CAMPO DA FEIRA a vitoria cantou en Labañou
O lugar elixido para desenvolver a sétima xornada LGB Noroeste foi Labañou, un barrio da parroquia de Visma, situado na zona noroeste da Coruña. O terreo de terra do Campo Nosa Señora do Carme foi un escenario magnífico, tanto para xogar billarda como para servir de centro das miradas e atención de paseantes e habitantes do barrio. As billardas gustan da terra e ben que se lles notou. Estomballaban no chan con ledicia e describían acrobacias aéreas e terrestres, vaia, que gozaron da mañá e do lugar.

O equipo local Filloas de Sangue está no seu mellor momento deportivo e afrontaba esta xornada coa saudable intención de vencer ou polo menos manter o pulso co todopoderoso Campo da Feira. A piques estivo do primeiro obxectivo e conseguiu o segundo. Si, despois da fase de grupos Filloas superaba a Campo da Feira por un puntiño. Claro, faltaban os cruces eliminatorios e a final onde se repartían 3 pts, 2 ptos e 1 pto para os ocupantes do podio final da xornada. Pois ben, na final estaban dous xogadores de Campo da Feira, Juan Carlos e Edu e un xogador de Filloas, Valentín. Ademais, de Lito, Lucho e Xan. As contas eran fáciles de facer. Se Valentín sumaba os mesmos puntos que Juan Carlos e Edu xuntos, pois vitoria para Filloas. Outras combinacións xa producían máis posibilidades matemáticas. En fin, a cousa non se poñía ben para o equipo herculino, pois Juan Carlos, Lito e Xan entraban en dous golpes e Valentín non. Daquela, aínda quedaba unha pequena posibilidade de que Filloas ganase a xornada. Que Juan Carlos quedase terceiro no golpe de desesmpate. Desta maneira, sumaría un punto e empatarían a puntos Filloas e Campo da Feiro. O empate favorecía a Filloas, por ter a maior puntuación individual dun xogador. Vaia, non houbo que facer máis contas milimétricas. Juan Carlor foi primeiro e sentenciou a vitoria de Campo da Feira.








Sumados os puntos da xornada a cousa queda un pouco como estaba. Campo da Feira é líder con 25 puntos de vantaxe sobre Filloas. Foucellas mantense na terceira posición xa a 41 ptos do liderado. Cochiqueiros defendeu con honor a cuarta posición e mantívose a salvo da chegada por detrás de Río Miño e de APB. Así, a día de hoxe a clasificación está dividida en dúas zonas. Tres equipos loitarán polo título e outros tres pola cuarta praza que dá dereito a participar na Fase Final LGB 2026. Desta maneira ningún equipo está sen obxectivo. Evidentemente, Campo da Feira é claro favorito para rivalidar título e Cochiqueiros para acadar a última praza de finalista. Mais, tanto Filloas como Foucellas, os equipos da Coruña, reforzaron moi ben os equipos e teñen potencial para poñerlle as cousas complicadas a Campo da Feira. Pensamos que Filloas aínda pode mellorar os seus resultados, pois ten máis fondo de armario que Foucellas, cousa que lle permite ter máis regularidade nos resultados. Se algún xogador ten unha mala xornada e non suma para o equipo pode aparecer outro que sume os puntos. O equipo da cor Mandarina está máis limitado nese sentido. Poderiamos dicir que Foucellas ten dous xogadores elite, Collazo e Lito (están entre os 6 primeiros postos da xeral) e Filloas só ten un, Valentín. Por outra lado, Filloas ten tres xogadores clasificados entre os postos 10 e 20, Gándara, Marco e Playa e Foucellas ningún. Entón, as virtudes dun son as debilidades doutro. En resume, vai ser unha competición fermosa de ver e de xogar.
Na zona de finalista, Cochiqueiros xa sinte o alento de Río Miño e agora tamén de APB. Teñen 23 puntos máis que Río Miño e 44 máis que APB, non obstante, os claros signos de decadencia do equipo de Cerceda poden ser motivación para os seus perseguidores. O curioso é que este baixón de Cochiqueiros coincide con feitos xa pasados. A historia repítese? Cando Berdi foi relegado como líder do equipo pola aparición meteórica de Abel Regueiro como mellor clasificado do equipo, pois, o equipo pasou unha crise interna de liderado que rematou con Berdi relegado e Abel ocupou o seu posto. Con aqueles acontecementos o equipo sufriu e ata a temporada seguinte non se recuperou. Pois, o mesmo sucede agora con Abel Regueiro. O número 1 do equipo, de momento, está atravesando o deserto deportivo e veuse claramente superado por David, quen cunha xornada menos disputada xa supera na xeral a Abel. Veremos canto tarda Abel en facerse a un lado e asumir un rol residual e deixar o número 1 do equipo a David. Río Miño e APB dependen sempre de que todas as súas figuras acudan a xogar, cando teñen baixas clave as puntuacións minguan.





FOTOS




































VINDEIRA XORNADA
11 XANEIRO
CERCEDA

