Domingo, Marzo 15, 2026
ActualidadeXornada

FOUCELLAS ganou en Cerceda

A sexta xornada da LGB Noroeste disputouse no pavillón de Limeisa, pois a choiva estivo presente toda a mañá en Cerceda. Ben, o cemento pulido da pista do pavillón fixo que as puntuacións engordaran. Así, houbo unha puntuación media de 16,6 ptos. Esta estatística e outras máis, como número de varados que se fixeron ou media de puntos das mulleres, aparecen nunha etiqueda desta páxina web. Aquí, pódense consultar CLASIFICACIÓNS E ESTATÍSTICAS.

Os equipos chegaban con todas os seus elementos sen apenas baixas de consideración, polo tanto, esperábase que de novo Campo da Feira, Filloas e Foucellas estivesen loitando polo podio da xornada e por acumular puntos na xeral. Cochiqueiros era unha incógnita, xa que, exercía de equipo local coa motivación de coñecer o terreo e a ilusión de volver ao carreiro dos bos resultados. Pero claro, a súa tendencia actual non animaba a ser moi optimistas porque nas últimas tres xornadas quedara fóra do podio e xa ocupaba a cuarta posición na Xeral. Pois ben, ao final o equipo das Panteiras resolveu de maneira gris tirando a negro a xornada. Ocupou a terceira posición da xornada sacándolle tres puntos a Campo da Feira, cousa que semella brillante, se non fora porque diante estivo Foucellas un dos seus máximos rivais para ocupar as posicións de Final LGB. De todas as maneiras as distancias foron mínimas entre os equipos. Apenas 14 ptos entre Filloas e Foucellas. APB continúa con dificultades o ritmo dos 5 grandes da Conferencia. O equipo da Laracha cando conta con máis de 10 xogadores móstrase competitivo, pero desta vez foron seis soamente. Para ter posibilidades de entrar nas prazas de finalista e poder optar ao podio calquera equipo, dez xogadores parece a cifra máxica.

No plano individual, Martín Muñiz “Moñas” de Campo da Feira ganou a xornada, segundo foi Alberte Pérez de Foucellas e terceiro David Fernández de Cochiqueiros. En feminina ganou Lu Torres de Lúa de Forza, segunda foi Pili Villar de Río Miño e terceira Silvia Llobregat de Cochiqueiros. En infantil, venceu Mauro Pin, segundo foi Adrián Darriba, os dous de Río Miño e terceira Noa Muñiz de Campo da Feira.

Agora, a clasificación Xeral está con Campo da Feira líder sólido que avantaxa a Filloas en 23 ptos. Filloas mantén a segunda posición, agora con Foucellas a 11 puntos. Os Foucellas son o equipo que máis medrou desde a temporada pasada. Este crecemento do equipo herculino veu dado pola magnífica política de fichaxes. Perfil de xogadores de nivel baixo para que a súa marxe de mellora se vexa día a día, xornada a xornada. Ao mesmo tempo, que estes novos xogadores non lle fagan sombra aos dous superheroes do equipo, Batman Pena e Robin Collazo. En definitiva, magnífica nova para a billarda que Os Foucellas estean loitando xa polo podio da xeral e quen sabe se polo Título. O equipo máis novo da LGB está construíndo o presente e deseñando o futuro dun Título. O outro equipo da Coruña Filloas mantén o seu nivel desta temporada, na que cremos que é seria alternativa a Campo da Feira. A traxectoria do equipo decano é moi sólida e as fichaxes están respondendo, daquela, todo fai pensar e crer que eses 23 puntos que o separan do primeiro posto non son obstáculo para manter esperanzas de liderar en algún momento a xeral. Esta sería a zona noble, por así dicilo, da clasificación. Tres equipos para tres prazas e para o Título. Despois, xa chegan os equipos que deberán repartirse unha praza de finalista LGB. Cochiqueiros está pasando o tunel do cambio de ciclo. As Panteiras sagradas teñen un debate interno difícil de acabar. Retirada triunfal cun currículo excelente ou desgaste innecesario arrastrándose polos pavillóns e facendo chorar ás bancadas de cercedenses. Berdi, Viqueira e Alberte foron e Abel, David e Anxo son. Este parece ser o dilema ou bifurcación filosófica que está no aire e no vento de Cerceda. Mentres tanto, o equipo á deriva. Veremos como se resolve esta situación. E olliño que esta crise identitaria está afectando ao equipo F das Panteiras. Si, o noutrora equipo feminino invencible no Noroeste está atravesando tamén o tunel, pois Campo da Feira F ten 5 puntos máis na Xeral de Equipos F. O nunca visto antes.

Campo da Feira F domina a xeral e con notoria autoridade, vaia con 5 puntos de marxe sobre Cochiqueiras F. Río Miño F ganou a xornada, mais aínda está lonxe dos dous primeiros equipos da xeral. Pois ben, o equipo feminina de Cerceda tomouse as fichaxes de Campo da Feira a broma e a cousa estase poñendo seria. Os reforzos de Paiosaco están dando froitos e baixo a batuta máxica da Madriña Mercedes van dereitas a polo Título. Tammy, Lorena, Begoña, Sandra, Noa, Lidia e Auri formaron unha alternativa que está sorprendendo. Iso si, o desembolso económico para xuntar a esta recua de xogadoras foi considerable. Parece que Campo da Feira soporta endebedarse ata un 25% por enriba dos ingresos sen incumprir o bo goberno financieiro, ou esas son as contas da Tesoureira, vaite ti saber como suman e restan en Paiosaco. A Canariña de Río Miño, pois, pode optar ao triunfo en algunha xornada máis, non obstante o título quédalle moi lonxe. Se conseguen reforzar para a próxima temporada poderíase ver unha liga F de tres equipos moi poderosos. Claro, na Terra Chá as finanzas do equipo están en mans dunha tesoureira que fai as contas con calculadora, entón, a cousa non se sae do déficit cero.

As clasificacións individuais están desta maneira nas primeiras posicións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *