2ª xornada LGB Sanxenxo
Os días de choiva en Sanxenxo son fóra de temporada vacacional, iso xa se sabe, o que non está tan sabido é que as borrascas non respectan eventos deportivos ao aire de boa gana. A puntería das nubes caeu en forma de choiva persistente durante toda a mañá e parte da tarde. Houbo que xogar no pavillón de Nantes en lugar de no Campo de Billarda. Entón, as billardas non se mollaron e tiveron que voar máis baixo. 18 varados (golpe desde a saída que entra no varal) houbo en total. Puntuacións xenerosas e alegría moita. Por suposto, moita alegría antes de comezar a dar golpes en plena competición. No quecemento, as billardas corrían camiño do varal como lebres. A precisión e velocidade do anaco de madeira era sorprendente e poñía sorrisos e risos nas facianas.
Ben, as cousas e as emocións cambiaron a partir do inicio da xornada. Xa non había tanta boa dirección nin tanta alegría. Aínda así, en conxunto, as puntuacións foron altas como cando se xoga en pavillón. Así, Lúa ganou con 95 ptos e Corredoiras con 90 pts foi segundo, en terceira posición quedou Gharaboto con 89 ptos. Valpaços estivo cerca do podio con 82 ptos. Armadiña con 59 ptos quedou lonxe. Rinoceronte con 27 ptos non puido facer máis con 2 xogadores. En Equipos F, o intratable Gharaboto F volveu ganar con 74 ptos, seguido de Valpaços F con 62 ptos e dun sorprendente Lúa F con 56 ptos. Corredoiras F e Armadiña F non superaron os 50 ptos.





Estes foron os ganadores da xornada nas diferentes categorías
Álvaro Otero (GHARABOTO), Xián Burgos (LÚA) e Sergio Campos (LÚA)
Bego Ríos (CORREDOIRAS) Lu Torres (LÚA) Elena González (GHARABOTO)
Roque Villares (VALPAÇOS) Antía Balea (GHARABOTO) Sofía Montero (GHARABOTO)

Semella que esta temporada Valpaços pode estar cerca dos tres grandes, se facemos caso da tendencia que marcaron estas dúas primeiras xornadas. Lúa asentouse na primeira posición, 180 ptos, cunha vantaxe cómoda de 19 ptos sobre Corredoiras e Gharaboto, que empatan na segunda posición con 161 ptos. Valpaços non perde o paso e está con 159 ptos. Despois ábrese unha regaña de 40 ptos en relación a Armadiña, 119 ptos. Rinoceronte con 55 ptos aguanta o temporal mentres se recupera Gonzalo da súa lesión.
O xogador maliano de Corredoiras Bueu, Bambo Cisse fixo o seu primeiro varado. Experimentou esa agradable sensación de golpear a billarda desde a liña de saída e que esta vaia camiño do varal sen obstáculo que a deteña. En fin, un golpe para entrar na historia e para desatar a alegría contaxiosa do palanador de Corredoiras Bueu.

Gharaboto F ten o equipo máis potente das Rías Baixas e de toda a Liga Galega. Poucas xornadas deixarán de ganar e a día de hoxe discutirlle o título vai ser cousa de Valpaços F unicamente. Non obstante, hai tres equipos que están medrando coas novas incorporacións. Levaralles tempo acercarse ao equipo de Marín. Armadiña F, Corredoiras F e Lúa F van ter unha preciosa competencia durante toda a temporada para acabar no podio. Veremos co paso das xornadas se algunha destas alternativas consolida o seu proxecto e se acerca aos dous grandes equipos Femininos da Liga Galega. Clasificacións para consultar.





















