En Meaño venceu Gharaboto
O sábado disputouse a 7ª xornada da LGB e última deste ano. Foi unha tarde de outono que anunciaba a chegada do inverno coa cara alegre e os ollos cheos do azul do ceo. Temperatura magnífica para esta época. O Campo da Toxa estaba estupendo para as billardas, tanto para que puidesen avanzar polo chan como para que emprendesen o voo. Non había nada de aire e o sol fixo agradable a xornada. Houbo 6 campos de xogo e 6 grupos de competición. Así, antes das 18h a xornada estivo rematada.

A vitoria de Gharaboto foi incontestable. O equipo de Marín continúa coa súa progresión e nas últimas tres xornadas recortoulle 14 puntos ao líder Lúa de Forza. Así, agora xa está a menos de 20 puntos do liderado. Corredoiras Bueu recuperou as sensacións e con 75 ptos mantén as opcións de título. Queda a menos de 40 ptos de Lúa. Valpaços móstrase firme na cuarta posición esperando que os tres primeiros da xeral teñan algunha debilidade. Armadiña quedou quinto na xornada, a mesma posición que ocupa na xeral. Rinoceronte mantén fechada a cancela da clasificación.

Na Categoría de Equipos F, de novo Gharaboto F dominou a xornada e volveu sacar diferenza ao seu máxino rival para o título, Valpaços F. A distancia de 43 puntos que hai entre os dous grandes da Billarda Galega non garantiza aínda nada. O certo é que despois de 7 xornadas e con 9 por diante, estes dous equipos continuarán marcando diferenzas co resto de equipos das Rías. Armadiña F, Corredoiras F e Lúa de Forza F, teñen o seu particular obxetivo en ocupar a terceira praza do podio, pois de momento non poden aspirar a máis. Esta zona está moito máis igualada, iso si, co equipo celeste de Combarro por diante e moi sólido nesa terceira posición. Corredoiras F reforzou o equipo coa incorporación de Paula Barreiro. Un gran traballo de canteira de Corredoiras. O equipo F de Bueu pasou en dúas temporadas a contar con 5 licenzas federativas femininas. As incorporacións das dúas últimas temporadas, Laura Brocos, Nati e Paula Barreiro, complementan o potencial que xa tiñan con Bego Ríos e Chefa Ruíz. Agora todo é cuestión de tempo e adestramento. O caso de Lúa de Forza F é máis preocupante, pois, o equipo verde necesita reforzar o equipo con novas incorporación. A evidencia di que tanto Armadiña F como Corredoiras F souberon dar ese salto de calidade nas últimas temporadas con novas xogadoras e con fichaxes estratéxicas. Armadiña F tivo a baixa moi importante de Ainhoa, mais soubo o equipo de Combarro reforzarse ben con Mónica Padín. Así, mantén o nivel competitivo da temporada pasada na que rematou no terceiro chanzo do podio.

O terreo de herba artificial estaba perfecto para conseguir puntos, non obstante, os xogadores e as xogadoras non estiveron con moita ansia de puntos. Vai ti saber por que ou como fixeron para establecer a puntuación máis baixa coa que se ganou unha xornada, tanto en Equipos A como en Equipos F. O mesmo sucedeu nas puntuacións individuais, pois, en individual absoluta só 5 xogadores chegaron ou pasaron dos 20 ptos e en individual feminina só 3 xogadoras chegaron ou pasaron dos 15 ptos. Cousas de coller a costa abaixo do ano 2025 no almanaque.


As eliminatorias, como de costume, deron algunha sorpresa. Algún xogador que levaba unha tarde nefasta pasou á final e outros que pasaron con moitos puntos quedaron fóra. En fin, o de sempre, hai que estar precisos e precisas no momento decisivo, non antes nin despois. Xogaron a final Carolo, Xan, Novas, Gerardo, Xián e Bego. Dous equipos representados, Lúa de Corredoiras. Curiosamente, ningún destes equipos ganou a xornada.


Salvador Torres “Carolo” con dous golpes marabillosos levouse a Boina, igual que Bego Ríos en feminina. Xián venceu en Infantil.







FOTOS





















PRÓXIMA XORNADA
17 XANEIRO
SANXENXO

