Ganou Filloas en MUIMENTA, onde o sol non quenta
A vitoria de Filloas produciuse no último golpe ou para usar a precisión cuántica, no último golpe do desempate, cando Marco tiña que superar a billarda de Moñas se quería dar a vitoria a Filloas. Si, desenvolveuse todo cun guión que gardaba o desenlace para a última escena. Chegaban á final Moñas e Edu de Campo da Feira, Marco de Filloas, Bonxe de Río Miño, Daniel de Billardeiros Musicais e Berdi de Cochiqueiros. Pois ben, as puntuacións ata ese momento daban a vitoria a Filloas por 3 ptos. Mais todo se decidía polos puntos que se otorgan ao podio final, 3 ptos ao ganador, 2 ao segundo posto e 1 ao terceiro posto. Campo da Feira tiña que sumar 3 ptos e que un xogador seu ganara a xornada e que Marco non puntuase, ou ben sumar máis de 3 ptos e que Marco non puntuase. Edu entrou no segundo golpe e puxo as cousas empatadas e como ninguén máis entrou nese golpe, daba a vitoria a Campo da Feira. No terceiro golpe entraron tanto Bonxe, como Daniel, como Moñas, como Marco. Berdi decidiu non sufrir o estrés de ter que ir a un golpe de desempate e non entrou no terceiro golpe. Así, as cousas tiñan que decidirse no golpe de desempate. Golpeaba en último lugar Marco. Despois de golpear, Moñas, Bonxe e Daniel a billarda que estaba máis preto do varal era a de Moñas, cousa que daría a vitoria a Campo da Feira. Pois ben, Marco colleu o palán con determinación e guindou a billarda por diante da de Moñas sumando 2 ptos do segundo posto e dando a vitoria a Filloas.





Ganou Edu de Campo da Feira, Marco de Filloas foi segundo e terceiro Moñas de Campo da Feira. En feminina venceu Geni de Billardeiros Musicais de Ribadeo, segunda foi a súa compañeira Dori e terceira Vero de Río Miño. En Infantil foi primeiro Adrián de Río Miño, segundo Mauro do mesmo equipo e terceiro Daniel Gómez de Filloas. En Equipos A ganou Filloas, segundo foi Campo da Feira e terceiro Cochiqueiros. En Equipos F venceu Billardeiros Musicais F, segundo foi Campo da Feira F e terceiro Cochiqueiras F.



Agora as clasificacións quedan así nas primeiras posicións. As prazas de Finalista LGB son a día de hoxe 18 en Categoría Absoluta e 7 en categoría Feminina.







































