GHARABOTO gana en Meis
O pavillón municipal do Mosteiro (Meis) foi o lugar elixido para disputar a sexta xornada da LIGA GALEGA DE BILLARDA Rías Baixas. O magnífico pavillón con bancadas e uns amplios espazos nas bandas da pista de xogo permitiu a comodidade tanto de palanadores e palanadoras como de aficionados que presenciaron a xornada. A superficie da pista de cemento permitiu que as billardas avanzaran con firme rumbo, precisa dirección e decidida traxectoria. Claro está, non sempre acertaron coa diana do varal.

O pasado estatístico confírma que para ganar unha xornada en pavillón hai que sumar 90 ou máis puntos. Así foi desta vez tamén, Gharaboto venceu con exactamente 90 ptos, segundo foi Lúa con 89 e terceiro Corredoiras con 84. Valpaços foi cuarto con 82 puntos, Armadiña quinto con 65 e Rinoceronte sexto con 38. A vitoria do equipo de Marín forxouse no último golpe da final individual, pois, Elena conseguiu 2 ptos máis de bonificación por ocupar a segunda posición do podio final, cousa que lle serviu ao equipo para superar a Lúa por 1 punto.


A final individual tivo a presenza de 3 xogadoras, Lu, Elena e Antía e 3 xogadores, Martín, Pena e Xan, feito que fala moi ben do nivel que teñen as xogadoras da Liga Galega de Billarda. A realidade confirma que cando se xoga en pavillón as forzas entre palanadores e palanadoras igualanse. O mesmo que en exterior, de momento, hai evidentes diferenzas entre homes e mulleres. Martín Caneda ganou a súa primeira xornada de LIGA GALEGA DE BILLARDA, despois de 179 xornadas disputadas e co balance de 1 segundo posto e 1 terceiro acadados, por fin, chegou a primeira vitoria. A boina xa está na mansión que Martín ten no Grove. Un maiorista que non coce marisco e levantou un imperio comercial da nada, agora levanta o trofeo que lle faltaba, a BOINA LGB. Grande Martín.


No apartado individual a vitoria foi para o grovense Martín Caneda de Lúa de Forza, segunda quedou Elena González de Gharaboto e terceiro Xan Rodiño de Lúa de Forza. Na Individual Feminina ganou Antía González, de Gharaboto, segunda foi Lu Torres de Lúa de Forza, terceira quedou Casilda Padín de Gharaboto. En Individual Infantil venceu Brais Quiraz de Valpaços, segundo Xián Burgos de Lúa de Forza e terceiro Gael Díaz de Armadiña.



As puntuacións foron xenerosas cos golpes controlados e precisos e nada indulxentes coas billardas que saían a demasiada velocidade e sen coñecer o destino ao que tiñan que chegar. Só 8 puntuacións das 65 totais non chegaron á ter dous díxitos. Estes datos indican que houbo máis elegría e logro que frustración durante toda a tarde. Saltos de ledicia por parte de moitos nenos ao entrar no varal coa billarda. Esta rapazada, pola súa idade e desenvolvemento corporal, non ten tanta recompensa cando se xoga en exterior, polo tanto, bendita choiva e bendita felicidade infantil ! Salientar que debutou con Valpaços Cachito, unha nova xogadora que comeza a dar os primeiros golpes con entusiasmo arrebatador.


Despois de sumar os puntos desta xornada, nas CLASIFICACIÓNS XERAIS as distancias son mínimas ou considerables, todo depende quen as valore. Así que, o mellor é que cada quen consulte, analice, avalie e cualifique ao seu xeito, tanto as súas prestacións como as das demais persoas e equipos. O que salta á vista é que Lúa segue líder en Equipos A e Gharaboto F en Equipos F. Semellan líderes moi sólidos e con distancias que poden valerlle o honorífico liderado de fin de 2025, pois, falta unha xornada de liga para rematar o ano.






Nestas CLASIFICACIÓNS tamén se poden consultar outras estatísticas moi interesantes, entre elas as puntuacións medias e o número de varados segundo a superficie onde se xoga.

FOTOS
















































VINDEIRA XORNADA
13 DECEMBRO
MEAÑO

