En Moaña, Gharaboto gana no último golpe
A tarde solleira en Meira (Moaña) estaba sentada contemplando a Ría de Vigo. Chegaron os equipos dispostos a poñerse en manga de camiseta e pantalón curto. Ben, pois o certo é que non puideron ou non se atreveron. O nordés entraba polas orellas e baixaba polo espiñazo como pinga de glaciar. En fin, houbo que xogar arroupándose as carnes.





A actividade competitiva comezaba con dificultades para chegar ao varal, tanto nos dous campos de terra como no campo de herba. A competición de Equipos en categoría Absoluta comezaba con Lúa de líder con 5 ptos de vantaxe sobre Gharaboto. Ata o último golpe mantivo o equipo verde ese liderado. Así, coa vitoria de Piru e o segundo posto de Xan produciuse un empate a ptos na Xeral de Equipos. En fin, Gharaboto sitúase líder polo maior número de vitorias en xornadas (7 vitorias por 3 vitorias de Lúa). Agora, serían 4 xornadas para decidir campión. Olliño que non hai que descartar ao cen por cen a COR Bueu. Certo está moi lonxe e tería que ir restando 13 ptos cada xornada. Cousa que está ao seu alcance, pero, claro está, terían que coincidir esas xornadas con malas actuacións dos dous equipos que o anteceden na clasificación.

Equipos en categoría feminina, unha nova vitoria de Gharaboto F. Desta vez, non foi tan folgada como noutras ocasións. Foron 47 ptos para GHA F e 40 ptos para VAL F e 32 para COR F. Na xeral o único posto que está no aire é o terceiro posto, aínda que ARM F ten unha diferenza de 38 ptos sobre o equipo de Combarro. O demais, a falta de 4 xornadas está cociñado e servido.

Nas categorías individuais as cousas mantiveron o pulso, xa que non houbo grandes puntuacións. En efecto, o vento é un factor condicionante máis duro que a superficie de xogo e non é doado acadar puntos por enriba da vintena. Só houbo 3 puntuacións que chegaron a ese pináculo. Piru aproveitou a xornada para instalarse na segunda posición do podio, este foi o cambio máis significativo. O podio semella decidido e o título tamén, agora faltaría saber que dos dous xogadores de GHA ocupará a segunda e terceira posición, pois a distancia entre Piru e Álvaro é de 7 ptos. Outra zona vital da clasificación é o posto 18, lugar que marca quen se clasifica para a Fase Final da LGB e quen queda fóra. Son 18 as prazas de finalista e a día de hoxe sería Alfonso que ocuparía esa posición, pero, pero, por detrás están moi pretiño José Antonio, Bego, Machi, Belmira e Xián.
Na clasificación Feminina si que a cousa púxose seria, emotiva e atractiva. Faltan 4 xornadas e Antía acercouse a 3 puntos de Lu. Por outra parte, Sofía ponse a 9 de Lu. En definitiva, as dúas adolescentes de GHA van poñer o suspense necesario para facer de cada unha das catro xornadas que faltán un espectáculo deportivo sublime. As prazas de finalista LGB son 11. Yolanda ocupa esa última praza e por detrás, Casilda e Lucía manteñen opcións.
Na clasificación Infantil a cousa do título está entre as dúas xogadoras de GHA, Antía e Sofía, pois Xián faltou a 4 xornadas e quedouse sen posibilidades reais de optar a ese privilexio. O de Lúa ocupará a terceira posición sempre que acuda a todas as xornadas que faltan.




A vitoria na xornada foi para Piru de Gharaboto (Marín), por diante de Xan Lúa de Forza Sanxenxo e Luís Gon de Gharaboto. En feminina ganou Antía de GHA, segunda foi Sofía do mesmo equipo e terceira Yolanda de Valpaços (Vigo). En Infantil, quedou primeiro Xián, segundo Brais de Valpaços e terceiro Marco de Armadiña (Combarro).



FOTOS





























VALPAÇOS TERRA QUENTE (Vigo)


