Gharaboto gana en Sanxenxo e acércase ao liderado
O pavillón municipal de Nantes foi escenario da vitoria de Gharaboto (94 ptos) por cuarta xornada consecutiva. Lúa de Forza (85 ptos) foi segundo e mantén o liderado a pesar do momento magnífico de forma do equipo de Marín. Agora a diferenza é de 10 ptos. Valpaços Terra Quente (85 ptos) foi terceiro cos mesmos puntos que Lúa. Rematada a primeira volta da Liga, 8 xornadas dun total de 16, Valpaços é a sorpresa agradable da temporada e a única alternativa aos tres grandes da competición. O rendemento do equipo vigués está aumentando co paso das xornadas cousa que fala ben das súas novas incorporacións. Na cuarta posición da xornada quedou Armadiña (81 ptos). O equipo de Combarro ten un estupendo futuro e cando medre un par de anos máis a súa sección infantil vai ter un equipo moi potente. Corredoiras (75 ptos) non tivo boa xornada e as súas opcións de Título quedan bastante lonxe. O equipo de Bueu sempre pode rexurdir, mais a tendencia non é positiva. Para esta xornada presentou ao equipo completo e aínda así, non estivo ben e quedou no quinto posto. Rinoceronte (41 ptos) precisa reforzarse con urxencia. Na Categoría de Equipos F, Gharaboto F non tivo problemas para ganar a xornada, segundo foi Valpaços F e terceiro Corredoiras F. En cuarta posición quedou Armadiña F e en quinta Lúa F.

Lúa continúa de líder, Gharaboto queda a 10 ptos. Corredoiras xa está a 47 ptos do primeiro posto e por detrás acércaselle Valpaços a 28 ptos. Armadiña é quinto e Rinoceronte sexto. Está claro que a loita polo título vai ser entre Lúa e Gharaboto. Corredoiras vai ter moi difíciel acercarse a esas dúas primeiras posicións. Parece que Valpaços está nunha tenencia alcista e non descartamos que lle discuta a última praza de podio ao equipo de Bueu.

O dominio de Gharaboto F (80 ptos) é incuestionable e para valorar o seu potencial só hai que comparar a puntuación que obtivo nesta xornada coa que obtivo o Equipo A de Corredoiras (75 ptos). En fin, o nivel é tan alto do equipo de Marín que só falta coñecer con cantas xornadas de antelación se vai proclamar campión de Liga. Valpaços F ten un moi bo equipo tamén, o que pasa é que non lles chega para superar a Gharaboto F. Armadiña F é o terceiro clasificados e deberá defender posición ante Corredoiras F e Lúa F.

Na Categoría Individual Absoluta ganou Álvaro Otero de Gharaboto, segundo foi Adriano Taxeiro de Valpaços e terceiro o sorprendente infantil, Gael Solla de Armadiña Combarro. En Individual Feminina, ganou Lu Torres de Lúa de Forza, segunda foi Sofía Montero de Gharaboto e terceira Elena González do mesmo equipo. En Individual Infantil, ganou Antía Balea de Gharaboto, segundo Marco Solla e terceiro Alexis Castro os dous de Armadiña.

A clasificación xeral Individual Absoluta queda nas súas primeiras posicións como aparece na imaxe de abaixo. Esta temporada hai 18 prazas que dan dereito a participar na Fase Final da LGB. Desta maneira, as posicións de podio están ocupadas por Xan, Álvaro e Piru. E Alfonso ocupa a última praza de finalista.

Na Individual Feminina a cousa está que arde e queima. Entre a líder, Lu e a sexta clasificada Bego Ríos hai menos de 20 ptos. E todas estas palanadoras son dun nivel moi alto, co cal, por vez primeira semella que ata 6 xogadoras van disputarse o título. Queda lonxe o dominio abrumador que mantivo durante moitos anos Bego sen que ninguén se lle acercara sequera. Agora o nivel competitivo mellorou e calquera desas 6 xogadoras pode levarse o título.

Na categoría Infantil, a ausencia do líder Xián fai que Sofía e Antía se acerquen e abran de novo a porta do título. Agora están a menos de 10 ptos do primeiro posto e de novo teñen posibilidades, polo menos, de poñer en apuros ao Raio Verde. Gael Solla deu un salto importante e xa ameaza a cuarta praza de Brais.




FOTOS




























