Martes, Maio 12, 2026
ActualidadeXornada

CAMPIONATO GALEGO DE BILLARDA 2025

O Campo Municipal de fútbol Arturo Pereiro de Castro de Rei acolleu o Campionato Galego de Billarda 2025. As ilusións eran moitas e con oligoelementos esenciais. A competición comezou coas doce da mañá enriba. 4 carreiras pola mañá foron suficientes para encontrar o apetito necesario e, de 14 horas a 16 horas, as deportistas nutriron e hidrataron os seus organismos multicelulares. Pola tarde, con algo de regadío desde o ceo, continuou a competición. A verde superficie estaba impecable e as billardas voaban e voaban, vaia, aquelas que non se espichaban como angazo no estrume do céspede.

A competición da mañá deixaba todo aberto para que moitos equipos mantiveran esperanzas de vitoria. As diferenzas non eran moitas xa que había que sumar 4 mellores puntuacións de cada escuadra. Así, pola mañá, Río Miño encabezaba con 55 ptos, seguido de Filloas con 53 ptos e Lúa con 49 ptos. A actuación de Valentín que con 20 ptos foi o xogador con máis puntos na sesión de cedo mantiña a Filloas con posibilidades de Título. En Equipos F, Lúa, Corredoiras e Valpaços estaban en podio, con vantaxe mínima para o equipo verde de Sanxenxo. Pola tarde, despois de xantar e sobremesa, as tres carreiras finais trouxeron o renacer dalgún equipo e o afundimento doutros. Así, Río Miño mantivo a primeira posición e levouse o Campionato na penúltima carreira por diante de Lúa que mantivo o pulso. As Panteiras de Cerceda, Cochiqueiros, metéronlle lubricante ás patas e nunha carreira desenfreada subiron ata a terceira posición do podio, por diante de Billardeiros Musicais. Valentín non soubo abituallarse ben e sufríu o mal do serán, unha sesta mal tomada, e fixo 5 ptos en tres carreiras. Isto significou que en dúas das carreiras non puntuou, cando pola mañá fixera 20 ptos entrando en dous golpes nas catro carreiras. Cousa que incidiu directamente no quinto posto final acadado por Filloas.  Sexto foi Corredoiras Bueu e sétimo Campo da Feira empatados a ptos. Oitavo Valpaços e noveno Rinoceronte.

 

Certos sucesos imprevistos ou nada planificados lévanse por diante previsións, remontas e tendencias. Río Miño acababa a mañá cunha vantaxe moi curta de dous ptos sobre Filloas e 6 sobre Lúa. Contaba o equipo da Terra Chá coa incorporación de Delia, na sesión da tarde e coa marcha de Kiko. Pois ben, Kiko quedou e os seus 9 ptos da tarde foron determinantes para o triunfo da Canariña de Castro de Rei. Si, a choiva fixo que se anulara o evento ao que tiña que acudir Kiko e puido rematar todas as carreiras. Hai que lembrar a distancia final de 7 ptos a favor da escuadra amarela, 90 ptos para Río Miño e 83 ptos para Lúa. Por fin a frase, “terían que aliñarse os astros para que nós ganásemos“, foi do máis real e verdadeiro. Ademais de astros do ceo, xuntáronse as nubes Darriba co Merlín Ares e os seus conxuros. Os bocadillos trifásicos fixeron o resto.

Os puntos individuais de cada xogadora e cada xogador servían para pasar ás eliminatorias e despois á final. Así, obter a máxima puntuación como fixo Charri (29 ptos), non garantía nada, soamente que o cruce eliminatorio sería contra xogadores con menos puntuacións na fase de grupos. Pasaban da fase de grupos as 24 mellores puntuacións, emparellándose despois en 8 eliminatorias de 3 xogador@s, dos cales se clasificaba 1 de cada trío para xogar a final a 8.

Charri con 29 ptos e puntuando nas sete carreiras dominou a fase de grupos, seguido por Xián e Cortón con 28 ptos cada un. Kiko e Xan con 26 ptos cerraban as cinco primeiras posicións. O único xogador que conseguiu entrar nas sete carreiras foi o mexicano de Bueu, Salvador Santos “Charri”. A última praza para ir a eliminatorias ocupouna Pepe Outeiro nun desempate no fío do fouciño contra Gervasio, Berdi e Eladio para dúas prazas. Quedaron fóra do corte con 14 ptos Gervasio e Berdi, pasaron Eladio e Pepe.

Ben, establecidas as posicións os emparellamentos estaban preparados. Serían dúas carreiras para decidir quen seguía xogando e quen gardaba o material. Só podía seguir un xogador de cada eliminatoria. A alta competición ten unhas leis de ferro e non hai forma de non cumprilas. Así, aínda que leves a máxima puntuación de toda a fase de grupos, aínda que puntuaras en todas as carreiras de grupo, como no momento das eliminatoiras o pulso non o teñas tan firme e seguro, pois a gardar as billardas na mochila. Foi o que lle pasou a 3 dos que obtiveron as 5 mellores puntuacións. Nin Charri, nin Xián, nin Kiko deron accedido á final.

Claro, estas cousas que pasan na billarda levan a reflexións de calado, e en silencio. O cerebro non para de darlle voltas, por que me pasa isto a min agora? Despois de estar excelente en todas as carreiras do grupo agora non lle dou un bo golpe á billarda. Que misterio, que enigma, que maldición me ten que poñer a perna enriba para que non levante cabeza?

Vale, non imos dedicar moitas frases a unha situación que sucede en máis momentos da vida humana e en calquera das actividades que desenvolve un ser que ten ese privilexio de vida. Hai que facer as cousas no momento preciso e no lugar indicado, como fai cada órgano que habita dentro do cuarto da corpo humano. Todo o demais son artificios, tamén hai que dicilo, entretidos e divertidos que nos ocupan.

Os cruces foron crueis cos xogadores que chegaban co bandullo cheo de puntos da fase de grupos e bondadosos con aqueles que xogaban as eliminatorias con escasas esperanzas, dadas as sensacións malas que traían da fase de grupos.

Así, a final a 8 disputaríana Miranda, Cortón, Enrique, Lu, Xan, Outeiro, Lucho e Daniel. O demais xa está gravado nas memorias externas e internas e nos arquivos. Nunha emocionante final con catro palanador@s con opción de título ata o último centímetro de campo. Na última carreira seis xogadores tiñan opcións de Título. Só Miranda e Lucho quedaran sen posibilidades ao non puntuar na segunda carreira. Daniel tiña 10 ptos, 8 pts Lu e Outeiro, 7 ptos Xan, 6 ptos Enrique e 5 ptos Cortón. Na última carreira entrou Cortón no segundo golpe con 5 ptos e poñíase líder empatado con Daniel, Xan entra con 5 ptos, tamén no segundo golpe e ascende á primeira posición con 12 ptos. Ninguén máis entrou no segundo golpe. No terceiro golpe entraron Miranda, Lu e Outeiro. Miranda xa estaba descartado para o Título e para o podio. Lu e Outeiro chegaban a 12 ptos e producíase un triplo empate na primeira posición con Xan. Golpe de Daniel para proclamarse campión e a billarda pasa por enriba da vara uns milímetros por fóra. Último golpe, non puntúa nin Enrique, nin Lucho. Daniel é o último en dar o golpe e ten a uns 10 metros o varal. Se entra proclámase Campión Galego e se non queda fóra do podio, non hai outra posibilidade. Daniel Rodríguez Saavedra de Billardeiros Musicais (Ribadeo) proclamouse Campión Galego de Billarda 2025, Lu Torres de Lúa quedou segunda e Manolo Outeiro de Corredoiras Bueu terceiro, despois dun golpe de desempate.

A final Feminina disputárona as xogadoras coas oito mellores puntuacións da fase de Grupos. Lu entrou no cuarto golpe e Delia conseguiu empatar para ter que decidir o Campionato nun golpe de desempate. En calquera final a respiración acompasada e encher de pensamentos positivos a cortiza cerebral é fundamental. Golpeou Lu e a billarda avanzou 6-7 metros, golpeou Delia e a billarda non deu subido o suficiente do chan para que a puidera golpear. Venceu Lu Torres (Lúa de Forza Sanxenxo), por diante de Delia Basanta (Río Miño – Castro de Rei). O terceiro posto do podio decidiuse tamén nun golpe de desempate, no cal Vero Pérez mostrou un golpazo e non deu opciónsde (Río Miño – Castro de Rei).

 

A final Infantil foi para Xián Burgos de Lúa, segundo Adrián Darriba de Río Miño e terceiro Iker Cortón tamén de Río Miño.

VARADOS

Xián de Lúa campión de Varados, segundo José Antonio Rial de Valpaços de Vigo e terceiro David Fernández de Cochiqueiros de Cerceda.

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *