CAMPO DA FEIRA gana en Zas
O campo de terra do colexio público de Zas era un folio en branco sobre o que as billardas comezaron a escribir con regos dereitos ou non tan dereitos, senón daquela maneira. As sombras levaban lentes de sol e das mangas curtas das camisetas penduraban brazos coa melanina bastante tímida. Os paláns comezaron a repartir e non quedou billarda sen recibir. Campo magnífico para puntuar e así o comprenderon as xogadoras e xogadores. Despois da fase de grupos pasouse ás eliminatorias. Chegaron á final Gándara e Josecho de Filloas, Riveiro de APB, Berdi de Cochiqueiros e Edu de Campo da Feira.

Despois de que entraran en 3 golpes, Josecho, Edu, Gándara e Collazo houbo que ir a un golpe de desempate. Ganou Edu, segundo foi Josecho e terceiro Collazo. Os Podios finais de todas as categorías quedaron como aparecen na imaxe de abaixo.




O concello de Zas un ano máis colaborou coa F.G. Deporte Autóctono, Modalidade Billarda cedendo as instalacións e achegando os premios para os podios da xornada. Estivo entregando os premios José Manuel Brenlla Castiñeira, segundo tenente de alcalde.



Despois de sumar as puntuacións da xornada pódese concluír que o Título de Equipos tanto A como F está nas mans de Campo da Feira. As matemáticas non afirmar esta circunstancia, mais a lóxica matemática si. Campo da Feira Absoluto marcha de líder cunha distancia de 56 ptos sobre Filloas, cousa que nos indica con casse absoluta certeza que o equipo de Paiosaco pode ser campión virtual nunha ou dúas xornadas. A segunda praza tamén está moi definida cara a Filloas. Onde hai lea e seguirá habéndoa ata o final é na última praza de podio. Actualmente está en mans de Cochiqueiros, non obstante, agora con tan só 6 ptos que son realmente 5, pois en caso de empate a ptos Foucellas quedaría por diante debido ao seu maior número de xornadas ganadas. Río Miño e APB manteñen e manterán quinta e sexta praza. Na Categoría Equipos F as circunstancias son moi similares Campo da Feira F ten 38 ptos máis que Cochiqueiros F, polo tanto, só hai que esperar unha ou dúas xornadas.
Nas Categorías Individuais, unha certeza hai. Adrián será campión Infantil aínda que falte ás 3 xornadas finais, pois, ten unha diferenza abismal, tanto como 67 ptos sobre Noa. Na Categoría Feminina, coa ausencia de Irene a esta xornada, as cousas quedan para non perdese as tres xornadas que faltan. Desde a líder Irene ata a décima clasificada Merche hai 12 ptos. 5 ptos hai entre a primeira e a sétima clasificada. Máis suspense é difícil, se cadra, imposible. Irene, Tamara, Chus, Silvia, Vero, Sandra, Lorena e incluso Bego que está a 8 ptos do liderado van ter as súas oportunidades para levarse o Título. Na Individual Absoluta, o título está bastante decidido, non tanto así, as outras dúas prazas de podio, xa que, Óscar situouse en segunda posición con dous puntos máis que Collazo. David tamén se mete de cheo nesta loita e xa respira un punto detrás do xogador de Foucellas. Estes serían os máximos candidatos para esas dúas prazas de podio. De todas as maneiras, non se pode descartar ao trío que se achega por detrás, Edu, Valentín e Abel Regueiro. Están a 12, 13 e 14 ptos da última praza de podio, pero, en 3 xornadas con 4 ou 5 ptos máis que os xogadores que os anteceden e o adiantamento estaría cerca. Ademais, Edu chega como un cohete espacial. O EGASA venceu de maneira consecutiva as 3 últimas xornadas con golpes extraordinarios e empatou o récord de 3 xornadas consecutivas ganando. Proeza que só Bonxe conseguira antes na historia do Noroeste. Agora, vai a polo cuarteto de vitorias.
CLASIFICACIÓNS XERAIS





FOTOS





























