Domingo, Marzo 15, 2026
ActualidadeXornada

Novena xornada en Poio e Gharaboto dixo, “eu non me mollo”.

A Liga Galega de Billarda Rías Baixas disputou a novena xornada en Poio. Dadas as condicións atmosféricas decidiuse xogar no pavillón do IES de Poio. Gharaboto continúa coa súa progresión aritmética cara ao liderado. Punto a punto vaise acercando a Lúa de Forza. A xornada foi a máis emocionante e incerta de todas as celebradas ata o momento. O pavillón ten esta gran virtude. Ata o último golpe non se soubo quen ganaría a xornada na categoría equipos, pois chegaban con posibilidades 4 equipos, si, como ledes, ata catro equipos poderían ganar se se daban certos resultados na final a 6. Esta final xogárona José Antonio e Yolanda de Valpaços, Charri de Corredoiras, Piru e Sofía de Gharaboto e Jose Manuel de Rinoceronte. Chegaban a esta final a 6, Armadiña e Valpaços empatados a 88 ptos, despois estaba Gharaboto con 87 ptos, Lúa con 86 ptos e Corredoiras con 85 ptos. Como non había ningún representante nin de Armadiña nin de Lúa, pois Armadiña dependía dos resultados e Lúa non tiña opcións de ganar. Entón, eran catro os equipos implicados. Despois dos dous primeiros golpes, Corredoiras quedou descartado, xa que Charri non entrou en 2 golpes e tanto Piru, José Antonio e José Manuel si o fixeron. Agora, o título quedaba por definir entre Piru de Gharaboto e José Antonio de Valpaços. José Manuel de Rinoceronte podería ser factor determinante se ganaba e conseguía os 3 ptos de bonificación. Ben, a vitoria chegou no último golpe de desempate entre José Antonio e Piru. O de Valpaços despois dunha actuación magnífica con 4 varados na fase de grupos, pois, o que ten golpear tan forte en pavillón, sacou a billarda de fonto e deixou en mans de Piru o triunfo. Así, empataron a puntos Gharaboto e Valpaços e como un xogador de Gharaboto ganou a xornada, pois a vitoria foi para Gharaboto, segundo quedou Valpaços e terceiro Armadiña.

En equipos femininos a vitoria de Gharaboto F non foi tan clara como outras veces, xa que, Armadiña F quedou a tan só 4 ptos e Valpaços F a 10 ptos. Podemos dicir que Armadiña F está consolidando o seu salto de calidade e nas xornadas que se disputan en pavillón pode competir contra Gharaboto F e Valpaços F en igualdade de condicións ou case en igualdade.

As puntuacións foron altas, moi altas nalgún caso, como por exemplo, os 29 ptos de José Antonio, os 27 ptos de José Manuel e os 25 ptos de Piru.

Nas categorías individuais os podios quedaron desta maneira: en Absoluta foi primeiro Piru de Gharaboto, segundo José Antonio de Valpaços e terceiro José Manuel de Rinoceronte. En categoría feminina, quedou primeira, Yolanda de Valpaços, segunda Sofía de Gharaboto e terceira Mónica Padín de Armadiña. En categoría infantil, foi primeira Antía de Gharaboto, segundo Gael Solla e terceiro Marco Solla, os dous de Armadiña.

Depois de sumar os puntos desta xornada as CLASIFICACIÓNS XERAIS quedan desta maneira nas primeiras posicións. As prazas de clasificación para as Finais LGB, son 18 prazas tanto para NOR como para RÍAS, en Feminina 11 prazas para RÍAS e 7 prazas para NOR. Como este número de prazas depende da porcentaxe de participación das dúas Conferencias, Noroeste e Rías Baixas, pois, pode haber algún cambio no número de aquí ao final da temporada. 

PRÓXIMA XORNADA

28 febreiro BUEU

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *