao ser a última xornada en terreo de terra, onde os puntos hai que traballalos e aínda así, igual non se consiguen, a xogadora de Gharaboto non ten asegurada nin moito menos a praza.

O Titulo en Individual Infantil está practicamente no peto de Antía. Tería que suceder unha hecatombe interplanetaria para sucedese outra cousa. Sofía será segunda e Xián terceiro.

A Categoría de Varados, ten un virtual campión que é Piru. Só unha proeza de Xián podería privalo do Título. Tería que facer 2 varados o xogador de Lúa e que Piru non fixese ningún. Algo realmente difícil, complicado e inimaxinable. As 3 prazas de Finalista están en mans deses dous xogadores e de Novas. Esta terceira praza está sen decidir aínda, xa que, se Xan fai 1 varado ou Beni, Bego, Antía ou Ricar 2 Novas quedaría sen praza. Si, antóllase complexo que se dea esta combinación. Entón, Novas ten a praza moi encamiñada. Diego e Cho non acudirán á última xornada entón, non van sumar ningún varado máis.

A xornada ganouna Charri de Corredoiras Bueu, segundo foi Álvaro Otero de Gharaboto de Marín e terceiro Yahaya Diaby de Corredoiras. En categoría feminina ganou Casilda de Gharaboto, segunda foi Antía do mesmo equipo e terceira Lu de Lúa de Forza Sanxenxo. En Infantil foi primeiro Xián de Lúa, segunda Sofía de Gharaboto e terceiro Gael Solla de Armadiña de Combarro. En equipos primeiro quedou Gharaboto, segundo Lúa e terceiro Valpaços. En equipos F, ganou Gharaboto F, segundo Valpaços F e terceiro Lúa F.





















